O Sergas rebaixa ao 7% o seguimento da folga na atención primaria

Persoal sanitario concentrado ante a Consellería de Sanidade CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

Arredor de 300 profesionais sanitarios concentráronse este mércores ante a sede da Consellería de Sanidade en Santiago no primeiro dos tres días de folga en atención primaria e convocados por CIG-Saúde. O sindicato nacionalista cualificou "positivamente" o "amplo" seguimento do paro malia uns servizos mínimos que definiu como "abusivos" e "máximos", pero a Xunta reduciuno a un 7% na mañá deste mércores. 

CIG-Saúde cualifica de "amplo" o seguimento da folga, que Sanidade reduce ao 7%

Á saída dun acto en Lugo, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, cifrou en concreto no 6,9% o seguimento do paro no conxunto de Galicia, uns datos que confirmou logo o Sergas nun comunicado. Segundo estas cifras, na área sanitaria da Coruña e Cee o seguimento da folga acadou o 7,8 %; na área de Santiago-Barbanza o 11,5 %; na de Ferrol o 7,5 %; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos o 4,1 %; na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras o 0,78 %; na de Pontevedra e O Salnés do 7,6 %; e na área sanitaria de Vigo 8,2 %. 

"Eu non vou interpretar as cifras", dixo de forma irónica, mentres o seu departamento destaca que a sanidade pública galega estaba a "responder axeitadamente á demanda asistencial que se presentou nos centros sanitarios galegos".

Persoal sanitario concentrado ante a Consellería de Sanidade pola folga do 26 de novembro CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

Desde a concentración en Santiago, Manuel González Moreira, da executiva nacional de CIG-Saúde, demandou do Sergas unha "aposta política" real pola atención primaria e lembrou que sen mellores condicións laborais nos centros de saúde a contratación de persoal, tan necesaria, será cada vez máis difícil. "A situación na que nos atopamos exixe medidas concretas, planificadas, que sexan avaliables para ter un mínimo de credibilidade", dixo quen advertiu de que "non se pode atender con calidade ás persoas usuarias con axendas de 40 pacientes que crecen indefinidamente porque faltan compañeiros". 

"A situación na que nos atopamos exixe medidas concretas, planificadas, que sexan avaliables para ter un mínimo de credibilidade", demanda a CIG

Foi na primeira das tres xornadas de folga convocadas polo sindicato maioritario entre o persoal sanitario en Galicia —CIG-Saúde— e O'Mega, a organización que se define como o de maior representación entre médicos e médicas. Poucas horas antes do inicio do paro, Simega —o outro colectivo médico que secundaba as protestas— decidiu desconvocalo tras a reunión coa Consellería de Sanidade e logo de que, segundo di nun comunicado, o Sergas aceptase "practicamente" todas as súas peticións, como a voluntariedade para facer as gardas de xeito incentivado, a limitación de axendas a 30 consultas, que o acceso á especialidade sexa sempre mediante MIR ou a extinción da categoría de facultativo especialista de atención primaria (FEAP) en 2029. 

Tras esa "longa e tensa" xuntanza, O'Mega, pola contra, decidiu manter a folga malia "valorar positivamente" o compromiso de Sanidade de non convocar máis prazas de FEAP. Conto, a organización critica que o plan de voluntariedade incentivada para extinguir as prazas actuais fose negociado "só cos sindicatos da mesa sectorial" e non con eles e con Simega, sen representación no órgano de negociación establecido legalmente. "Non nos conformamos con promesas e exiximos accións concretas", din.

Quen tamén mantén o pulso co Sergas é CIG-Saúde, que tamén ante a Consellería insistiu en que o necesario plan de ordenación de recursos humanos non está asegurado, senón que o pactado con outros sindicatos é só unha negociación sen medidas concretas. “O que di é que se van negociar medidas sen coherencia e que nun futuro indefinido estas se plasmarán ou non”, matizou.   

Gómez Caamaño visita a Neuroescola do HULA CC-BY-SA Xunta

CIG-Saúde, sindicato maioritario no Sergas, e O'Mega, organización máis representativa entre os médicos, mantiveron a folga da que se desmacaron CSIF, CCOO, UGT e Simega

O sindicato maioritario no Sergas rexeitou unirse ao acordo que si aceptaron CSIF, UGT e CCOO ao considerar "insuficiente" que a Xunta retire a categoría FEAP en 2029, unha medida que cre que "queda no aire se non funciona a voluntariedade". 

Este martes, Moreira insistiu en que "non existen razóns para que as áreas administrativas estean sobrecargadas, cando hai traballadoras e traballadores dispoñíbeis nas listas de contratación" ou "para que non se potencie e reforce a fisioterapia e mesmo se estea derivando esta actividade á sanidade privada, mentres hai profesionais esperando ser contratados". Tampouco para que "non se atenda á saúde mental cos recursos necesarios de psicoloxía clínica na atención primaria, cando non hai déficit de profesionais nesta categoría". 

CSIF, UGT e CCOO consideran, pola contra, que o acordado supón "un avance histórico" que "pon fin a anos de precarización, falta de recursos e ausencia de planificación real". Unha postura a prol da desconvocatoria dos paros que foi maioritariamente aceptada nestes sindicatos pero que tamén provocou algunha diferenza interna.

CSIF, UGT e CCOO falan dun "avance histórico" tras o acordo co Sergas, pero nin CIG nin as asembleas organizadas de persoal médico aceptan o pacto

Un pacto que tampouco é suficiente para SOS Sanidade Pública ou para outras sociedades científicas, así como para asembleas de persoal médico —organizadas á marxe dos sindicatos—, como a da área sanitaria da Coruña, que amosou o seu "absoluto rexeitamento" ao pacto co Sergas, que cre "insuficiente e incompleto", e á desconvocatoria da folga, mesmo ameazando cun paro indefinido. 

Instalacións dun centro de saúde en Galicia CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Sexa como for, as mobilizacións e a convocatoria de folga —consumada ou non— fixeron recuar a Consellería, que aceptou moitas das reivindicacións sindicais e retirou o plan presentado o pasado 17 de outubro en mesa sectorial e que provocou unha posición en contra unánime na atención primaria. Colexios médicos, sociedades científicas, organizacións profesionais, asembleas e sindicatos amosaron un rexeitamento total á proposta para a nova atención primaria, agora matizada, mellorada e sen algunha das proposicións máis polémicas. 

Desde CIG-Saúde, malia os datos de seguimento do Sergas, consideran que a folga foi importante e tivo "especial incidencia" entre o persoal de medicina de familia, o que “evidencia o apoio maioritario das traballadoras e traballadores que vén como o seu futuro está sendo condicionado e que non poden desenvolver todas as súas posibilidades no ámbito profesional”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.