A Xunta insiste en defender a concesión privada con argumentos xa analizados por Contas e desbotados
O informe do Consello de Contas que na tarde deste mércores revelou un sobrecusto de 470 millóns de euros pola decisión de Feijóo de construír hai unha década cunha concesión privada o novo hospital de Vigo provocou a reacción tanto da oposición como do Goberno galego. Para os primeiros o informe do ente fiscalizador ratifica as denuncias que veñen lanzando desde hai unha década, o que os leva a pedir novamente o rescate da concesión e que o centro sexa completamente "público". Pola súa banda, para a Xunta o informe non é tan grave, malia que o propio Consello de Contas xa desbotou a gran maioría dos argumentos cos que agora insisten en defender o modelo elixido.
O BNG cualifica de "estafa xigantesca" a xestión do hospital de Vigo e o PSdeG salienta o "cambio drástico" do proxecto iniciado por Touriño
Desde o BNG cualifícase como "estafa xigantesca" o "modelo privatizador do PP no Álvaro Cunqueiro" e reclámase á Xunta "que inicie o proceso para recuperar a concesión". "O Executivo do PP ten que dar moitas explicacións sobre este entramado de irregularidades que denuncia o Consello de Contas, pero o máis importante é que atenda o clamor social que demanda unha rectificación completa, un xiro de 180º nas súas nefastas políticas sanitarias”, manifestou o deputado de Vigo Brais Ruanova.
"Foi un proceso acelerado, mal planificado e deseñado en función de intereses privados”, considera o nacionalista" que fixo que a área de Vigo veña sendo "durante os últimos 15 anos un laboratorio, un banco de probas para o PP no seu proceso de privatización da sanidade pública galega, sendo cada vez maiores as derivacións do Sergas a centros privados".
"Entre o canon do Álvaro Cunqueiro, os contratos de derivación e o concerto de Povisa, o Partido Popular está desviando cada ano preto de 200 millóns de euros de recursos públicos do orzamento sanitario para os petos de empresas privadas”, denuncia o deputado do BNG.
Desde o PSdeG lémbrase que o foi o ex-presidente Touriño quen promoveu inicialmente a construción dun novo gran hospital "público" para o sur de Galicia, pero que "sufriu un cambio drástico no seu proxecto baixo a administración de Feijóo".
"Recorreuse a fondos privados que funcionaron como prestamistas, incrementando significativamente a carga financeira sobre a cidadanía", din os socialistas, que insisten na súa petición de "conversión do Hospital Álvaro Cunqueiro nunha entidade completamente pública". Esas peticións, lembra o PSdeG, "foron sempre rexeitadas polo PP, que nos acusou de alarmistas e mentireiros", pero "agora, co respaldo do informe do Consello de Contas, queda claro que as nosas preocupacións eran fundadas".
Os socialistas consideran que o informe "non só valida as nosas denuncias, senón que tamén subliña a necesidade urxente de reconsiderar a xestión e financiamento do hospital".
Pola súa banda, a Xunta divulgou un comunicado no que critica diversas conclusións de Contas e asegura que recoñece no seu informe que o modelo de concesión elixido para o hospital "era o único posible e viable", afirmación que non fai o ente fiscalizador.
O Goberno galego tenta desmontar as conclusións críticas ás que chegou Contas con argumentos que replican as alegacións que a propia Xunta xa presentou hai meses a este informe do ente fiscalizador. Argumentos e alegacións que, tras estudalos, foron desbotados na súa gran maioría por Contas, que xa incorpora nas súas propias conclusión críticas as consideracións que estimou pertinentes.