Un só médico para atender un concello rural e avellentado: a falta de persoal non só se agrava nas vilas turísticas

Cartel que denuncia a falta de médicos en Abadín, nunha parroquia do concello CC-BY-SA M. Pereira

Un único médico durante todo o verán para atender 2.300 persoas distribuídas en case 200 km² e 194 entidades de poboación. É a situación que denuncia a veciñanza de Abadín sobre a escaseza de persoal no seu centro de saúde, unha eiva que leva anos afectando a sanidade pública galega, que se agudiza no verán pero cuxa gravidade non abrangue só os municipios turísticos. 

Así o certifica o caso deste concello do interior de Lugo, onde desde hai semanas carteis advirten do "serio perigo" que corre a atención médica. Son os colocados por un grupo de veciñas e veciños que se uniron para reclamar "un bo servizo de saúde" e que instaron a poboación a presentar a súa reclamación no centro de saúde, medida apoiada tamén polos profesionais que alertan da súa sobrecarga e dos riscos que a falta de persoal supón para a asistencia. 

Concelleiros do PSdeG en Abadín, co escrito no que demandan máis persoal para o centro de saúde © PSdeG-PSOE Abadín

Abadín leva todo o verán cun só médico; a veciñanza mobilízase ante o "serio perigo" para a atención nun municipio co 40% da poboación maior de 65 anos

"As follas de reclamacións acabáronse, tiveron que repoñelas e agora xa non as hai", explica un dos membros do grupo veciñal sobre unha protesta que implicou moita xente e que prevén ampliar a concentracións no centro de saúde e unha manifestación no futuro. "Levamos todo o verán cun só médico, co risco que iso supón e cos problemas de asistencia e de sobrecarga para o persoal", explican desde un colectivo que advirte dunha situación que "xa é grave en calquera contexto, pero máis no dun municipio coma este". 

Refírese a un concello, o de Abadín, cunha poboación moi dispersa, onde o 11% dos seus habitantes supera os 85 anos e onde máis do 40% están por riba dos 65. "Altera moito o funcionamento habitual dun centro de saúde que contaba, normalmente, con tres médicos; en moitos casos, os profesionais teñen que acudir a urxencias a calquera parroquia que pode levarlles unha ou dúas horas ou mesmo acompañar doentes ao hospital de Lugo... Quen vai cubrir esas ausencias? Que ocorrerá se hai unha emerxencia grave e o único médico está atendendo outra?", pregúntanse. 

Avisados de que entre o 1 de xullo e o 15 de agosto só habería un médico no centro de saúde, veciños e veciñas contaban cunha solución para a segunda quincena de mes que non chegou. Cunha doutora de baixa prolongada desde hai tempo e outro doutor no seu período vacacional, un só médico está a ocuparse de todas as incidencias e alongando, segundo explican os veciños, a súa vida laboral. 

Un dos médicos, dos tres habituais, mantense no seu posto malia a súa intención de xubilarse, segundo denuncia a veciñanza

"Ten idade para se xubilar e esa era a súa intención, pero mantense un tempo máis no seu posto para evitar que quedemos sen médico", explican. Ademais, advirten de esperas de ata "oito ou dez días" para conseguir cita durante algúns momentos do verán. 

O temor en Abadín é que a situación se manteña ou mesmo que empeore tras o verán. O único médico confirmado tras o período vacacional ten tamén a opción de xubilarse e a posibilidade de que el só teña que ocuparse da atención primaria para todo o concello fai temer á veciñanza que acabe tamén por retirarse. "É comprensible que, ante a sobrecarga e a imposibilidade de facer o seu labor como é debido, o persoal opte por coller a xubilación, máis aínda se están en tempo de facelo e non alongalo", conta un veciño. 

Centro de saúde de Abadín © Google

"A maioría da xente que acode ao centro de saúde é moi maior, persoas das que se precisa coñecer o seu contexto, a súa realidade, que requiren dunha atención personalizada... É obvio que con sobrecarga e tanto paciente, a atención por forza ten que ser máis rápida e menos detallada", insisten desde un colectivo de veciños que recibiu resposta por parte do Sergas a algunha das súas reclamacións escritas. 

O Sergas, ante as denuncias, advirte do "déficit estrutural de persoal nas listas temporais" e recoñece "desaxustes por circunstancias imprevisibles"

Desde a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte advertiron do "déficit estrutural de persoal nas listas de vinculacións temporais" o que fai "difícil, e en bastantes ocasións imposible, a substitución das ausencias regulamentarias do persoal do Sergas na provincia de Lugo". Ademais, engade que fan "importantes esforzos para manter de xeito continuado o cadro de persoal dos centros de saúde de xeito que non supoñan unha diminución na calidade asistencial". Con todo, asumen que "poden xurdir desaxustes por circunstancias imprevisibles" pero que "se garante que, en todo momento" se poida "contar con profesionais suficientes para unha adecuada atención". 

"A veciñanza está farta de recortes"

Desde o PSdeG local, único partido da oposición nun concello gobernado polo PP, iniciaron xa hai algúns días unha recollida de sinaturas para demandar máis persoal no centro de saúde. “A veciñanza de Abadín esta farta dos recortes e do desmantelamento paulatino que sofre a atención primaria na vila", explica o portavoz socialista, Pablo Díaz. 

No escrito que xa asinaron centos de veciños ínstase á Consellería de Sanidade a "mellorar de xeito urxente" a atención primaria en Abadín. Os socialistas lembran que cal é a situación actual no centro de saúde. 

“De tres médicos que consultaban na vila, só queda un e comprobamos que a situación vai a peor. Só hai un médico para atender a unha poboación de 2.300 veciños e veciñas, e a carga de traballo que está soportando o único sanitario é excesiva", explica o PSOE local, que advirte de que o profesional vese obrigado a "distribuír as quendas de traballo para atender todos os pacientes que estaban na cota dos outros dous sanitarios, que xa non están exercendo e que non son substituídos pola Xunta".

Consulta de Atención Primaria CC-BY-SA Sergas Ourense

“Non podemos quedar de brazos cruzados mentres a nosa veciñanza esta en pé de guerra solicitando melloras na nosa vila. Do noso alcalde e do seu goberno xa sabemos que non podemos esperar nada; cónstanos, que non van mover un só dedo para mellorar a situación de desatención actual”, advirten dende o PSdeG.

A veciñanza mobilizada teme que, a intención final sexa "centralizar todo nas cabeceiras de comarca e remitir as urxencias ao PAC de Vilalba, que só funciona polas tardes". "En Xermade botaron catro meses sen médico e en Barreiros están a ter o mesmo problema. Por desgraza, o problema estase xeneralizando", rematan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.