O incendio sanitario non só non se lle apaga á Xunta, senón que se lle prenden máis focos. Logo da masiva manifestación do pasado día 10, o Goberno galego puido comprobar a magnitude do fastío dos profesionais pola “deterioración” e os “recortes” na sanidade galega. A conflitividade agromou e mantense en todos os sectores. As folgas, tamén. Malia confirmarse este martes a finalización da que a comisión de centro das Urxencias do Clínico de Santiago mantivo case catro meses --e aínda convocada a dos médicos--, o persoal dos PAC manterá o paro indefinido tras rexeitar a última proposta da Xunta e a Atención Primaria prepara outra folga para as vindeiras semanas ao tempo que as ambulancias manteñen a súa de xeito intermitente.
A folga nos PAC continúa logo de que o persoal decidise rexeitar a última proposta do Sergas; as ambulancias continúan cos paros e toda a Atención Primaria prepara outra folga
A folga nos Puntos de Atención Continuada (PAC) sumará axiña dous meses logo de que os traballadores rexeitasen o pasado luns en asemblea o borrador presentado polo Sergas e os sindicatos ratificasen o ‘non’ algo máis tarde na mesa sectorial. Cunha participación de preto do 70% dun total de 950 profesionais, máis do 60% do persoal consultado desbotou a última oferta por non detallar moitas das reivindicacións ou por incluír o 20% do complemento de nocturnidade e festividade que reclamaban tras ser pactado xa en 2008 pero de forma gradual en dous anos e dependendo da "dispoñibilidade orzamentaria".
O Sergas lamentou que, “malia os esforzos realizados”, os traballadores rexeitasen un documento “que mellora notablemente as súas condicións e que recolle a inmensa maioría das súas reivindicacións”. Desde o colectivo PACs en pé de guerra, unha das súas portavoces, Ana Boedo, pregúntase “cales son as présas” da Consellería de Sanidade “logo de varias semanas de folga e máis dun ano de conflito reclamando melloras e sen recibir resposta ningunha”.
Nun comunicado, o mesmo colectivo lembra ao Sergas que non están pedindo melloras, senón "o cumprimento dos pactos e das leis vixentes". "Seguimos esixindo, que non negociando, o cumprimento do Pacto 2008, de legalidade vixente e velar pola seguridade dos nosos pacientes", indican.
Porque a Xunta busca apagar os conflitos mentres se lle multiplican. Á folga exclusiva dos PAC poderíaselle unir, moi probablemente, outra no vindeiro mes ou na primeira semana de abril en toda a Atención Primaria, que mantén ademais os paros e as concentracións ante os centros de saúde.
A Coordinadora Galega de Atención Primaria di ter a folga xeral como "o horizonte máis próximo"
Esa foi unha das propostas acordadas tamén o luns pola Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP), que celebrou unha xuntanza con representantes das diferentes áreas sanitarias, dos servizos de Urxencias, de Pediatría, das sociedades científicas, de Precarias pola Atención Primaria, de colectivos en defensa da sanidade pública ou de diferentes entidades médicas. Todos, en representación de arredor dun milleiro de profesionais, consensuaron unha serie de “puntos irrenunciables” para reclamar á Xunta e advertiron de que teñen a folga xeral como “o horizonte máis próximo” nunha convocatoria que será “coordinada cos sindicatos”.
A CGAP valorará antes as conclusións da xuntanza que este mércores manterá a Consellería de Sanidade cos grupos de traballo conformados na busca de melloras no sistema. “Van presentar un novo modelo e avaliarémolo, pero se todo é como ata o de agora, sen consenso e contando só con profesionais afíns, a folga será a saída”, expilca José María Dios, médico e un dos membros da coordinadora, que advirte da incongruencia dunha Xunta que “presumía de ter o mellor sistema hai uns días e agora aposta por mudalo”.
Entre os puntos irrenunciables está o aumento de ata o 25% do orzamento total para a Atención Primaria, o incremento de persoal coa convocatoria de todas as prazas necesarias, contratación estable e digna para o persoal precario, negociación directa da Administración cos representantes dos PAC ou a elminación das EOXI e a creación da xerencia de Atención Primaria “en pé de igualdade coa xerencia hospitalaria”.
Os profesionais das ambulancias manteñen os paros e as mobilizacións ante a falta de avances nas negociacións coa patronal
Ao tempo, o persoal das ambulancias de Galicia iniciou tamén esta semana unha nova xeira de paros e mobilizacións até o próximo domingo 24. Patronal e a representación laboral intentaron achegar posturas da man do Consello Galego de Relacións Laborais logo de que a Xunta pedise a súa mediación no conflito. No entanto, non houbo avances e o calendario de protestas continúa. Segundo os sindicatos, os empresarios tan só retiraron a súa intenciçpn de aplicar unha rebaixa do convenio do 10% pero non achegaron ningunha outra oferta. O conflito, xa que logo, segue e este mércores hai convocada unha manifestación de todo o sector galego ás 11.30 horas na Praza Roxa de Santiago e ata San Caetano.