Persoal médico concentrouse este pasado luns ás portas de hospitais de toda Galicia para protestar contra a proposta de modificación do estatuto marco impulsada polo Goberno de España. Convocados no país polas organizacións O'Mega e Simega, xunto coa Asociación MIR España e MUD, e co apoio do Consello Galego de Colexios Médicos, facultativos uníronse ás protestas que se celebran en todo o Estado, impulsadas por outras organizacións gremiais e a CESM (Confederación Estatal de Sindicatos Médicos), e que desembocarán o vindeiro xoves nunha mobilización ante o Ministerio de Sanidade.
"Por un estatuto propio para a profesión médica e facultativa", rezaban as pancartas nalgunhas protestas, coas que os médicos mobilizados amosan o seu "rexeitamento" á nova normativa que se negocia para regular o exercicio do seu labor. Non lles chista ás organizacións gremiais, que sinalan —ao igual que o PP e moitas comunidades gobernadas por este partido— a ministra Mónica García.

Profesionais médicos mobilizáronse este luns en Galicia contra a proposta de estatuto marco do Ministerio e reclamando un "propio" para os facultativos
Entre as demandas destas entidades, un estatuto propio que recoñeza a especificade do labor médico para "reter e fidelizar" o persoal, un aspecto que rexeita o Ministerio porque considera que o estatuto marco abrangue todos os profesionais do Sistema Nacional de Saúde (SNS). Tamén piden unha nova clasificación profesional de acordo coa súa formación, melloras no sistema de xubilación, redución da xornada laboral e garantías para a conciliación ou menos horas de garda se redución retributiva.
"Hai bastantes puntos do borrador que nos prexudican: unha xornada laboral de 48 horas, que as gardas na maioría dos casos non computan como tempo traballado cara á xubilación ou non sermos considerados profesión de risco", defendeu este mesmo luns o sindicato O'Mega tras unhas mobilizacións que "non foron multitudinarias", segundo recoñeceu o secretario xeral do Sindicato Médico de Galicia (Simega-CESM), Enrique Marra-López, pero si "a saída" do que é "unha carreira de fondo".
A ministra de Sanidade, Mónica García, defende o texto impulsado polo seu departamento e as negociacións levadas a cabo e lembra que, entre outras cousas, recoñece o persoal investigador dentro do SNS, que regula o acceso das mulleres a cargos de responsabilidade e cargos directivos ou que elimina as gardas de 24 horas, establecendo que a xornada ordinaria de garda non poida superar as 17 horas.
O Goberno de España aposta por prohibir aos xefes de servizo compaxinar a privada coa pública, unha das medidas que máis alporizou as organizacións médicas
Pero hai unha medida que non só ergueu o enfado entre o persoal médico mobilizado, senón tamén o debate e a polémica alén dos centros sanitarios: a exclusividade para os xefes de servizo e outros postos directivos, que non poderán compatibilizar o seu traballo na sanidade pública coa sanidade privada. Ademais, o borrador prevé a obrigatoriedade dos residentes que inician a súa carreira a traballar durante os cinco primeiros anos unicamente no sistema sanitario público, unha medida matizada logo xa que non se aplicaría no caso de que eses contratos iniciais fosen de xornada reducida.
"Ninguén se imaxina que alguén poida traballar na Coca-Cola e na Pepsi á vez; sabemos que xera conflitos de interese e malas prácticas que prexudican o noso SNS", dixera a ministra García sobre unha medida pola que se lle botaron enriba organizacións profesionais e colexios médicos, fundamentalmente, pero que é un debate antigo que non ten postura unánime na profesión.

