Folga nos centros de saúde de Galicia o vindeiro mércores 26 de novembro. Os sindicatos con representación na Mesa Sectorial de Sanidade —CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT— anunciaron este venres nun comunicado conxunto que as medidas avanzadas pola Consellería de Sanidade para o cambio de modelo na atención primaria supoñen "unha modificación substancial moi penosa das condicións de traballo das e dos profesionais e da prestación asistencial que recibe a cidadanía".
Os sindicatos representados na Mesa Sectorial convocan folga ante o plan "insuficiente e improvisado" que o novo modelo de atención primaria reserva ao seu persoal
Ante esa situación, as organizacións sindicais anuncian a convocatoria de mobilizacións e folga na atención primaria para ese 26 de novembro. Fano logo de rexeitar o cambio de modelo proposto e despois de exixirlle á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas a "retirada inmediata" do documento sobre as liñas de actuación e medidas para o cadro de persoal presentado na Mesa Sectorial do pasado 17 de outubro por consideralo "insuficiente, improvisado e carente de contido real".
Os sindicatos lembran que solicitaron a convocatoria dunha Mesa Sectorial para abordar "cuestións fundamentais" como o Plan de Ordenación de Recursos Humanos da Atención Primaria e o modelo asistencial dos sábados pola mañá, mais o documento presentado polo Sergas, segundo denuncian, "non responde ás demandas sindicais nin aos problemas estruturais do sistema".
"A situación da atención primaria Galicia é crítica. O Sergas non pode seguir improvisando nin agochando a falta de planificación detrás de documentos baleiros"
"A situación da atención primaria Galicia é crítica. O Sergas non pode seguir improvisando nin agochando a falta de planificación detrás de documentos baleiros. O persoal da sanidade pública e a cidadanía merecen unha resposta seria e inmediata", explican as organizacións representadas na Mesa Sectorial, que veñen de enviar á Consellería un documento coas súas demandas.
Nel, reclaman a "retirada progresiva da categoría de Facultativo Especialista de Atención Primaria (FEAP)" para elaborar "un plan de reconversión das prazas actuais de FEAP en prazas de médica e médico de familia, garantindo a continuidade laboral das persoas afectadas e a cohesión do modelo asistencial".
Tamén demandan datos desagregados por cada centro de saúde e PAC que permitan unha "análise obxectiva da situación real da atención primaria", así como "propostas concretas de actuación, diferenciando medidas a curto, medio e longo prazo, de forma clara e desenvolvida".
"Asistencia sen demoras"
Nas peticións dos sindicatos inclúese unha "análise das ratios de persoal existente por categorías nos distintos centros en relación ao grao de desenvolvemento das competencias e das carteiras de servizos" para abordar o número de profesionais necesarios para a posta en marcha das carteiras de servizos en todos os centros.
Ademais, demandan abordar a situación do persoal administrativo para dotalo de recursos e traballadores necesarios, así como a implementación das categorías profesionais requiridas "para prestar unha asistencia sanitaria de calidade á poboación, é dicir, sen demoras".
Por último, solicitan ao Sergas que desenvolva o concurso específico da especialidade de enfermaría familiar e comunitaria e se negocie un plan plurianual de reconversión de prazas xerais de enfermaría en prazas de enfermeira especialista, tanto de familia como de pediatría, na Atención Primaria.
 
                                 
         
        