A Mariña é dende hai xa anos un dos epicentros das mobilizacións na defensa da sanidade pública, moi especialmente ao fío da reforma sanitaria do ano 2018, pero tamén para advertir de eivas cotiás como a falta de pediatras ou carencias no hospital. Este xoves a mobilización sanitaria mariñá volveu saír á rúa, desta volta en Burela, e foi secundada por unhas 2.000 persoas.
“Na Mariña nos rendemos nin nos resignamos”, leuse no manifesto final da marcha, no que a plataforma convocante advertiu de que a cidadanía volve manifestarse para “denunciar a deterioración constante que sofre a sanidade” na comarca e para “preguntarlle a quen dirixe a nosa sanidade onde están os máis e mellores servizos prometidos”.
A Mariña é dende hai anos un dos epicentros das mobilizacións na defensa da sanidade pública, que este xoves volveu saír á rúa en Burela secundada por unhas 2.000 persoas
Así, lembraron as demandas, por exemplo en Atención Primaria, que consisten na “creación de prazas de persoal de todas as categorías profesionais en xornada ordinaria e a redución de cupos”, a dotación de pediatra en todos os centros de saúde, o “incremento” dos profesionais de apoio, que se cubran o 100% das ausencias ou que haxa “dúas equipas completas de enfermaría-médica en todos os PAC” e que estes sexan dotados de material.
En canto á atención hospitalaria, volveron reclamar “a recuperación da área sanitaria roubada”, así como dotacion de “resonancia nuclear magnética fixa, placas dentais, electromiogramas, densitometrías óseas, electroencefalogramas, consulta de cirurxía vascular” ou a recuperación da implantación de marcapasos ou das operacións de fimose pediátrica.
"Esiximos recursos humanos e materiais, que a ampliación de edificios veña acompañada da ampliación real de servizos"
A plataforma lembrou estas demandas, pero tamén esixe a “derrogación” da reforma da Lei de Saúde porque queren que A Mariña “sexa unha área sanitaria propia”, como a de Ferrolterra que, lembran, ten “similar número de habitantes” pero nin sequera tanta distancia como a que na comarca teñen ata o Hospital de Lugo. "Non queremos nacer na Xesta", resumía unha das pancartas da mobilización.
“Esiximos que se dote de recursos humanos e materiais aos nosos centros de saúde, que a ampliación de edificios veña acompañada da ampliación real de servizos e recursos humanos axeitados e unha sanidade pública de calidade, universal, gratuíta, integral, integrada, equitativa e de proximidade”.
"En menos dun ano a Plataforma en Defensa da Sanidade na Mariña recolleu máis de 1.500 reclamacións da veciñanza"
“Temos do noso lado a razón e venceremos nós; agora, aquí e sempre na defensa da sanidade pública”, rematou o manifesto dunha marcha apoiada polas forzas políticas da oposición galega, sindicatos e diversos colectivos.
Na marcha, de feito, participaron alcaldes e edís de toda a comarca e membros do goberno da Deputación. O PSdeG, un dos partidos que apoiou a manifestación co seu secretario xeral á fronte, aproveitou para denunciar que, “en menos dun ano, a Plataforma en Defensa da Sanidade na Mariña recolleu máis de 1.500 reclamacións da veciñanza polas carencias de servizos na sanidade”. Ademais, os socialistas advertiron dos “recortes e o desmantelamento dos servizos sanitarios por parte do PP durante 10 anos”.
A mobilización tamén estivo avalada por outras formacións políticas como o BNG, representada pola deputada Olalla Rodil, entre outros cargos. Do mesmo xeito, como anteriores mobilizacións na Mariña, esta manifestación foi tamén impulsada dende a CIG Saúde.