O pasado 12 de febreiro, milleiros de persoas responderon á chamada da plataforma SOS Sanidade Pública. Persoal sanitario das diversas categorías do Sergas, sindicatos, plataformas locais e partidos políticos -todos os principais, agás o PP- secundaron unha masiva manifestación para, co foco especialmente posto na Atención Primaria, reclamar máis orzamento, máis persoal e mellora da asistencia á poboación, entre outros aspectos.
Xunta e PP retrucaron a protesta de SOS Sanidade en febreiro con alcumes e acusacións de partidismo aos convocantes. A folga de CESM recibírona con contrariedade, pero con cautela e "man tendida"
En vésperas daquela exitosa mobilización, o PP e o Goberno galego esforzáronse en descualificar a plataforma convocante, á que alcumaron como "SOS Bipartito" para tentar facer ver que se trata dunha organización formada esencialmente por antigos cargos do Executivo PSdeG-BNG (2005-09). Ademais, reiteraron que a mobilización tiña intención electoral. Ao tempo, a Xunta ofrecía futuras inxeccións económicas para o persoal médico, mentres que SOS Sanidade advertía de que a cerna da protesta non estaba vinculada ás remuneracións.
Dous meses despois, o pasado 11 de abril, comezou no Sergas a folga indefinida convocada en solitario polo sindicato CESM, con certo predicamento entre o persoal médico e sen representación na Mesa Sectorial de Sanidade, o órgano de interlocución entre a Consellería e o seu cadro sanitario, por non ter votos dabondo. Xunta e PP recibírona con contrariedade, pero con máis cautela. O Goberno galego ofreceu "man tendida" para negociar e o PP manifestou "incomprensión" pola convocatoria xa que, indicaron ambos, boa parte da táboa reivindicativa estaba xa en vías de aplicación ou de negociación na Mesa Sectorial, onde CESM non está. Non existiron, neste caso, cando menos publicamente, alcumes para a organización convocante nin teses sobre eventuais intencións partidistas en vésperas dunhas eleccións municipais que tamén supuñan para o Goberno do PP un aguillón para poñer fin á folga decontado.
O pacto do CESM coa Xunta que puxo fin á folga na véspera do inicio da campaña das eleccións sindicais no Sergas é esencialmente retributivo, abre a porta dun plus salarial ao persoal médico que tamén traballa na privada e apenas menciona melloras asistenciais
Na medianoite do mércores ao xoves desta semana, a primeira xuntanza entre o comité da folga de CESM e a Consellería de Sanidade finalizaba con acordo e desconvocatoria do paro. O pacto foi esencialmente retributivo. En resumo, maior remuneración por gardas e que o persoal médico que traballa no Sergas e tamén na sanidade privada poida acceder a cobrar o denominado "complemento específico", un plus salarial que ata agora só perciben os facultativos que exercen só na sanidade pública galega. Son uns 800 euros ao mes e a Xunta comprométese a que médicas e médicas que traballan tamén na privada non perciban menos de 620 a partir do 1 de xaneiro de 2024.
A desconvocatoria, tal e como evidencia o texto do acordo -ao que tivo acceso Praza.gal-, chegou na véspera do inicio da campaña das eleccións sindicais no Sergas, que principia este 21 de abril. O pasado luns, CESM anunciaba unha coalición co sindicato funcionarial CSIF para este proceso e ata 2027.
A mensaxe política do acontecido non é inocua nin menor. Un paro que provocou a suspensión, segundo datos do Sergas, dunhas 1.600 cirurxías, arredor de 32.000 consultas e en torno a 2.700 probas quedou suspendido tras acadar unha táboa de melloras esencialmente retributivas. As cinco páxinas do acordo apenas inclúen unha mención á calidade asistencial, referente a valorar nos vindeiros meses se as medidas aplicadas polo Sergas para reducir a carga do persoal médico de Atención Primaria dan resultado. En Primaria, precisamente, a folga de CESM tivo un impacto moi inferior ao dos hospitais, onde servizos enteiros ficaron sen ningún efectivo alén dos servizos mínimos.
O acontecido deixa un pouso na opinión pública segundo o cal a protesta sanitaria é cuestión de cartos e dota o actual Goberno galego de ferramentas para confrontar futuras mobilizacións no Sergas aínda que sexan alleas a CESM e os seus obxectivos
A cuestión non pasou desapercibida nos colectivos que conforman SOS Sanidade. Tampouco no persoal sanitario -médico, pero tamén de enfermaría e outras categorías profesionais- que se mobiliza dende hai anos para reclamar melloras ou sinalar eivas no conxunto do sistema sanitario público galego.
Nestas organizacións non pasa desapericibido que o malestar acumulado durante anos derivou en que secundasen a folga do CESM profesionais que non comparten a visión da sanidade pública que ten este sindicato gremial ou que mesmo discordan de mesturar demandas asistenciais -finalmente fóra do pacto- cunha cuestión tan específica e espiñenta como o complemento salarial para quen exerce a medicina na sanidade privada mentres simultaneamente traballa no Sergas. Así se viu, por exemplo, en comarcas como a da Mariña ou na manifestación na cidade de Lugo.
O acontecido, alén das propias suspensións de consultas, operacións e probas -que o Sergas se dispón a reprogramar-, deixa tras de si un pouso na opinión pública segundo o cal a protesta sanitaria é cuestión fundamentalmente de salarios do persoal médico. E dota, ao tempo, o actual Goberno galego do PP de ferramentas dialécticas para confrontar futuras mobilizacións aínda que sexan alleas a CESM e os seus obxectivos: a maior folga sanitaria en anos, poderán lembrar, solucionouse cun incremento salarial que, non obstante, tamén contrariou e alterou os plans da propia Xunta, que daba por encamiñadas as negociacións de melloras sanitarias no seo da Mesa Sectorial.