O presidente eloxia por axudar a mellorar a saúde da cidade ao goberno local coruñés, criticado pola veciñanza afectada polas expropiacións
“A Intervención do Estado do presidente Zapatero nos dixo que era a única solución que había”. Así respondeu este xoves o presidente Feijóo sobre o feito de que o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo fose construído hai unha década a través dunha concesionaria privada que adiantou os cartos e á que a Xunta aínda debe preto de mil millóns de euros a pagar ata 2035 mentres que a ampliación do da Coruña será executada directamente con 430 millóns de euros do propio Goberno galego.
O convenio para a ampliación do hospital da Coruña, no que o Concello pon os terreos e a Xunta as obras, foi aprobado este mércores no Pleno da cidade cos votos a favor de PSOE e PP e a abstención de Marea Atlántica e BNG entre críticas da veciñanza afectada polas expropiacións por mudar o goberno local a súa postura de que o complexo medrase cara outro lado. Este xoves o convenio foi tamén aprobado polo Consello da Xunta e ao seu remate o presidente Feijóo deu conta do mesmo eloxiando o goberno local polo que definiu como unha contribución á mellora da saúde da cidade.
Feijóo foi preguntado polo modelo de financiamento da nova obra, se esta se realizará a través dunha colaboración público-privada como ocorreu co hospital de Vigo, no que a concesionaria adiantou os 300 millóns que supuxo a construción física do edificio a cambio de xestionar e obter beneficios das instalacións non sanitarias como o aparcamento e recibir tamén un canon anual con xuros por parte da Xunta ata 2035.
Feijóo dixo que agora a Xunta pode “incorrer en déficit público” e endebedarse ela mesma para executar o hospital coruñés pagando a súa construción directamente con fondos públicos, mentres que hai unha década, durante a anterior crise económica, tivo que recorrer ao modelo público-privado, no que unha concesionaria adiantou os cartos, porque o Goberno central daquela non lle deixou outra opción.
A concesionaria do hospital de Vigo, impulsada por construtoras e caixas de aforros, está agora controlada por fondos de investimento de centroeuropa
“Co de Vigo fomos ao Goberno de España e lle trasladamos a dificultade, no ano 2010, 2011”, dixo Feijóo, quen engadiu que “a Intervención do Estado do presidente Zapatero nos dixo que a única solución que había era o financiamento público-privado”.
Desde aquela, a concesionaria do hospital de Vigo, impulsada orixinalmente por construtoras como Acciona e Puentes y Calzadas e caixas de aforros, vén rexistrando sucesivos cambios de accionistas que fan que agora estea controlada por fondos de investimento de centroeuropa. Tras anos de críticas desde diversos eidos pola forma de xestión elixida para o hospital de Vigo, hai dous anos a Xunta decidiu gastar preto dun millón de euros en instalar letreiros de "hospital público" en todos os seus centros, incluido o Álvaro Cunqueiro.