O presidente esgrime plans como "garantir 33 citas de 10 minutos" ao persoal de Atención Primaria e pagar máis se debe "prolongar a xornada" e carga contra gobernos locais de BNG e PSdeG por "pagar autobuses para manifestarse contra a Xunta"
A Xunta e o PP están abordando a manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro 12 de febreiro nunha dobre vertente. Por unha banda, como noutras ocasións Goberno e partido están poñendo o foco en diversas medidas presentes ou futuras para a mellora do Servizo Galego de Saúde, tales como a recente recuperación dun plan de incentivos" para o persoal médico que exerza como titor de futuros facultativos, e contrastándoas co que consideran inacción do Goberno de España. Por outra banda, esfórzanse en maior medida que noutras protestas en atacar o colectivo convocante. Nesa dupla liña incidiu este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para responder as preguntas de BNG e PSdeG na sesión de control do Parlamento, ambas centradas na cuestión sanitaria -e por iso, acumuladas pola Presidencia nun só debate-.
Así, Rueda retrucou a Ana Pontón e Luis Álvarez avanzando a concreción de medidas como a oferta de "máis de 400 prazas fixas sen oposición" para postos médicos de difícil cobertura ou un plan, dixo, de que a medicina de familia teña "garantida axendas de 33 citas ordinarias de 10 minutos" e, se "deben atender" máis de sete urxencias, "prolonguen a xornada con remuneración adicional". Pero antes puxo o foco na crítica a SOS Sanidade e ao apoio que recibe de nacionalistas e socialistas, aos que sitúa como "parte do problema" do Sergas.
Rueda abordou nesa dupla vertente unhas preguntas da oposición que, no caso da líder do Bloque, comezaron coa esixencia dunha petición de "perdón" por parte do presidente. "Pida perdón despois de trece anos poñendo en risco a saúde" da poboación galega, reclamou a nacionalista, que engadiu a continuación outros motivos ao seu xuízo merecentes de desculpas do Goberno do PP, tales como "ter que soportar listas de espera de ata 15 días para ver o médico de cabeceira", puntos de atención continuada "sen médico", "urxencias saturadas", "nenas e nenos sen pediatra" ou unha "deliberada falta de formación do persoal sanitario" para cubrir xubilacións. "E despois de pedir desculpas, díganos que vai facer", reclamou, porque "se algo quedou claro nestes anos é que os recortes matan".
Pontón (BNG) insta a Rueda a "pedir perdón despois de trece anos poñendo en risco a saúde" da poboación con eivas como "listas de espera de ata 15 días para o médico de cabeceira"
Tras reprocharlle que non fixese mención á sentenza do Tribunal Supremo que avala a continuidade de Ence na ría de Pontevedra, Rueda encadrou a Pontón na "soberbia" de quen "nin entende" as "cifras" do orzamento sanitario mentres o Goberno, di, admite que o Sergas "ten problemas" e "eivas", pero traballa para melloralos. Asegura o xefe do Executivo que "respecta moitísimo a xente que se vai manifestar" se o fai "de boa fe". "Xamais me escoitarán dicir que estamos conformes", asegurou na primeira resposta para, na segunda, incorporar ás críticas a SOS Sanidade un novo argumento: a censura a que concellos gobernados pola esquerda faciliten desprazamentos á protesta.
Neste contexto, xunto a ese "respecto" aos manifestantes, Rueda cre preciso mencionar tamén á "xente que vén á Xunta a dicirnos que lle botemos unha man para eventos, para desprazamentos, para cousas que queren facer" porque, "os concellos e deputación lles din que non hai recursos", afirma en referencia aos gobernos de BNG e PSdeG. "Haberá que dicir que si que hai para pagar buses para manifestarse contra a Xunta", reprochou.
"Non sexan parte do problema, intenten ser parte da solución", reiterou o popular, quen cre "moi difícil facer política seria" ante a posición de Bloque e PSdeG. Respondía así a Pontón e tamén ao socialista Álvarez, a cuxo xuízo no canto de atacar a protesta, Rueda "debería reflexionar" por que a iniciativa lexislativa popular promovida por SOS Sanidade Pública deu xuntado 50.000 sinaturas. A situación do Sergas, advirte Álvarez, "non se vai solucionar insultando o Partido Socialista", senón emendando eivas como ter persoal médico con "máis de 100 contratos nun ano" ou en prazas que non duran "máis de dous ou tres meses".
Álvarez (PSdeG) pide ao PP "reflexionar" sobre as causas dos miles de apoios recibidos por SOS Sanidade
Da banda do PSdeG, enfatiza o voceiro, chegan dende hai meses propostas como "mellorar as condicións laborais" na Atención Primaria, fixar por lei un máximo de 48 horas para obter unha cita no centro de saúde ou recuperar as xerencias de Atención Primaria. Pero o PP, censura, ou vota en contra ou "vota a favor e non o cumpre". Segundo Rueda, se os socialistas quixesen mellorar a sanidade pública deberan comezar por votar a prol dos Orzamentos da Xunta xa que, di, contan "con mil millóns de euros máis" para o Sergas que o Goberno do PSdeG-BNG que exerceu de 2005 a 2009, ao que o presidente se referiu varias veces nas súas intervencións.
Este foi o escenario da última sesión de control previa á manifestación do día 12, ante a que Pontón advirte a Rueda de que "a realidade é teimuda" porque os problemas aos que ela alude "non os inventa ninguén, están sufríndoos os cidadáns e pagándoos coa súa saúe". Para o presidente da Xunta, BNG e PSdeG deberan optar por unha fórmula de "menos protestas e máis propostas" porque as súas críticas equivalen a "falar mal dun servizo público" mentres "non aforran cartos para pagar autobuses".