Sanidade asina “acordos de xestión” coas súas propias áreas sanitarias para fixarlles novamente obxectivos para o próximo ano tras incumprir os deste exercicio
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu este martes un acto de sinatura de “acordos de xestión” do Sergas coas súas sete áreas sanitarias, isto é, da Xunta coa propia Xunta. Uns documentos que fixan ás áreas sanitarias determinados obxectivos a cumprir durante 2023 en moitos casos similares aos obxectivos que xa non foron quen de acadar durante 2022.
Á espera de que a Xunta faga públicos os novos acordos de xestión para 2023, o propio conselleiro salientou este mércores que na atención primaria os obxectivos “son acadar o 90% de citas de medicina de familia e renovación de receitas en menos de catro días”. Isto é, que ata o 10% das citas poidan tardar máis dese tempo. Exactamente ese obxectivo era o que se fixaba xa nos acordos de xestión asinados para este 2022 coas sete áreas sanitarias galegas. E aínda que os conceptos non sexan idénticos, segundo revelou o propio presidente Rueda no Parlamento hai dous meses o 18% dos médicos de atención primaria non conseguen dar cita en menos dese tempo.
Outro dos obxectivos dos acordos de xestión verbalizados este mércores polo propio conselleiro é que o tempo medio de espera global por unha intervención cirúrxica sexa en 2023 de 54 días, as mesmas cifras que había en 2019, antes da pandemia da COVID e que “foron as de mellor rexistro histórico”. Eses 54 días suporían rebaixar en 20 días a demora media rexistrada no último balance oficial, o pechado a data do pasado 30 de xuño e avanzado en exclusiva por Praza.gal.
O próximo ano o Sergas aspira a unha lista de espera cirúrxica de 54 días, como a de antes da pandemia, o que obrigará a rebaixar a cifra actual en 20 días tras incumprir os seus obxectivos para este ano
Porén, xa durante 2022 o Sergas foi incapaz de acadar os obxectivos parciais que se marcou nos acordos de xestión para este ano. Eses documentos fixaron non só un obxectivo en días de espera por unha cirurxía para final de ano, cifra aínda pendente de comprobarse, senón tamén en xuño. E o que ocorreu o pasado xuño foi que só a área sanitaria de Pontevedra foi quen de cumprir os seus obxectivos parciais. Se os acordos de xestión asinados polo Sergas fixaban para xuño unha espera de 70 días, finalmente a cifra rexistrada foi de 59,1 días.
Pola contra, as outras seis áreas sanitarias incumpriron os seus obxectivos: Ferrol comprometeuse a unha espera de 80 días en xuño e rexistrou 84,6; Santiago a 78 días e rexistrou 83,4; A Coruña e Ourense asinaron 75 días e rexistraron 81 e 77,6 respectivamente; Vigo comprometeu 72 días e tardaba 75,6; e Lugo tiña un obxectivo de 52 días e rexistrou 56,8.
Segundo a Xunta, os acordos de xestión para 2023, tras incumprir os de 2022, axudarán ao seu obxectivo dunha maior “optimización” dos recursos dispoñibles “coa vista posta nunha atención centrada no paciente”
Ademais da espera por unha consulta en atención primaria e por unha cirurxía, a propia Xunta tamén salientou este mércores que “no ámbito dos cribados, ten especial importancia o cumprimento do cribado de cancro de colon, establecéndose como prioridade a redución do tempo de espera a menos de 60 días para o acceso a unha colonoscopia”. Exactamente ese era o tempo que se fixaba xa en seis dos sete acordos de xestión asinados coas áreas sanitarias para este 2022, coa de Vigo cun obxectivo de 70 días.
Malia non ser quen de cumprir os acordos de xestión de 2022, no acto deste mércores o conselleiro solemnizou que os de 2023 “son a mostra do compromiso que o Sergas adquire cada ano co fortalecemento da sanidade pública galega”. Segundo dixo, os acordos axudarán a conseguir o obxectivo da Xunta dunha maior “optimización” dos recursos dispoñibles “coa vista posta nunha atención centrada no paciente”.
Interesouche esta información?
Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.