Feijóo, comparado co personaxe de Shwarzenegger no primeiro debate parlamentario do ano, sobre a crise da sanidade, escúdase no sistema e as infraestruturas fronte ao foco nas persoas e os seus dereitos posto pola oposición
Terminator, o robot asasino de humanos interpretado por Arnold Shwarzenegger na película do mesmo nome, era produto dunha intelixencia artificial superior, o sistema informático Skynet, o que realmente quería exterminar a humanidade. Este mércores, no primeiro pleno do ano no Parlamento de Galicia, centrado na crise dese servizo público, a portavoz do BNG, Ana Pontón, chamou a Feijóo “Terminator da sanidade”. A resposta do presidente, a esa e ás intervencións dos portavoces de En Marea e PSdeG, foi a de ridiculizalos, comparalos co Goberno de Maduro en Venezuela e escudarse en que o Executivo central socialista non lle permite contratar máis médicos despois de que el centrase os seus esforzos en construír máis infraestruturas sanitarias.
“O de hoxe redondea o ridículo parlamentario que levan facendo durante semanas”, respondeu Feijóo á oposición despois de que esta lle lembrase as mobilizacións que se están a vivir en toda Galicia entre os xefes e o persoal dos centros de saúde, os puntos de atención continuada, as ambulancias ou as urxencias. Segundo o presidente, o “ridículo” da oposición débese a que esta solicitou unha comisión de investigación sobre os recortes na sanidade pero despois decidiu non asistir ás súas sesión. En Marea, PSdeG e BNG argumentan que o seu plantón débese a que o PP vetou aos comparecentes máis críticos coa Xunta, polo que puxeron en marcha un foro de debate paralelo nas súas propias dependencias da Cámara, o que Feijóo cualificou como “comisión bolivariana” coa que a oposición “intenta utilizar a sede do Parlamento galego para burlarse do Parlamento galego”.
Feijóo insistiu ao longo de toda a súa intervención en comparar os tres grupos da oposición co Goberno venezolano de Maduro
Foi a primeira dunha longa serie de comparacións por parte de Feijóo dos tres grupos da oposición co Goberno venezolano de Maduro, ata o punto de dicir que “o PSdeG non ten ningún respecto ao Parlamento de Galicia nesta lexislatura”. A resposta do portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, foi a de dicirlle a Feijóo que nesa comisión sobre a Sanidade el “se comportou como Maduro impedindo que os opositores puidesen expresarse”.
Na sesión de control á Xunta deste mércores os tres portavoces da oposición coincidiron en poñer o foco na situación da sanidade galega. Pero o de En Marea, Luís Villares, obtivo un pequeno triunfo de visibilidade coa súa estratexia de englobar previamente a súa pregunta a Feijóo baixo unha formulación xenérica sobre dereitos da cidadanía, que aproveitou para criticar tamén os impedimentos que a Xunta vén poñendo ao dereito de folga en diversos ámbitos, tamén na sanidade. Esa estratexia de Villares de presentar as súas preguntas como dereitos da cidadanía en xeral e non só no ámbito sanitario fixo que Pontón e Leiceaga compartisen interrogatorio a Feijóo mentres que Villares puido manter un diálogo en solitario co presidente.
“Cando solicitou vostede a ampliación dos MIR? En 2015, 2017 ou hai uns meses?”, preguntou Leiceaga a Feijóo tras as críticas que este dirixiu ao actual Goberno central socialista
Nunhas e noutras intervencións, centradas pola oposición nos problemas que a situación da sanidade está supoñer para os seus profesionais e pacientes, Feijóo volveu a enumerar os investimentos en infraestruturas sanitarias dos seus gobernos e a lamentarse de que o Goberno central socialista non lle permita contratar máis médicos residentes, ao que Leiceaga respondeu preguntando “cando solicitou vostede a ampliación dos MIR? En 2015, 2017 ou hai uns meses?”.
Co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, movendo constantemente a cabeza contrariado ante as acusacións dos tres portavoces da oposición, Feijóo contraatacou e, ademais da acusación a Leiceaga de menosprezar o Parlamento no que este ocupa un escano desde hai máis dunha década, pronunciouse tamén persoalmente sobre Villares e Pontón. Do primeiro dixo que “todos os que o rodean queren inhabilitalo”, en referencia ás guerras internas en En Marea. Á segunda dirixiu un eloxio a conta da súa comparación con Terminator que soou a irónico: “Acredita vostede un excelente gusto cinematográfico”. Os catro, como vén sendo habitual nestas sesións, acusáronse mutuamente de vivir en distopías apocalípticas semellantes á da película.