A Xunta prevé pagar 'pluses' de 230 euros por día pola dispoñibilidade dun profesional médico para ir a un PAC, ao que engade de 250 a 862 euros se finalmente é chamado
Ata 1.600 euros ao mes só por estar dispoñible para sete gardas nun Punto de Atención Continuada (PAC) e 5.300 euros por realizalas efectivamente son os pluses que está disposto a pagar o Goberno galego a médicas e médicos que se inscriban nunha bolsa de “persoal voluntario” coa que cubrir quendas en áreas sanitarias con problemas de persoal, coa de Pontevedra-Salnés como obxectivo prioritario. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este xoves, a tres días da manifestación convocada en defensa da sanidade pública. Unha protesta que o popular insistiu en relacionar cos intereses políticos de BNG e PSdeG, aos que acusa de interesarlles “máis o desgaste político que mellorar a sanidade pública”.
O novo plan anunciado este xoves pola Xunta para os PAC súmase a outros lanzados previamente tamén baseados no incremento de soldos para mellorar a atención en concellos de difícil cobertura, que cada médico asuma máis doentes e que traballen máis horas.
Segundo detallou o propio Rueda, o novo incentivo basearase nunha “bolsa de persoal voluntario para ser chamado en calquera momento para cubrir quendas en PAC que teñan un 20% de vacantes estruturais, baixas de longa duración ou prazas non cubertas”, coa área sanitaria de Pontevedra-Salnés como obxectivo prioritario. O plan implantarase nesa área “inmediatamente” e estará activo un mínimo de seis meses, coa posibilidade de estendelo a outras zonas.
Os médicos que se inscriban nesa bolsa deberán amosar a súa dispoñibilidade a ser chamados un mínimo de tres días ao mes e un máximo de sete. Por cada día de dispoñibilidade cobrarán 230 euros. E se finalmente son chamados a esa contía sumarán outros 250 euros por unha garda de 7 horas, 611 euros por 17 horas e 862 euros por unha garda de 24 horas. Posto que non poderán ser chamados para sete gardas de 24 horas, os inscritos poderán cobrar ata 5.300 euros entre a súa dispoñibilidade para sete días e as gardas que fagan realmente nesas xornadas.
Rueda foi preguntado se esta e outras medidas avanzadas nas últimas xornadas supoñen unha reacción á manifestación convocada para o domingo pola plataforma SOS Sanidade Pública, cuestión que o presidente negou. O popular dixo sobre a marcha que “nos seus convocantes hai unha intencionalidade política que vai máis alá de mellorar a sanidade pública” e insistiu en vinculalos cos partidos da oposición.
“Aos dous partidos da oposición interésalles máis o desgaste político que mellorar a sanidade pública”, di Rueda
“Non vou dicir que todos os que acudan o fagan por intereses políticos, mobilizados por un partido”, dixo Rueda, pero si atribuíu a BNG e PSdeG a convocatoria da protesta de SOS Sanidade Pública. “Aos dous partidos da oposición interésalles máis o desgaste político que mellorar a sanidade pública”, sentenciou o presidente.