Mentres CIG-Saúde, sindicato maioritario no Sergas, ou colectivos pola sanidade pública defenden a exclusividade dos xefes de servizo, O'Mega, Simega ou os colexios médicos están en contra
Ante o que considera "desinformacións", o Ministerio de Sanidad afondou este martes nunha guía sobre o borrador "aínda en negociación". Respecto á polémica incompatibilidade, destaca que "xa existe en varias comunidades autónomas" e que, "no marco dun desempeño ético das funcións directivas e de xestión", considérase que "o profesional que realice esta función [a de mando intermedio] debe ter dedicación exclusiva". "Para compensar esta dedicación plena, creouse un complemento de dedicación exclusiva", insiste o departamento que dirixe Mónica García, que engade que a incompatibilidade "non afectaría a tarefas de formación e investigación".
Pero horas antes, o pasado luns, tanto Simega como O'Mega, tras as súas mobilizacións en Galicia, insistían no seu rexeitamento á medida por considerala "unha maneira de escravizar" que non axudará a solucionar que o persoal médico queira traballar no sistema sanitario público.
Pola súa banda, CIG-Saúde, sindicato maioritario da sanidade pública galega, critica a falta de "avances reais" na negociación do novo estatuto marco e demanda unha actualización das retribucións de acordo á nova clasificación profesional, que se delimite unha xornada máxima e non se permita pasar das 40 horas semanais ou que se especifiquen as funcións propias de cada categoría. No entanto, "celebra que se inclúa a obriga de que os postos directivos e xefaturas leven consigo a dedicación exclusiva á sanidade pública" e pide, ademais, "que se premie a dedicación exclusiva a todos e todas as profesionais da sanidade pública, para o que incluímos entre as nosas propostas a creación do novo complemento de dedicación exclusiva".
"Hai que evitar conflitos de intereses: de como funcione un servizo público ou que teña máis ou menos lista de agarda pode beneficiar unha consulta privada", advirte CIG-Saúde
"Hai que evitar conflitos de intereses, entre outras cousas porque como funcione un servizo público e que haxa máis ou menos listas de agarda pode beneficiar un servizo privado. Temos múltiples exemplos de xefes de servizo en consultas privadas que creceron moito desde que eles traballan nelas", di Manuel González Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde.
Desde CESM ou O'Mega, pola contra, aseguran que é "evidente" que a exclusividade proposta polo Ministerio suporá "unha perda inevitable de talento e experiencia para o sistema público". No caso dos MIR e os seus primeiros cinco anos de traballo, consideran que a exclusividade é "discriminatoria e inxusta" e supón "un convite a optar por opcións distintas á pública".
O Consello Galego de Colexios Médicos, pola súa banda, xa expresara a súa oposición a unha exclusividade que, na opinión do seu presidente, Eduardo Iglesias, "ataca frontalmente a liberdade profesional" e podería, na súa opinión, incentivar o éxodo de profesionais a outros países con menos restricións.

O conflito de 2023
Fontes de persoal médico e da súa representación laboral aseguran que nesta protesta polas intencións de exclusividade hai tamén demandas "dalgúns profesionais que defenden a privada, acabar coa dedicación exclusiva, favorecer que traballadores da pública exerzan tamén na privada e, deste xeito, abaratar os custos salariais destas empresas". "Logo de dous anos de negociación do estatuto marco, a algúns acordoulles agora protestar, precisamente por sito", afirman.
O caso é que hai case dous anos, un conflito semellante acabou tamén con polémica. En abril de 2023, a Consellería de Sanidade asinou un pacto co sindicato médico CESM para desconvocar a folga de persoal facultativo que a organización gremial convocara en solitario e que organizacións a prol da sanidade pública cualificaran de "corporativa e clasista". En pouco máis dunha semana provocara a suspensión de máis de 1.600 operacións cirúrxicas, case 3.000 probas e unhas 32.000 consultas.
O acordo consistira, esencialmente, en melloras retributivas para médicas e médicos e incluía ampliar aos que tamén traballan na privada o denominado "complemento específico", un plus salarial ata daquela reservado a profesionais que exercen exclusivamente no Sergas. En paralelo, Sanidade tamén acordara cos sindicatos da Mesa Sectorial -órgano formal de interlocución co persoal, composto segundo os resultados das eleccións sindicais- subas retributivas para outras categorías profesionais.
Fronte aos 900 euros adicionais de médicas e médicos que se dedican só á pública, os que tamén traballan na privada cobrarían uns 720. En 2024 gozaron del algo máis de medio milleiro de facultativos en Galicia.
Agora, e ante a proposta de estatuto marco, a Xunta critica a postura do Ministerio e alíase coas organizacións gremiais. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, rexeitou a proposta de prohibir que os xefes de servizo puidesen exercer tamén na privada. "As persoas son libres de, no seu tempo libre, facer o que queiran", dixo hai menos dun mes.
Ao tempo, este mesmo luns, a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) cualificou a proposta de prohibir os xefes de servizo exercer na privada como "absolutamente coherente". "Están suficientemente comprobados os problemas de corrupción asociados á dobre dedicación, como xerar e alterar as listas de espera, parasitar os recursos do sistema público ou dar tratos de favor a clientes das súas clínicas privadas", manifestou. Ademais, din, "a dobre dedicación reduce a oferta de postos de traballo ao persoal en paro".