A reforma da Atención Primaria promovida pola Consellería de Sanidade co obxectivo de instaurar un novo modelo para futuras décadas segue a acumular rexeitamento de diferentes colectivos de profesionais sanitarios, colexios médicos e persoal do sector. Traballadores dos PAC, interinos, enfermaría, entidades en defensa do sistema público... Todos critican a inconcreción e a falta de resposta ás demandas dun documento que recoñece, explícita e implicitamente, moitas das eivas que mobilizacións, protestas e folgas denuncian más intensamente nos últimos meses.
Unha das queixas máis repetidas polo persoal da Atención Primaria é a sobrecarga asistencial pero tamén burocrática, ao teren que asumir tarefas que non lles son propias ou que veñen derivadas de médicos especialistas.
As medidas "a curto prazo" que propón o Sergas para “desburocratizar" o labor dos médicos de familia son o cumprimento de dúas instrucións impulsadas polo bipartito hai unha década
O propio borrador presentado polo Sergas dedica un dos seus apartados --o “obxectivo” 3.2-- ao intento por “desburocratizar a actividade dos médicos de Atención Primaria”. E faino advertindo da necesidade de que os médicos de familia se cingan a elaborar os informes de obrigada cobertura para eles e de que os facultativos de atención hospitalaria asuman os trámites derivados do seu labor e non trasladen esa responsabilidade aos centros de saúde. Para conseguilo, a Consellería de Sanidade recomenda seguir dúas ordes publicadas polo goberno bipartito hai dez e doce anos respectivamente.
Cumprir esas dúas ordes son as dúas “accións a curto prazo” que o Sergas propón para a “desburocratización” do labor dos médicos de cabeceira. “A Administración do PP está a recoñecer que non fixo nada até o de agora para arranxar esta situación ou que as súas medidas non deron resultado ningún”, explican a Praza.gal fontes médicas que levan tempo denunciando esa “sobrecarga burocrática” que os facultativos da Atención Primaria teñen. E destacan que a Consellería admíteo instando a cumprir con instrucións impulsadas por un goberno que rematou o seu mandato hai unha década “e que xa daquela as publicou para que a praxe fose a correcta”.
Así, no punto 3.2.1, Sanidade asegura que “o médico de familia de Atención Primaria (AP) realizará os informes de saúde de acordo coa Instrución 3/2009 da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde (Emisión de informe sobre o estado de saúde dos usuarios do Servizo Galego de Saúde), e os certificados de defunción. Ademais, aclara que se “exporá nos centros de saúde información visible para a cidadanía sobre os informes de obrigada cobertura polos médicos de AP”.
Sanidade insta a cumprir unha instrución de 2009 que xa advertía da "sobrecarga de traballo non asistencial" e da "ocupación do tempo necesario para outras tarefas”
O devandito informe foi publicado en marzo de 2009, co executivo de coalición PSdeG-BNG aínda gobernando, e asinado polo daquela secretario xeral do Sergas, Cayetano Rodríguez Escudero. A instrución, de aplicación desde aquela, advertía xa da “demanda crecente destinada á cumprimentación e/ou emisión de informe sobre o estado de saúde por parte do médico de familia sobre temas moi diversos e heteroxéneos”. Esta situación, segundo dicía, xeraba “unha sobrecarga de traballo non asistencial para os profesionais, e en ocasións unha certa controversia en torno á necesidade ou mesmo a obriga de emitir estes documentos, ademais de afectar negativamente ao correcto desenvolvemento das funcións e actividades propias da Atención Primaria, en tanto que contribúe a incrementar o número de consultas de contido administrativo, cunha ocupación do tempo necesario para outras tarefas”.
É, este diagnóstico, moi semellante á queixa que moitos facultativos de cabeceira expresan agora sobre o exceso labor burocrático que teñen que levar a cabo e que aquela orde, que agora a Consellería insta a cumprir, xa intentaba limitar hai unha década e “como parte do conxunto de medidas propostas no Plan de Mellora de Atención Primaria de Galicia 2007-2011” que estaban “orientadas á diminución da burocratización innecesaria das consultas de Atención Primaria”.
Unha instrución do verán de 2007
O mesmo ocorre coa segunda das recomendacións deste apartado. No punto 3.2.2, o Sergas aclara que “o persoal directivo das áreas sanitarias velará polo cumprimento da Instrución 16/2007 da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde Tramitación de determinados aspectos da actividade profesional dos facultativos de atención especializada. O obxectivo é que “todos os/as médicos/as de atención hospitalaria asuman os trámites burocráticos que se deriven da súa actividade asistencial (prescrición, informes, indicación de transporte sanitario non urxente, citación para outra consulta de revisión hospitalaria...)”.
A orde de 2007 que propón cumprir a Xunta xa buscaba determinar que burocracia delegada a Primaria era en realidade responsabilidade da Atención Especializada
“Son moitos os labores que nos encomendan que non entendemos como non se levan a cabo xa por parte dos especialistas”, explica un médico afectado, que pon como exemplo a tramitación de receitas, a emisión do parte de baixa ou a realización de probas ordenadas desde o hospital. “Mesmo con indicacións que nós, en moitos casos, non entendemos ao non ser a nosa especialidade”, engade quen recoñece que "hai directrices desde as xerencias sanitarias e mesmo aviso de penalizacións" pero que o resultado destas medidas é nulo.
Ante esta situación, o Sergas recomenda que se vele polo cumprimento da Instrución 16/2007 da Secretaría Xeral do Sergas de xullo de hai unha ducia de anos e que está baseado tamén no Plan de Mellora da AP de Galicia 2007-2011, “aprobado conxuntamente coas principais asociacións científicas e organizacións sindicais”. O obxectivo é a “eliminación da burocracia delegada aos facultativos de Atención Primaria” e danse instrucións como a “expedición de receita por quen prescribe o tratamento” ou que “lle corresponde ao facultativo que adopta a decisión de recorrer ao transporte sanitario gratuíto para pacientes emitir o correspondente parte”. Tamén, por exemplo, que “as revisións recomendadas polo facultativo de Atención Especializada serán emitidas polo propio facultativo” ou que “as certificacións médicas serán obrigatorias e gratuítas só cando o esixan disposicións legais ou regulamentarias”.