A falta de persoal e as deficiencias na atención sanitaria reactivan e espallan as protestas por toda Galicia

Mobilización por unha "atención sanitaria digna" no Grove, durante o desenvolvemento do 'Foro La Toja' na Toxa © M. González

A pasada semana, coincidindo coa celebración do Foro La Toja na illa da Toxa, centos de persoas saíron á rúa no Grove reclamando unha "atención sanitaria digna". Co foco virado cara ao conclave político-económico a tan só uns metros, máis dun milleiro de veciños e veciñas mobilizáronse o xoves nunha protesta que tivo a súa réplica tamén o venres. Advertían da falta de persoal no centro de saúde, da imposibilidade de coller cita, da ausencia de pediatra e das eivas nun PAC que carece en moitas ocasións de médico, o que obrigou mesmo mobilizar un helicóptero para trasladar un veciño non hai moito. 

A centos de quilómetros, na Mariña, a plataforma pola sanidade pública denunciou este luns a "situación insostible" que supón que "só haxa unha pediatra en Burela" para atender a rapazada dese concello e mais os de Cervo e Xove. En Marín, a semana pasada, o colectivo homólogo naquel concello advertiu da falta de médicos no centro de saúde, o que obrigou aos profesionais a limitar ás urxencias a atención do venres: "Así estamos nunha vila de case 25.000 habitantes". 

Recollida de sinaturas a prol da ILP de SOS Sanidade Pública, na Mariña CC-BY-SA Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña

O Grove, Marín, A Mariña, Sanxenxo... As mobilizacións contra a deterioración da atención sanitaria con constantes en múltiples comarcas

Situacións semellantes repítense en moitas outras comarcas de Galicia, onde as protestas pola deterioración sanitaria -especialmente na Atención Primaria- son constantes e con grande afluencia, como a que xuntou un milleiro de persoas en Redondela hai dúas semanas "contra o desmantelamento da sanidade pública" logo de denunciar unha media de entre 10 e 16 días de espera nos centros de saúde do municipio. Tamén as hai con menos altofalantes pero igual de constantes, como as que mobilizaron Abadín, concello rural e avellentado que sufriu no verán -e sofre- a falta de persoal malia non ser un concello masificado polo turismo

No Barbanza protestan tamén pola falta de facultativos nos centros de saúde, mentres que en Tui as demandas céntranse no reforzo dos especialistas de fisioterapia, especialidade que, denuncian, "ten listas de espera duns 700 pacientes pola falta de persoal". En Sanxenxo, ademais, a plataforma leva meses denunciando a escaseza de persoal que, hai só uns días, supoñía que houbese "un só médico e ningún pediatra" no ambulatorio de Baltar. "As citas con demoras dende xullo serán atendidas en outubro e hai proas de diagnose sen avaliar desde o verán", advirten logo dun verán onde o Sergas chegou a ordenar o peche de axendas dos facultativos para centrarse só nas urxencias

A vaga de protestas que a pandemia minguara rexorde agora con forza. "A xente está moi enfadada e o malestar é cada vez máis importante; viuse no Grove a semana pasada e vese cada día nos actos convocados ou na recollida de sinaturas", explica Manuel Martín, voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública. 

Refírese ás convocatorias que en moitas vilas e cidades leva a cabo a plataforma para xuntar as 10.000 firmas necesarias para a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que pide limitar ata 30 as consultas diarias, mellorar o acceso aos centros de saúde, reforzar o persoal, garantir a estabilidade profesional e condicións laborais axeitadas ou o reforzo da atención presencial. A intención é sacar adiante unha proposición de lei con medidas que "eviten o colapso do sistema sanitario público" en Galicia. Levan xa milleiros de sinaturas recollidas. 

Mobilización no Grove pola mellora da sanidade pública coincidindo co Foro La Toja © M. González

A recollida de sinaturas para a ILP de SOS Sanidade Pública reactiva as protestas e impulsa a creación de plataformas veciñais

"Alá onde hai mesas para asinar hai ringleiras de xente: Sanxenxo, Pontevedra, O Grove, A Mariña, Santiago... A resposta está sendo moi importante", explica Martín, que destaca ademais que o impulso a esta ILP e os continuos problemas na atención sanitaria provocaron "que se constituísen ou reactivasen plataformas pola sanidade pública en moitas localidades". Nalgunhas vilas houbo mesmo que suspender recollidas de sinaturas ante a elevada participación veciñal, que acabou con todos os formularios, á que se suma xente de todas as idades. 

