Tres de cada dez profesionais secunda a folga médica nos grandes hospitais do Sergas

Mobilización de persoal médico galego ante o Ministerio de Sanidade CC-BY-SA O'Mega

A Xunta cifra no 23,5% o seguimento da folga de persoal médico nos centros sanitarios de Galicia. Baixo o lema Por un estatuto propio e pola recuperación da calidade asistencial, as organizacións O'Mega e Simega chamaban ao paro para rexeitar o Estatuto Marco proposto polo Ministerio de Sanidade e para visibilizar o que consideran unha "deterioración" crecente nas condicións de traballo e asistenciais da profesión no Sergas. 

A Xunta cifra no 23,5% o seguimento da folga, case un 30% nos hospitais, un 20% nos centros comarcais e un 10% na Atención Primaria

Así, e segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, a porcentaxe de participación na folga nos sete grandes hospitais do Sergas na quenda de mañá acadou case o 30% (29,5%), unha cifra que se reduce ata pouco menos do 20% no caso dos centros hospitalarios comarcais (19,8%). No seu conxunto, a actividade hospitalaria contou cunha participación na folga do 28,6 %.

Reunión da ministra de Sanidade, Mónica García, con representantes do sindicato médico O'Mega CC-BY-SA O'Mega

No que atinxe á Atención Primaria, o seguimento da folga acadou o 10,67 % de participación segundo os datos da Consellería, que asegura que "está a responder axeitadamente a todas as urxencias que se presentaron nos centros sanitarios galegos".

O seguimento do paro foi importante no CHUVI, no HULA e no CHOP, por riba do 34%

Ao debullar os datos, destaca o seguimento da folga no CHUVI, onde superou o 36%, e tamén no HULA e no CHOP, onde pasou do 34%. En canto aos hospitais comarcais, foi no de Monforte onde o paro foi mellor acollido, cun seguimento que roldou o 34%. Na Primaria, pola súa banda, foi na área de Vigo onde o apoio á folga foi bastante superior á media, superando o 23%. 

A folga, convocada en todo o Estado pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM), pretende mostrar o rexeitamento da profesión ao borrador do Estatuto Marco presentado polo Ministerio de Sanidade e reclamar un texto propio para a profesión.

É o segundo paro a nivel estatal tras o convocado o pasado 13 de xuño e as organizacións médicas denuncian a a "ausencia total" de vontade negociadora por parte de Sanidade. O Ministerio rexeitou en varias ocasións retirar o actual borrador de Estatuto Marco e negociar un texto exclusivo para o colectivo médico, tal e como demandan CESM, Simega ou O'Mega, que piden tamén medidas como a voluntariedade das gardas, unha xornada de 35 horas semanais ou unha clasificación que recoñeza as súas particularidades coa creación do grupo A1+.

A folga, convocada por O'Mega e Simega en Galicia, pretende amosar o rexeitamento ao borrador do Estatuto Marco do Ministerio e pide un exclusivo para médicos

Esta folga foi apoiada polo Consello Galego de Colexios Médicos e pola Organización Médica Colexial (OMC), que animou a secundar o paro para unir á profesión "nunha soa voz" e para defender a "dignidade" dos médicos. Xa o pasado 16 de setembro, milleiros de traballadores sanitarios reclamaron un "Estatuto Marco para avanzar" e que "poña en valor profesionais e pacientes". Daquela foran Satse, CCOO, UGT, CSIF e CIG-Saúde os convocantes dunhas mobilizacións nas que se demandou que esta nova lei "contemple todos os cambios necesarios para acabar con "anos de recortes, precariedade e discriminación".

Mobilización contra o borrador do Estatuto Marco, o pasado 16 de setembro no CHUAC CC-BY-NC-ND CIG

Porque a loita contra este Estatuto Marco tamén se afronta desde a división: por unha banda os sindicatos que sentan na mesa oficial de negociación e por outro a CESM e outras organizacións médicas, criticadas polas forzas sindicais ao consideralas "non lexitimadas" e provocar "inxerencias" nas conversas

"Un Estatuto Marco exclusivo para médicos racharía a cohesión e xeraría desigualdades", di o Ministerio

Desde Galicia, este venres, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, demandou tamén que a "singularidade dos facultativos" e do persoal médico debera ser "recollida" nese Estatuto Marco e lamentou que o que era "unha oportunidade" acabase "con todo o mundo descontento". Ademais, demandou que as negociacións procurasen un "consenso" que, segundo denuncia, non existe. "As comunidades autónomas non participamos en nada disto", advertiu. 

Se a negociación continúa así, o Ministerio vese abocado a aprobar a nova lei que regula as condicións laborais do persoal sanitario cos sindicatos, as organizacións médicas e as comunidades autónomas gobernadas polo PP en contra. 

Precisamente, o Ministerio, segundo recollen varios medios, di respectar a folga de médicos e entender o seu "malestar" logo de anos de "sobrecarga e precariedade", pero rexeita un Estatuto Marco só para ese colectivo porque "racharía a cohesión e xeraría desigualdades". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.