Dúas horas os xoves e sen pediatra: así é o servizo de 'pediatría' en Abadín

Familias de Abadín mobilizadas para mellorar o servizo de pediatría do centro de saúde da vila CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

Familias afectadas recollen sinaturas contra un sistema que denuncian que as penaliza con esperas cando teñen que desprazarse a Vilalba pola ausencia da médica sen especialización que os atende na súa vila, algo que o Sergas nega

“Abadín conta coa mesma asistencia pediátrica de sempre”. Esa é a resposta, desmentida polos datos da propia Xunta, que ofrece o Sergas ás protestas de familias dese concello que están a recoller sinaturas para que se mellore ese servizo, que non é tal e que os afectados aseguran, contra a versión oficial, que si que empeorou e que os penaliza con esperas mesmo cando optan por desprazarse para seren atendidos noutras vilas.

A falta de pediatras é un problema sen solución a curto prazo que afecta a toda Galicia pero que está a sentirse especialmente nas comarcas máis illadas ou rurais, esas nas que a Xunta di que aposta por fixar poboación para evitar o seu despoboamento. No norte de Galicia a situación reprodúcese de Ferrolterra á Mariña e deixa agora un novo exemplo en Abadín. Alí os 107 nenos e nenas en idade pediátrica, a metade con menos de 6 anos, teñen un servizo de pediatría que no centro de saúde da vila só os atende dúas horas (de 9 a 11) un único día da semana (os xoves) por conta dunha médica sen especialización en pediatría (só en medicina familiar) que se despraza desde Vilalba. O resto de días teñen que desprazarse eles a Vilalba, cuns 20 minutos de coche polo medio segundo onde residan. 

 “O centro de saúde de Abadín conta coa mesma asistencia sanitaria de pediatría ca sempre, non se modificou, e dito servizo sempre resolveu as necesidades asistenciais dos 107 nenos”, di o Sergas, que aínda non respondeu aos afectados

Pero se alí ese día non traballa a súa médica, por vacacións ou asuntos propios, non poden pedir citas por teléfono, denuncian. Non llas dan para un pediatra distinto nun centro de saúde distinto. A opción que lles queda é desprazarse en persoa e pedir cita no propio mostrador do centro de saúde antes das nove da mañá para ser atendidos varias horas despois, tras o resto de pacientes que xa tiñan cita. O Sergas nega esa versión e asegura que as familias de Abadín si poden pedir cita telefónica previa para Vilalba e que se acoden sen ela ao centro de saúde é normal que sexan atendidos ao remate da mañá como calquera outro caso sen cita previa. 

As versións son contrapostas, pero os casos concretos evidencian que as familias de Abadín non están a recibir o mesmo trato que as de Vilalba unha vez que deciden desprazarse á cabeceira comarcal porque o servizo de pediatría da súa vila non se adapta ás necesidades do neno. A nai dun rapaz atopouse con que na época en que lle tocaba vacinarse a súa médica non estaba traballando nin en Abadín nin en Vilalba, polo que tras insistir conseguiu ser atendida por outro facultativo do segundo centro. Porén, tras revisalo remitiron a súa vacinación ao momento en que volvese a súa 'pediatra' titular.

Familias de Abadín presentando reclamacións no centro de saúde CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

“Penalízannos para que acabemos inscribíndonos no centro de saúde de Vilalba e ao haber menos nenos se xustifique eliminar por completo a pediatría de Abadín”, coinciden dúas nais consultadas

A resposta do Sergas é rexeitar as críticas das familias. “O centro de saúde de Abadín conta coa mesma asistencia sanitaria de pediatría ca sempre, non se modificou, e dito servizo sempre resolveu as necesidades asistenciais dos 107 nenos”. Os afectados aseguran que non, que hai anos contaban con pediatra dous días á semana durante toda a mañá, que despois o reduciron a un día, e que agora, salientan, son só dúas horas á semana e nin é pediatra. “Penalízannos para que acabemos inscribíndonos no centro de saúde de Vilalba e ao haber menos nenos se xustifique eliminar por completo a pediatría de Abadín”, coinciden dúas nais consultadas. 

Desde o Sergas salientan que “aparte da atención pediátrica, o centro de saúde de Abadín conta con tres médicos de familia, totalmente capacitados para a atención dos nenos e nenas deste concello, cando o precisen todos os días da semana”. Abadín, insiste Sanidade, ten “a mesma cobertura e calidade que sempre tivo”.

Unha argumentación que o Sergas ofrece aos medios de comunicación, pero que aínda non deu aos afectados. Estes, antes da actual recollida de sinaturas, xa presentaron diversas reclamacións individuais no propio centro de saúde de Abadín e, xunto coa asociación de nais e pais do colexio local, un escrito ao alcalde, do PP. Non teñen resposta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.