"A xente está farta dunha situación que é común en moitos lugares: falta de médicos, PACs que pechan pola tarde ou todo o día, dificultades para conseguir cita... Cando hai unha concentración, as persoas afectadas aproveitan para amosar un malestar que é cada vez maior", insiste quen advirte dun "problema serio" se a situación "non se arranxa a curto ou medio prazo". 

"A xente está farta de falta de médicos, de urxencias pechadas ou das dificultades para conseguir cita; o malestar é cada vez maior"

"As deficiencias na sanidade pública provocaron que moita xente recorrese a seguros privados que baixaron moito os prezos pero que xa teñen tamén listas de espera e derivan ao Sergas en caso de problemas graves; hai moita cidadanía que se decata de que nin iso supón unha solución para recibir unha atención digna", explica. 

Da outra banda, di o portavoz de SOS Sanidade Pública, os profesionais. "Cada vez máis queimados, soportando unha presión asistencial moi alta que repercute na calidade da atención e na propia autoestima do persoal", di, lembrando que hai casos de centros de saúde onde a metade dos traballadores está de baixa, "a maioría deles por depresión, ansiedade ou saturación derivada do exceso de carga de traballo". 

Recollida de sinaturas a prol da ILP de SOS Sanidade Pública, en Ponteareas CC-BY-SA Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado

Ao tempo, son varios os plenos municipais -nalgúns casos mesmo co voto a favor do PP- que amosaron o seu apoio á ILP de SOS Sanidade Pública: O Grove, Meis, Tomiño, Poio, Ferrol ou Narón, entre outros. 

"O problema é serio e o panorama, escuro", di Martín, que advirte do fastío da poboación pero tamén duns profesionais "esgotados, cansos e sen forzas" en moitos casos. A coincidencia de ambos factores, insiste, poñen a sanidade pública nun momento crítico. 

A Consellería insiste en que o problema é xeral e subliña medidas coma os incentivos ao persoal ou a adxudicación de 91 de 106 prazas de difícil cobertura

Desde a Consellería de Sanidade, mentres, insístese en que o problema é "xeneralizado" e sinálanse todas as medidas levadas a cabo para paliar as deficiencias, desde a política de incentivos aos profesionais ás 106 prazas convocadas de difícil cobertura na Atención Primaria a través do concurso de méritos e pola que xa se adxudicaron 91. 

"A falta de médicos é un problema global que se fai aínda máis evidente naquelas localidades nas que, por circunstancias xeográficas ou organizativas, os postos son menos atractivos para os facultativos, coma é o caso dos hospitais comarcais ou dos centros de saúde máis illados”, lembra o conselleiro, Julio García Comesaña. 

Membros de SOS Sanidade Pública, nun pleno municipal en Ferrol CC-BY-SA SOS Sanidade Pública

O titular de Sanidade adoita recordar tamén acotío outras melloras para "compensar o esforzo que está a realizar o persoal de primaria ante esta situación de déficit de profesionais", como o incremento de compensacións por intersubstitucións, a compensación por asunción de cota dun compañeiro ausente, a equiparación das retribucións por prolongación de xornada de tarde ou o incremento do 50% nos complementos por prestar servizo en centros de saúde illados ou de difícil cobertura, entre outras.

Desde SOS Sanidade Pública, Manuel Martín asegura que moitas das medidas anunciadas "non son reais ou teñen as cifras engordadas". "O número de prazas reais, en moitos casos, son menores ás que se publicitan porque moitas correspóndense con traslados e non con novas incorporacións ao sistema de saúde", explica quen cre que cómpre "afrontar os problemas estruturais e non poñer parches". 

"Hai que incrementar o orzamento da Atención Primaria, garantir que se cobren os ocos e aumentar a ratio de enfermeiras, cuxas cifras sitúan Galicia á cola do Estado", di, ademais de lembrar que o Sergas ten falta de "persoal administrativo, psicólogos clínicos, logopedas ou traballadores sociais". "Hai un déficit estrutural terrible que hai que corrixir de inmediato e non con metas a cinco anos, como di a Consellería. Non hai tempo; o sistema non pode agardar tanto", finaliza. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.