A Sociedad Española de Medicina de Urgencias y Emergencias (SEMES), que agrupa uns 25.000 profesionais da sanidade en todo o Estado, exprésase xa en termos de "insostible" situación de "colapso". Unha vez superados os momentos críticos pola COVID, as semanas de 'picos' de virus respiratorios -o propio coronavirus, pero tamén a gripe ou o sincitial na infancia, entre outros- contribúen a empeorar unha situación na que, aseguran, "estes servizos atenden un 30% máis de pacientes" que nas mesmas datas de 2019 na media estatal, un incremento que vai máis alá, afirman, en varios hospitais galegos.
A entidade que preside o doutor Tato Vázquez Lima, coordinador de Urxencias do Hospital do Salnés, volve poñer o foco en dúas causas fundamentais para explicar as cifras disparadas de pacientes nestes servizos. Por unha banda, "a situación da Atención Primaria". Por outra, "a deficitaria drenaxe, paso de pacientes a hospitalización". E, agravadas polo feito de estar o persoal "farto da falta de recoñecemento da súa especialidade médica".
Todo isto, resaltan, deriva en "problemas serios" no "conxunto" dos hospitais, con "escenas que, non por ser repetidas" deixan de ser "intolerables". "Numerosos pacientes que xa foron atendidos" en Urxencias "esperan ata tres días nos corredores, converténdoos en almacéns que dificultan enormemente a actividade" e "castigan a dignidade e intimidade" das persoas doentes, algo que -lembran- xa advertiron as diferentes valedorías do pobo.
SEMES sinala un incremento medio de entre o 15% e o 20% de pacientes atendidos nas urxencias hospitalarias galegas a respecto de hai un ano, pero con picos superiores ao 40% en hospitais como o CHUAC coruñés. "O sistema estase dinamitando", afirma o seu presidente, tamén coordinador de Urxencias no Salnés
SEMES lanza esta alerta a través dun comunicado que sinala exemplos concretos en diferentes puntos do Estado. No caso galego, a advertencia vén de boca de José Manuel Fandiño, presidente de SEMES Galicia, quen resalta que "esta tensa situación se mantivo durante todo 2022" e "empeora" no inicio de 2023. "Seguimos batendo récords" cun "aumento global" de entre o 15% e o 20% a respecto de 2022. Pero hai centros, advirte, que chegan a duplicar ese dato medio.
"Sen ir máis lonxe, o luns 9 de xaneiro no Hospital Universitario da Coruña fomos testemuñas dun aumento do 45% a respecto dos datos mensuais de xaneiro de 2022". Ese día, afirma, no CHUAC había "70 pacientes sen cama". Nun sentido semellante pronunciáranse en días pasados sindicatos como a CIG-Saúde sobre o mesmo hospital. O "problema principal" é a "falta de drenaxe" cara ás camas de hospitalización, recalca, para a continuación sinalar que "en cidades como Pontevedra e Vigo os picos son tamén de entre o 40 e o 45% a respecto de 2022".
"As cargas asistenciais, o esgotamento e os problemas noutros niveis asistenciais non fan máis que poñer en risco a rede de seguridade do sistema de saúde, as urxencias", e por iso SEME lanza unha nova apelación tanto ás comunidades autónomas, titulares das competencias, como ao Goberno de España. A ambos niveis gobernamentais diríxese Vázquez Lima para reiterar a petición da "necesidade inmediata da creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias mediante unha especialidade primaria". "Non se pode dicir -conclúe- que non levamos tempo advertíndoo: o noso Sistema Nacional de Saúde estase dinamitando".
"Os peches e as listas de espera obrigan a acudir a Urxencias"
A Xunta volve sinalar o Estado; a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública reitera que o Goberno galego "ten transferidas todas as competencias" na materia e lembra os recortes da pasada década
Neste contexto, e mentres colectivos como a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS relatan casos concretos coma o dun paciente "que permaneceu 3 horas e media nos corredores de acceso" das Urxencias do Clínico compostelán "e case 48 horas nun box", a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública -integrante da plataforma SOS Sanidade Pública- saía este xoves ao paso das reiteradas declaracións nas que a Xunta sitúa esencialmente no Estado a responsabilidade da situación. Cómpre volver lembrar, salientan, que "as comunidades autónomas teñen transferidas todas as competencias para o financiamento, creación e organización e centros de saúde e hospitais".
Defende o colectivo que "a falta de persoal médico é atribuíble aos recortes para reducir gasto público" durante a pasada década, "que supuxeron a amortización de prazas por xubilación e precariedade laboral" que "favorece que o persoal formado en Galicia polo sistema MIR" para os centros de saúde "fuxa aos hospitais, á privada ou a outros países". Neste contexto, "os peches de centros de saúde, de servizos de pediatría extrahospitalaria e de PAC, as listas de espera que superan a semana ou a hexemonía da consulta telefónica obriga a poboación enferma a acudir ás urxencias hospitalarias como último recurso para ser atendida", conclúen.