A menos de dous días do paro deste mércores 26, os sindicatos CSIF, CCOO e UGT —tres dos que contan con representación na mesa sectorial de Sanidade— decidiron desconvocar a folga e "deixar sen efecto" as mobilizacións previstas logo dunha "longa e complexa negociación" co Sergas e tras acadar, segundo advirten, "un acordo que recolle todas as reivindicacións presentadas".
CSIF, CCOO e UGT desconvocan a folga tras acadar "un acordo que recolle todas as reivindicacións presentadas"; CIG-Saúde mantén os paros
A última hora deste martes, e logo dunha xuntanza entre sindicatos e representantes da Consellería de Sanidade desde o mediodía, os tres sindicatos anunciaron unha decisión que non segue CIG-Saúde. A central nacionalista, maioritaria no sistema sanitario galego, decidiu manter a convocatoria de folga do 26 e mais as dos días 27 e 28, que engadira ás datas previstas e que tamén manteñen en pé, polo momento, as organizacións médicas O'Mega e Simega, que se reúnen este martes co Sergas.
As asembleas de persoal médico impulsadas á marxe de sindicatos e colectivos médicos —principalmente formadas por profesionais novos—manteñen tamén o seu apoio á folga, que tamén defenderan as sociedades científicas de atención primaria —Agamfec, SEMG e Semergen— ou a plataforma SOS Sanidade Pública.
CSIF, CCOO e UGT din desconvocar a folga logo de que o Sergas presentase un documento no que acepta a totalidade das demandas sindicais, o que supón unha "clara mellora das condicións económicas, organizativas e laborais de todo o persoal de atención primaria, reivindicacións que levaban anos pendentes de solución".
Os tres sindicatos relatan as principais melloras acadadas, que inclúen a "retirada íntegra" das medidas incluídas no documento presentado na mesa sectorial o pasado 17 de outubro e que ergue todos os colectivos sindicais, profesionais e científicos da atención primaria.
Así, o Sergas comprométese á "extinción" da categoría de facultativo especialista en atención primaria (FEAP) —unha das demandas irrenunciables do persoal mobilizado— e que culminará a finais de 2029. Tamén asume o "compromiso" de negociar un Plan de Ordenación de Recursos Humanos nun prazo máximo de 6 meses, a retirada de aplicativo de xornada dos PAC ou a "equiparación do valor hora da enfermaría de PAC co persoal das unidades e servizos".
Segundo CSIF, CCOO e UGT, o Sergas "extingue" a categoría de facultativo especialista en primaria a finais de 2029 e negociará un plan de recursos humanos en seis meses
Tamén recoñece o Sergas os venres como día pre-festivo para o persoal médico destes Puntos de Atención Continuada, a actualización do complemento de manutención a 15 euros, a compensación en días dos festivos que coincidan en sábado ou a consolidación do servizo de transporte (taxi) en atención primaria.
O documento aceptado polo Sergas, segundo o que detallan os sindicatos, semella unha renuncia da Consellería ás súas principais medidas. Así, aposta pola "implantación de novas categorías profesionais para reforzar a carteira de servizos" nos centros de saúde, un máximo de 30 asistencias por equipo nos PAC e a "retirada de calquera medida relacionada coa homologación do título de Medicina Familiar e Comunitaria", que mesmo se formulara coa posibilidade de prescindir do MIR para profesionais extracomunitarios, medida que erguera fortes protestas por parte dos colexios médicos e que xa fora retirada.
Segundo CSIF, CCOO e UGT, o Sergas comprométese tamén á "dotación de recursos materiais para centros de saúde e PAC" e a analizar e garantir as ratios profesionais, "asegurando" a igualdade entre medicina de familia e enfermaría, ademais da análise das cargas de traballo do persoal administrativo para axustalas ás recomendacións establecidas. Tamén a aplicación do pago por tarxeta individual sanitaria a todo o persoal de primaria, a definición de "postos de difícil cobertura e implantación de incentivos asociados".
O Sergas aceptou a convocatoria do concurso específico de Enfermaría Familiar e Comunitaria no primeiro trimestre de 2026
Ademais, a Consellería aceptou a convocatoria do concurso específico de Enfermaría Familiar e Comunitaria no primeiro trimestre de 2026.
Para CSIF, CCOO e UGT, o acordo supón "un avance histórico para a atención primaria galega" e pon fin "a anos de precarización, falta de recursos e ausencia de planificación real". "As melloras permitirán reforzar os equipos, garantir unha mellor organización asistencial e ofrecer unha atención de maior calidade á cidadanía", conclúen.
Desde CIG-Saúde manteñen a convocatoria de folga que apoian asembleas médicas, a plataforma SOS Sanidade Pública ou sociedades científicas. Mañá mércores, primeiro dos tres días de paros que polo momento convocan tamén O'Mega e Simega, será a xornada na que se comprobe o apoio á mobilización.
CIG-Saúde asegura que é "insuficiente" a proposta de retirar a categoría de FEAP a finais de 2029, "cando a lei de medidas do ano 2022 contemplaba que a duración da categoría sería de cinco anos". "Ademais, queda no aire o futuro desta medida se non funciona a voluntariedade" di a central nacionalista, que analiza varios dos avances anunciados polo resto de sindicatos.
CIG-Saúde ve "insuficiente" a retirada da categoría FEAP en 2029 cando xa se contemplaba en 2022 que duraría cinco anos
Así, sobre as condicións retributivas dos PAC, lembra que o Sergas "retira unha proposta feita en días previos de mellorar a retribución da xornada complementaria incentivada das 160 ás 140 horas". Tamén aclara que non pode aceptar que, "no contexto actual, non se fale dun verdadeiro Plan de Ordenación dos Recursos Humanos que permita crear unha mínima expectativa no desempeño profesional na atención primaria", entre outros aspectos.
Por iso, CIG-Saúde di que "non pode avalar o acordo" e mantén tanto a folga prevista nos tres días como a mobilización deste mércores ás 11 da mañá na sede de Sanidade en Santiago.
Precisamente, a Consellería viña días advertindo de que a coincidencia do pico da gripe e das xornadas de folga supoñían a "tormenta perfecta" para a atención primaria, polo que demandaba a desconvocatoria dos paros.