20 meses para unha proba neurolóxica e un ano para ecografía ou cita xinecolóxica: a Valedora desmonta as listas de espera do Sergas

Rueda e o conselleiro de Sanidade escoitan a un profesional sanitario nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A defensora do pobo vén de facer públicos varios casos que evidencian as limitacións do sistema de control de demoras e reclama a Sanidade que ao fixar citas “respecte os tempos asignados polos profesionais sanitarios que as indican”

A Valedora do Pobo vén de facer públicas as súas xestións tras varias queixas recibidas de diversas persoas por demoras do Sergas ao fixarlles citas ou darlles resultados de probas con tempos de espera moi superiores aos fixados polos profesionais sanitarios que llas prescribiron. Son expedientes que evidencian como as cifras medias en que se basean as listas de espera oficiais non transmiten a realidade de determinados casos ou como algúns quedan directamente fóra dos rexistros oficiais. 

Pasar 20 meses sen unha proba neurolóxica, un ano sen o resultado dunha ecografía ou o mesmo tempo sen unha revisión xinecolóxica prevista aos seis meses son os feitos agora revelados pola Valedora malia que segundo o Sergas non hai listas de espera de máis de seis meses para unha consulta de xinecoloxía, nin de máis dun ano para probas neurolóxicas, e si hai probas radiolóxicas que tardan máis dun ano pero non se comunica canto é o prazo máximo.

A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, e dúas das resolucións que vén de facer públicas CC-BY-SA Praza Pública - Valedora do Pobo

Desde 2013 a lei galega establece un límite de 45 días para as probas diagnósticas ou as consultas de especialistas, pero polos matices e baleiros da lei e do decreto que a desenvolveu escapan casos como os que agora se coñecen e que levan á Valedora a reclamar á Consellería de Sanidade “que a programación das citas en atención especializada se realice respectando os tempos asignados polos profesionais sanitarios que as indican”.

Un dos casos agora feitos públicos pola Valedora é o dun doente de 20 anos que leva catro anos agardando por un diagnóstico para o mareos e crises epilépticas que sofre. En xaneiro de 2021 solicitouse a realización dunha vídeo-electroencefalografía pero en outubro de 2022 aínda non se lle realizara.

A Valedora lembra que "compete" a Sanidade "a organización dos recursos" para "facer efectivo o dereito á protección da saúde" e que cando unha proba non se pode realizar "nun tempo razoable" debe "pór en marcha os mecanismos que considere necesarios" para facela noutro centro

A Valedora lamenta que “estariamos ante un tempo de espera na actualidade maior de 20 meses para que unha proba indicada por un profesional sanitario sexa programada”. Por iso, na súa resolución sobre o caso lembra que “compete” á Consellería de Sanidade “a organización dos recursos humanos e materiais” para “facer efectivo o dereito á protección da saúde de todos os galegos e galegas”, e salienta que “de non ser posible a programación da proba requirida no centro sanitario en cuestión nun tempo razoable, débense pór en marcha os mecanismos que se consideren necesarios para facer efectiva a realización noutro centro sanitario dentro da nosa comunidade”. A Valedora conclúe pedindo a Sanidade “que se programe sen máis dilación a proba pendente indicada polo profesional sanitario”. 

Sede do Valedoría do Pobo, xunto ao Parlamento de Galicia © Google

Nese caso o expediente revela tamén que os profesionais que atenden o doente pediron igualmente unha proba xenética, cuxa toma de sangue se realizou en xuño de 2021 sen que os resultados estivesen dispoñibles na súa historia clínica ata setembro de 2022, 14 meses máis tarde. Os resultados apareceron despois da queixa á Valedora. Algo similar ocorreu con outro dos casos agora desvelados. 

Unha persoa foi remitida desde o Sergas a un centro privado a finais de 2020 para a realización dunha resonancia nuclear magnética e a outro centro do propio Sergas para unha ecografía, probas realizadas as dúas en maio de 2021. Un ano máis tarde, en maio de 2022, as dúas probas carecían aínda do informe dos especialistas e a persoa afectada presentou unha reclamación, ante a que o Sergas respondeu que a consulta estaba en lista de espera e que se estaba traballando por diminuír eses tempos. 

En varios casos o Sergas só desbloqueou as probas despois das queixas ante a Valedora do Pobo e moitos meses despois do previsto polos profesionais que as prescribiron

Pero en agosto de 2022, 15 meses despois das probas, cando finalmente a persoa recorre ante a Valedora, os médicos que a atenden seguían sen poder acceder aos resultados porque as probas aínda non foran informadas polo especialista correspondente. Foi tras intervir a Valedora cando en setembro finalmente tanto a resonancia como a ecografía resultaron finalmente informadas polos especialistas. 

Ante os feitos analizados a defensora do pobo lembra que a administración “establece os mecanismos que considera oportunos para que tanto as probas complementarias que deriva aos centros concertados como as que se realizan no marco do Sergas dispoñan do correspondente informe especializado”. E engade que “cando os profesionais constatan algunha incidencia nos procedementos establecidos para que estas probas complementarias sexan informadas polos facultativos correspondentes, como é este o caso, no que despois dun ano os médicos que precisan do informe das probas complementarias trasladan ao paciente a ausencia do informe, os profesionais sanitarios deben de activar os mecanismos establecidos a tal fin, de xeito que se proceda a resolver a incidencia”. 

Outro caso agora desvelado pola Valedora é o dunha muller á que os facultativos fixaron unha revisión do seu caso xinecolóxico aos seis meses, “extremo que foi confirmado” pola propia Consellería de Sanidade. A solicitude de cita realizouse en xullo de 2021, pero a Valedora engade que “12 meses máis tarde, o 21 de xullo de 2022, día no que se rexistrou este expediente de queixa, aínda non recibira a programación para esta cita no servizo de xinecoloxía”. Foi tras a queixa á defensora do pobo cando a cita se fixou para ese mesmo mes de xullo de 2022, “é dicir, 12 meses despois da data de solicitude e no dobre do prazo indicado polos profesionais sanitarios”, sentenza a Valedora. 

Ante esa situación, e o feito de que o Sergas non respondese a unha queixa previa da afectada, a Valedora lembra a Sanidade o seu deber legal de contestar as reclamacións dos usuarios e pídelle “que se poñan en marcha os mecanismos que sexan necesarios para que a programación das citas en atención especializada se realice respectando os tempos asignados polos profesionais sanitarios que as indican”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.