O PP rexeita a petición ordinaria de investigación apoiada por BNG e PSdeG e Pontón anuncia que activará a posibilidade de lanzala en solitario, vía extraordinaria que só pode empregar unha vez en toda a lexislatura
O Parlamento de Galicia realizará unha investigación política dos contratos da Xunta con empresas vinculadas ao PP e a familiares do ex-presidente Alberto Núñez Feijóo e do sobrecusto de 470 millóns de euros do hospital de Vigo. Non será a través da vía ordinaria de creación de comisións de investigación, apoiada por BNG e PSdeG pero rexeitada este martes pola maioría absoluta do PP, senón grazas á única posibilidade extraordinaria que ten o BNG en toda a lexislatura de activar en solitario unha investigación. Así o anunciou no Parlamento a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
A petición ordinaria da investigación, tombada polo PP, foi defendida no pleno deste martes por Pontón, quen asegurou que "só quen ten algo que esconder ten medo a unha comisión de investigación". A nacionalista criticou tanto o "multimillonario sobrecusto do hospital de Vigo" certificado polo Consello de Contas como as dúbidas existentes sobre o xeito en que se tramitaron "miles de contratos adxudicados a dedo a familiares e empresas amigas vinculadas co PP" especialmente durante a pandemia da COVID-19.
Sobre os contratos, Pontón reclamou analizar as contratacións millonarias da administración galega con Eulen, na que Micaela Núñez Feijóo, irmá do ex-presidente da Xunta, é directora para o noroeste peninsular. No eido sanitario tamén puxo o foco en que a principal adxudicataria de contratos de emerxencia durante a pandemia foi Universal Support, empresa de telemarketing coa que a Xunta contratou durante meses os servizos de rastrexo telefónico de contactos da COVID-19. Nesa empresa o director comercial é Ignacio Cárdenas, irmán da parella de Feijóo. Tamén lembrou que a segunda empresa con maior contratación de emerxencia, Mape Asesores, mercou parte do material que importou da China a unha empresa catalá, FCS, que tiña como intermediario á parella da presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso.
"Imos usar a forza dos votos que nos deron 25 escanos para investigar os contratos", anunciou Pontón, para quen "só quen ten algo que esconder ten medo a unha investigación"
A propia Pontón asumiu na súa intervención que a maioría absoluta do PP tombaría a súa petición ordinaria de investigación, así que ela mesma anunciou que activará con esta cuestión a única posibilidade que ten en toda a lexislatura de crear unha comisión de investigación en solitario grazas a que o grupo parlamentario do BNG conta con 25 escanos, un terzo do hemiciclo. "Esta vez o final non o vai escribir o PP, os galegos e as galegas teñen a miña palabra de que vai haber comisión de investigación", dixo, para asegurar que "imos usar a forza dos votos que nos deron 25 escanos para investigar os contratos". "Digan o que digan hoxe, haberá comisión de investigación", sentenciou Pontón.
Á espera desa vía extraordinaria, no debate deste martes da vía ordinaria a petición do BNG recibiu o apoio do PSdeG, cuxa deputada Elena Espinosa criticou a fragmentación ilegal de contratos por parte da Xunta para poder adxudicalos sen concursos públicos. Pola contra, o PP desbotou calquera irregularidade asegurando que os contratos xa foron fiscalizados polo Consello de Contas, malia que este ente só analizou unha mostra deles e non a totalidade.
O portavoz popular retou a Pontón insinuando que as conclusións da investigación, que poden ser impostas polo PP, serán desfavorables para o BNG
Durante a súa intervención, o portavoz popular, Alberto Pazos Couñago, empregou referencias á situación política en Venezuela e a supostos recortes aos que tería que recorrer o goberno de coalición de PSdeG e BNG que gobernou entre 2005 e 2009 se non fixese o hospital co modelo concesional con sobrecusto elixido polo PP. Pazos Couñago tamén retou a Pontón a que impulsase a vía extraordinaria para investigar os contratos e o hospital de Vigo insinuando que as súas conclusións serán desfavorables para o BNG. Facía ver así de xeito implícito que, aínda que o BNG poida crear a comisión de investigación, será o PP e a súa maioría absoluta quen poida impoñer as comparecencias, o ritmo dos traballos e as conclusións.
Antes do debate deste martes o BNG xa pedira en agosto, co apoio do PSdeG, a comparecencia do presidente Rueda nun pleno extraordinario para dar explicacións sobre o hospital de Vigo. Tamén daquela o PP tombara a petición grazas á súa maioría absoluta argumentando que a Xunta "decidiu priorizar a saúde dos galegos sobre os custos financeiros do proxecto".