Contas certifica un sobrecusto de 470 millóns pola decisión de Feijóo de facer o hospital de Vigo cunha concesión

Feijóo, nunha visita ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en febreiro de 2020 e informe do Consello de Contas crítico coa súa xestión CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Unha década despois da súa construción o ente fiscalizador conclúe que a colaboración público-privada elixida polo Goberno galego estivo mal planificada e non cumpriu os obxectivos fixados 

Hai nove anos, o 29 de xuño de 2015, Feijóo puña en servizo o novo hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cuxa construción material custara algo máis de 300 millóns de euros. Pero non foron uns cartos que puxese directamente a Xunta senón que esta encargou a unha concesionaria a súa construción e mantemento dos servizos non sanitarios durante 20 anos a cambio de cobrar durante ese tempo uns 70 millóns de euros ao ano. En total, máis de 1.600 millóns de euros, dos que nove anos despois da inauguración aínda quedan por pagar a metade a unha concesionaria hoxe controlada por fondos de investimento.

Conclusión do Consello de Contas sobre a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo CC-BY-SA Praza Pública

Unha década máis tarde o Consello de Contas vén de facer público na tarde deste mércores 31 de xullo un informe de fiscalización daquel contrato de concesión e os seus efectos co paso do tempo. Unha análise que conclúe que o Goberno galego non planificou adecuadamente aquela concesión, que non cumpriu os obxectivos que se fixaran e que o modelo elixido foi menos eficiente que se a propia Xunta contratase por separado a construción material do edificio e o posterior mantemento "xa que se poderían acadar resultados similares a un menor custo". Unha diferenza de custo entre os dous modelos que Contas cifra en 470 millóns de euros.

Hai uns meses o ente fiscalizador xa revelara que a Xunta está a pagar de máis polas concesións de autovías con peaxe en sombra planificadas tamén por Feijóo hai máis dunha década. Igualmente, Contas tamén censurou a falta de planificación das concesións de transporte interurbano adxudicadas en 2020.

Contas di que a Xunta elixiu o modelo de concesión "sen unha análise comparativa previa en termos de eficiencia e eficacia con respecto a unha adxudicación de contrato público tradicional"

O informe sobre o Álvaro Cunqueiro agora feito público, nunha tarde de verán, como adoitan divulgarse algúns dos informes máis críticos do Consello de Contas, analiza desde a xénese ata o desenvolvemento actual da concesión do hospital. As súas conclusións comezan lembrando que o Tribunal de Contas Europeo xa sinalara que con ese tipo de colaboracións público-privadas corríase "o risco" de afectar "á relación calidade-prezo e á transparencia", polo que había que se especialmente dilixentes na elección do modelo. Pero Contas di que a Xunta elixiu ese modelo de concesión "sen unha análise comparativa previa en termos de eficiencia e eficacia con respecto a unha adxudicación de contrato público tradicional".

Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo © CIG

Canto á planificación da construción necesaria, o ente fiscalizador sinala que, fronte ás dimensións inicialmente previstas, houbo reducións e modificacións dos espazos que "evidencian unha planificación insuficiente da actuación". Igualmente, tamén considera insuficiente o estudo de viabilidade económica realizado. E, aínda que si se calcularan inicialmente de xeito adecuado as distribucións de riscos que podía chegar a asumir a concesionaria, o contrato foi posteriormente sometido a un proceso de reequilibrio económico para atender ao incremento do custo de financiamento da concesionaria que acabou alterando a transferencia de riscos do sector público ao privado.

Contas lembra que no proceso de adxudicación foi excluída unha das empresas por non reunir a puntuación suficiente, pero di da finalmente adxudicataria que foi elixida sen que os criterios de solvencia técnica e adxudicación fosen adecuados. 

Canto á eficacia do investimento, co novo hospital "non se logrou acadar completamente os obxectivos fixados" pola propia Xunta, que "era acadar 2.000 camas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, mentres que o maior número de camas instaladas no período fiscalizado foi de 1.366 no ano 2020". "O mesmo acontece cos obxectivos fixados en canto ao número de instalacións, procesos asistenciais e redución do peso relativo co sector privado (Povisa)", engade o informe. 

Comparativa elaborada polo Consello de Contas do que custaría o Álvaro Cunqueiro cun ou outro modelo de contratación CC-BY-SA Praza Pública

O informe sinala tamén "debilidade" no seguimento por parte da Administración do expediente tanto na fase de contratación como na de execución da obra, aínda que si admite que unha vez posto en servizo o hospital está habendo "un adecuado seguimento das incidencias producidas na prestación dos servizos, así como no seguimento das actuacións realizadas pola concesionaria para solucionar os fallos de calidade e dispoñibilidade". Unha fase do contrato "marcada por un elevado número de litixios entre a concesionaria e a Administración, recaendo sentenzas favorables á Administración na práctica totalidade deles".

Contas tamén admite que a execución en si da obra non supuxo sobrecustos para a administración, pero matiza que houbo "unha redución da superficie hospitalaria que ten incidencia tanto na fase de construción da infraestrutura como no custo da prestación dos servizos, sen que se reducise o prezo do contrato". 

Contas calcula que coa concesión vixente a Xunta pagará entre 2015 e 2025 uns 1.696 millóns, mentres que se elixise unha contratación ordinaria o custo no mesmo período sería de 1.226 millóns

E é na análise económica do contrato onde Contas considera de xeito máis explícito que o modelo elixido polo Goberno de Feijóo non foi o adecuado. O ente fiscalizador calcula e compara o que xa pagou e ten pendente de pagar a Xunta á concesionaria entre 2015 e 2025, que cifra en 1.696 millóns de euros, IVE incluído, co que tería que pagar se contratase por unha banda ela mesma a obra do edificio con pago inmediato e por outra os diversos servizos a prestar nel. 

A estimación de Contas é de 1.226 millóns de euros no mesmo período de tempo, polo que hai unha diferenza de 470 millóns de euros que levan ao ente fiscalizador a concluír que "a opción máis vantaxosa sería a licitación dun contrato de obras para a execución da infraestrutura, por unha banda, e a licitación de contratos de servizos, por outra". Esa alternativa descartada por Feijóo, sinala Contas, "é máis eficiente que o contrato de concesión realizado, xa que se poderían acadar resultados similares a un menor custo".

Feijóo amosa unha páxina do programa electoral do PSOE para as eleccións de 2008, durante un pleno do Parlamento no seu primeiro mandato como presidente da Xunta CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

En 2021 Feijóo culpou a Zapatero de que o hospital de Vigo o construíse unha concesionaria e gabou que a ampliación do da Coruña sería realizada pola propia Xunta

Tras defender no seu momento o propio Feijóo o modelo elixido co argumento de que tras a crise económica a Xunta non tería cartos para facer ela mesma tan rápido un novo hospital, en 2021 o presidente mudou de argumento. Para gabar desta volta a súa nova decisión de ampliar o hospital da Coruña directamente con cartos públicos, sen concesión polo medio, Feijóo asegurou que "co de Vigo fomos ao Goberno de España e lle trasladamos a dificultade, no ano 2010, 2011”, e segundo el “a Intervención do Estado do presidente Zapatero nos dixo que a única solución que había era o financiamento público-privado”.

Ao respecto, Contas limítase a sinalar que a construción directa do hospital por parte da Xunta "esixiría a renuncia da Administración á execución de gasto corrente ou doutros investimentos para cumprir o obxectivo de déficit para os efectos de estabilidade orzamentaria".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.