O presidente admite que “hai que facer moito máis” para mellorar a atención á saúde mental pero asegura que a Xunta é consciente e vai seguir investindo nela
“O 82% dos médicos de atención primaria dan cita en menos de catro días”. Con esa frase admitiu este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que os restantes facultativos, o 18%, non son quen de dar cita en menos de catro días. Así o dixo na sesión de control ao seu Goberno no Parlamento de Galicia, centrada por BNG e PSdeG en cuestións sanitarias e na que tamén admitiu que “hai que facer moito máis” para mellorar a atención á saúde mental, aínda que matizando que a Xunta é consciente e vai seguir investindo nela.
Foi o portavoz do PSdeG, Luis Álvarez, quen centrou as súas preguntas na situación da atención primaria, que vén rexistrando todo tipo de problemas en todo o país. A carencia de pediatras e as declaracións da xerente do Sergas xustificándoo, as demoras nas citas ou a sobrecarga dos profesionais foron algunhas das súas críticas. A resposta de Rueda puxo o foco en gabar o sistema sanitario galego porque no que vai de ano permitiu vacinar 180.000 persoas e realizou 22 millóns de consultas na atención primaria, un 13% máis que o ano pasado. Nada dixo cando o socialista lle retrucou que en anos anteriores as consultas estiveran limitadas pola pandemia.
Rueda criticou que parte dos problemas da sanidade galega débense ás limitacións impostas polo Goberno de España á formación MIR dos profesionais, ao que Álvarez contestou asegurando que “as prazas convocadas desde que Sánchez está no Goberno duplican todas as convocadas con Rajoy”.
O portavoz do PSdeG asegurou que o Goberno de Pedro Sánchez autorizou "o dobre" de prazas MIR de formación médica que Rajoy
Álvarez tamén censurou que a Xunta só prevea aumentar nos seus orzamentos para o próximo ano en 33 millóns de euros, un 2,4% máis, os fondos que destina á atención primaria. Malia que así figura na presentación divulgada polo Goberno galego e o propio conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, deu por boa esa cifra de aumento cando foi preguntado por ela este martes, menos dun día despois o propio presidente asegurou que é “mentira” e que o aumento para a atención primaria será de 137 millóns, co que acadará os 1.500 millóns de euros, cifras que non se poderán comprobar ata que este xoves as contas públicas entren no Parlamento. “Seguiremos construíndo hospitais e centros de saúde, seguiremos reducindo as listas de espera”, asegurou Rueda como remate da súa intervención.
Pontón salientou que "331 persoas se suicidaron en Galiza o ano pasado" mentres o país conta con só "5 psicólogos por cada 100.000 habitantes, fronte a 18 de media na UE"
Tras o socialista preguntou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que centrou as súas cuestións na situación da atención á saúde mental. A nacionalista comezou salientando que “331 persoas suicidáronse en Galicia o ano pasado, unha taxa moi por riba da media estatal e europea” e que “mesmo antes da pandemia 400.000 galegos ou galegas tomaban pílulas para durmir ou tranquilizantes”. Unha situación que se enfronta ao feito de que en Galicia haxa “5 psicólogos por cada 100.000 habitantes, fronte a 18 de media na Unión Europea”. Por iso, reclamou a Rueda “que non dependa de que teñas ou non recursos para pagar unha psiquiatra na privada”.
O presidente admitiu que o da saúde mental é “un problema que se está agravando, sen dúbida”, pero asegurou que a Xunta xa está traballar nel co Plan Galego de Saúde Mental, previsto para o período 2020-2024 e que na metade da súa execución segue a recibir críticas por parte de profesionais do sector. “Recoñeza que non fixeron o seu traballo”, díxolle Pontón, que lle reclamou que “non sigan con anuncios que despois quedan en nada”.
Pola súa banda, Rueda centrouse en debullar cifras de novas contratacións de profesionais ou de creación de novas unidades, pero admitindo que “hai que facer moito máis” porque “é un problema que vai ir a máis”. “Estamos facendo investimentos e imos seguir facéndoos”, asegurou.