Advertiuno o sindicato SATSE e reitérao a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec). Nas principais organizacións que representan o persoal da enfermaría en Galicia tampouco gusta a reforma da Atención Primaria que promove a Xunta coa intención declarada de trazar un novo modelo para as vindeiras xeracións, pero tamén coa vontade de frear o conflito que, como noutros eidos da sanidade pública medra dende hai meses entre reclamacións de máis persoal e medios.
A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria advirte a Sanidade que, lonxe de aplacar o conflito, o seu bosquexo de reforma da Atención Primaria "está xerando crispación e agravándoo"
Unha vez analizado o documento presentado pola Consellería, a AGEFEC resume a súa postura anunciando que vai presentar "unha emenda á totalidade" ao plan formulado polo departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuíña. Vano facer, advirten, porque no caso de ser aplicado vai "supoñer un grave prexuízo para os intereses da cidadanía", pero tamén por pretender facer "retroceder a Atención Primaria a un sistema de ambulatorios da década dos 70 ou 80" do século pasado.
Como advertiran outros colectivos, caso da Coordinadora Galega de Atención Primaria, a asociación que aglutina o persoal da Enfermaría Familiar e Comunitaria coida que Sanidade non logrou con este documento preliminar un dos principais obxectivos que perseguía, aplacar o conflito. Ben ao contrario. "Está xerando un grave malestar e crispación nos enfermeiros e enfermeiras de Atención Primaria, agravando de xeito considerable o conflito" polo que consideran unha marcha atrás no tempo.
"Pódese concluír -explican- que a maior parte das propostas para o novo modelo" presentadas polo persoal de enfermaría á Consellería "non foron incluídas", lamentan ante o que ven como "un menosprezo e falta de consideración polo traballo realizado", tendo en conta que "formulamos propostas de mellora para os istema, non de beneficio individual".
"O que Sanidade vende como novas competencias non son tales, senón competencias que a enfermaría tivo e que eran exercidas polos profesionais médicos"
Neste sentido, resaltan que "a única petición de remuneración económica que se solicitou foi a compensación xusta para compensar a penosidade de realizar a atención domiciliaria no vehículo particular. E fixérono, afirman, polo "actual volume de atención no domicilio e o incremento que se prevé coa posta en marcha do plan galego de atención ás persoas en situación de cronicidade".
Ademais, advirten de que un dos titulares lanzados pola Consellería para citar as novidades da reforma realmente non o é tal, do seu punto de vista. "O que Sanidade vende como novas competencias non son tales", senón "competencias que os enfermeiros de Atención Primaria tiveron, que se recoñeceron e consolidaron formalmente coa especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria". A "diferenza", subliñan, é que "estas competencias eran exercidas polos profesionais médicos", xa que "o sistema sanitario estaba enfocado a curar" e "agora débenas exercer os enfermeiros" porque o sistema "debe reorientarse a curar e coidar".
Estes son para a AGEFEC motivos máis que dabondo para afirmar que o documento lanzado pola Xunta "debe ser mellorado na súa totalidade". Trátase, din, de "acadar unha Atención Primaria adecuada aos tempos e ás necesidades da nosa poboación" e por iso "esta Sociedade Científica presentará á Consellería as necesarias alegacións nun documento detallado e consensuado polo seu grupo de expertos".