O Sergas retira o plan de primaria pero a convocatoria de folga continúa activa

Representantes de CIG, CSIF, CCOO e UGT presentan as mobilizacións pola folga do 26 de novembro. CC-BY-SA CSIF Galicia

A presión exercida pola convocatoria de folga conseguiu que a Administración retirase o documento imposto na mesa sectorial  do 17 de outubro

A convocatoria de folga continúa plenamente activa. As organizacións sindicais do comité de folga —CIG, CSIF, CCOO e UGT— mantiveron este venres “unha intensa reunión coa Consellería”, segundo indicaron, na que, grazas “á presión exercida pola convocatoria de folga, conseguiron que a Administración retirase o documento imposto na mesa sectorial o pasado 17 de outubro”. 

Durante esta reunión, informan os sindicatos, a Administración comprometeuse a non continuar coa reconversión de máis prazas de FEAP a partir de 2026, así como a convocar en xaneiro o concurso específico de enfermería familiar e comunitaria, demandas que as organizacións sindicais levan tempo reclamando. 

Concentración de persoal médico de Atención Primaria en folga, na Coruña CC-BY-NC-SA BNG A Coruña

O sindicatos lamentan que a xuntanza durou máis de seis horas sen que a Administración ofrecese propostas reais nin medidas concretas. A negociación retomarase o vindeiro luns

 A pesar destes avances, a xuntanza prolongouse durante máis de seis horas sen que a Administración ofrecese propostas reais nin medidas concretas, “limitándose unha vez máis a falar de prazos sen asumir compromisos efectivos”, segundo subliñan as organizacións sindicais, que denuncian esa falta de resposta e reiteran que “sen avances claros non haberá acordo posible”. 

“A negociación retomarase o vindeiro luns e a convocatoria de folga continúa plenamente activa ata acadar solucións satisfactorias para todo o persoal afectado”, informaron onte desde os sindicatos.

Desde a Xunta subliñan que “a Consellería de Sanidade e os representantes dos traballadores veñen de abrir un proceso de negociación para a atención primaria"

Desde a Xunta pola súa banda, informaban este venres á tardiña de que “a Consellería de Sanidade e os representantes dos traballadores veñen de abrir un proceso de negociación para a atención primaria".

Para avanzar nese proceso, explican, a Consellería ofreceu, como punto de partida, a retirada do documento de medidas para a atención primaria que se propuxo á Mesa Sectorial do pasado 17 de outubro en aras de facilitar un marco de negociación cos representantes dos traballadores.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, comparece a petición propia no pleno do Parlamento o 9 de xullo de 2024 © Xoán Crespo/Xunta

A Consellería de Sanidade indica que “confía en que o marco de negociación aberto cos representantes dos traballadores permita acordar solucións para garantir a asistencia nos centros de atención primaria no contexto de déficit de profesionais e evitar a celebración da folga convocada para o presente mes de novembro”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.