O conselleiro asegura que a manifestación unitaria de SOS Sanidade Pública responde a "ordes de Ana Pontón"

Comparecencia do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento este 24 de xaneiro CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

A plataforma SOS Sanidade Pública está conformada por diversas entidades do sector, sindicatos, grupos de pacientes, sindicatos e tamén as dúas forzas políticas da actual oposición parlamentaria galega, BNG e PSdeG. O colectivo ten convocada para o vindeiro 12 de febreiro en Santiago unha nova manifestación unitaria co obxectivo de que conflúan nela as diversas mobilizacións locais e sectoriais dos últimos meses, centradas sobre todo na denuncia de "falta de recursos" e "saturación" da Atención Primaria do Sergas, entre outros aspectos.

Nos últimos días, SOS Sanidade mantivo encontros públicos coas principais forzas políticas que apoian a protesta, nunha axenda que comezou o 17 de xaneiro polo PSdeG e o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, e concluíu o día 23 esta primeira rolda coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Antes do encontro coa líder do Bloque, foron recibidos tamén polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e polo coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón.

Fragmentos da comparecencia de Comesaña no Parlamento este 24 de xaneiro CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Con este pano de fondo, este pasado martes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comparecía no Parlamento a petición propia para expoñer novidades dos "programas de prevención da saúde pública". Anunciou,  por exemplo, a inclusión no calendario sanitario da vacinación contra o herpes zóster para a poboación de 65 a 80 anos, unha mellora na inmunización fronte ao pneumococo ou o inicio "nesta lexislatura" da "pilotaxe de novos cribados de cancro de pulmón e próstata". 

As protestas polas eivas na Atención Primaria e outros servizos do Sergas marcan as críticas da oposición na comparecencia sobre medidas de saúde pública do conselleiro Comesaña, que reduce a plataforma a "un grupo de directivos" do antigo Goberno de PSdeG e BNG, aos que descualifica como "SOS bipartito"

No transcurso do debate, non obstante, nacionalistas e socialistas reprocháronlle diversas eivas do sistema en xeral e da Atención Primaria en concreto e lembráronlle, tamén, as diversas mobilizacións das últimas semanas e a convocada para o 12 de febreiro. Comesaña deu en recoller a luva para abordar o debate da Atención Primaria malia non ser obxecto da comparecencia, encadrar as críticas no que considera un "ataque continuo á Xunta" en materia sanitaria e afirmar que, en realidade, a convocatoria da manifestación de SOS Sanidade Pública responde a "ordes da señora Pontón".

Para o conselleiro, que Montse Prado (BNG) e Julio Torrado (PSdeG) inserisen estas críticas no debate deste martes é tanto como "desprazar" as políticas de saúde pública sobre as que compareceu. "Os que son un perigo para a saúde dos galegos son vostedes, ao infravalorar as políticas de prevención", afirmou para tentar inverter unha das ideas forza do Bloque nas últimas semanas.

Montse Prado (BNG) e Julio Torrado (PSdeG), este 24 de xaneiro durante o debate co conselleiro de Sanidade CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

O conselleiro, en todo caso, deu en debater sobre a Primaria para asegurar que o Goberno que agora preside Alfonso Rueda "fixo, fa e fará todo o que estea na súa man" para mellorar un servizo no que, subliña, hai agora "780 profesionais máis" que co Goberno de PSdeG e BNG (2005-2009). "Como poden insistir en que recortamos, onde están os recortes?". Preguntouse.

O titular de Sanidade reitera que a falta de persoal facultativo é un "problema estatal"

Ao xuízo de Comesaña, a actual oposición oculta que a carencia de persoal sanitario é unha "problemática estatal" para "sacar rédito político" e impulsar a manifestación para "facer ruído" e "ver se convencemos esa xente que vai aos hospitais de que estamos desmantelando" a sanidade pública. Segundo o conselleiro, en realidade a manifestación é unha convocatoria persoal de Pontón: "A líder do Bloque convoca unha manifestación o domingo e despois saen as plataformas" a diciren "convoco eu", caricaturiza, para despois acusar ambas forzas da oposición de iren "da man dun grupo de profesionais ou directivos do bipartito", outra volta en referencia ao Executivo de hai máis dunha década.

El, afirma, adoita "chamalos SOS Bipartito" no canto de "SOS Sanidade Pública", que "están agora todos molestos" pero en 2008, acusa, atribuíron unha folga na Atención Primaria ao "reduto tradicional dos sectores máis conservadores" da profesión médica e eran "compracentes" co Goberno. Nesta liña de ataque á plataforma, Comesaña mantén tamén que "o seu dirixente dicía en 2009 que hai que pechar certos PAC's" -en referencia a un informe coasinado polo seu voceiro, Manuel Martín- e bota man dunhas declaracións dunha ex-presidenta da Federación de Asociaciones para la Defensa de la Sanidad Pública nun acto en Vigo en 2018 para censurar que criticase os programas de cribado de cancro de mama do Sergas.

Estas, concluíu, son "as persoas que vostedes utilizan con ordes da señora Pontón para convocar esta manifestación". "O que con nenos se acosta mollado se levanta", finalizou Comesaña a súa comparecencia.

Manifestación de SOS Sanidade Pública en novembro de 2021 CC-BY-SA Praza.gal

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.