Feijóo volveu negar este mércores a conflitividade na sanidade pública. Mentres profesionais dos PAC, aínda en folga, mobilizábanse percorrendo un pequeno tramo do Camiño de Santiago como protesta, o presidente da Xunta presumía de “acordos” na Atención Primaria” e de “buscar solucións” durante a sesión de control no Parlamento galego.
Feijóo asegurou que a Consellería selara "un acordo" cos colexios médicos e as sociedades científicas, que reducen o texto asinado a unha acta
Facíao asegurando que o pasado 20 de marzo “todos os colexios médicos e sociedades científicas chegaron a un acordo para embridar os problemas na Atención Primaria”. Referíase a un documento de intencións que tanto o Consello Galego de Colexios Médicos (CGCM) como colectivos como a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) reduciron –e reducen– a unha “acta” cunha serie de medidas que a Consellería de Sanidade “se comprometeu a aplicar”.
Así o advertía daquela o presidente do CGCM, José Luis Jiménez, que destacaba en Praza.gal o “proveitoso” dunha xuntanza que non implicaba acordo ningún. Varios días despois, Agamfec lembraba que na propia reunión se aclarara que o resultado “sería plasmado nunha acta, non nun acordo, e que caberían alegacións” a esta. Nelas, a mesma sociedade científica alegou que do documento debería desaparecer o termo “acordo” e cinguirse, unicamente, a unha “acta da reunión”.
Agamfec mesmo alegou ao documento lembrando que na xuntanza se aclarou que o resultado "sería plasmado nunha acta, non nun acordo"
Este último foi o documento que este mércores lle amosou a Feijóo o portavoz de En Marea, Luís Villares, que acusou o presidente da Xunta de “mentir” por dicir que o seu Goberno “chegou a un acordo con todas as organizacións” cando elas mesmas “tiveron que saír a desmentilo”. “Fixeron pasar unha reunión de traballo por un acordo”, recriminoulle o deputado, que preguntou ao xefe do Executivo se “sabía” o verdadeiro alcance daquela xuntanza ou se ía “responsabilizar” o conselleiro de Sanidade por non desvelarllo.
Xa unha semana antes de que o Sergas se reunise cos médicos e as sociedades científicas, Vázquez Almuíña advertíalle á oposición de que vería "nos medios" a aceptación do seu novo modelo sanitario, malia que é rexeitado masivamente por profesionais e colectivos. Os titulares chegaron, pero o acordo non.
Preguntado de novo este mércores o presidente do CGCM por ese presunto pacto, volveu ser claro: “O concepto acordo é algo que se pecha e, nese sentido, non é un acordo, foi unha reunión na que se formularon unha serie de iniciativas pola nosa parte e unhas foron aceptadas pola Consellería, nin tan sequera a metade, e outras non. Logo fíxose un acta para rubricar un compromiso”.
"Non é un acordo, foi unha reunión na que se formularon unha serie de iniciativas e que chegou tarde", di o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos
Jiménez lembra que “un acordo pecha unha cuestión” e que, neste caso, “quedan moitas por pechar”. E insiste en que non se pode considerar acordo ningún, “sobre todo se isto se entende como un aval dunhas políticas, que non o é”. “Todo isto chegou, por desgraza, moi tarde, porque levamos formulando propostas desde 2015, agardando a que non estoupase o conflito, como así acabou sucedendo”, aclarou o presidente dos médicos galegos, que aclara que “para anda” entende o documento esgrimido por Feijóo “como pechado”. “Hai aínda moitas cousas por desenvolver”, insiste.
Malia todo, Feijóo gabouse no Parlamento. “Que facemos ante os conflitos? Buscamos solucións e atopamos acordos”, insistiu malia as palabras de Villares, ao que acusou de “estar especializado en alimentar os desacordos” e mesmo de “mentir” tamén no que ten que ver coa folga prevista na Atención Primaria para os vindeiros 9, 10 e 11 de abril.
“Di que hai unha convocatoria de folga dos médicos de Atención Primaria. É outra mentira; acaba de inventar que hai unha convocatoria de folga na Atención Primaria; de momento, non hai ningunha”, teimou Feijóo sobre un paro que, segundo confirma a coordinadora que a impulsa, será convocado oficialmente o vindeiro venres.
Feijóo dubida da convocatoria dunha folga en Atención Primaria que será oficial o vindeiro venres
A Coordinadora Galega de Atención Primaria conta xa para esta folga co apoio da gran maioría de sindicatos, de moreas de colectivos profesionais ou da propia Agamfec, entre outras moitas entidades, e di representar uns mil médicos de Atención Primaria. "O calendario da folga marcámolo nós e non Feijóo, que semella algo perdido", di a Praza.gal Xosé María Dios, médico de familia e dun dos portavoces do colectivo que pula por un cambio global na sanidade e que non abranga só o colectivo médico.
Feijóo, ante as preguntas de En Marea, volveu tirar de argumentos repetidos ao advertir a Villares de que “ten unha portavoz de Sanidade que está de acordo co réxime do señor Maduro” ou ao acusar a súa formación de ser “un perigo para a sanidade pública, para a saúde pública e para as formulacións básicas sanitarias en prevención e promoción da saúde”.