As protestas pola "deterioración sanitaria" intensifícanse e espállanse por toda Galicia

Unhas 30.000 persoas manifestáronse de novo en Vigo en defensa da sanidade pública © PSdeG-PSOE

As protestas pola “deterioración” sanitaria en Galicia abranguen xa moreas de colectivos, desde o persoal dos PAC ou de Urxencias até os médicos de Atención Primaria, profesionais eventuais ou traballadores das Ambulancias. As protestas, folgas e reivindicacións, apoiadas por colectivos de pacientes e usuarios, continúan e espállanse agora tamén xeograficamente por diferentes puntos de Galicia. Ás mobilizacións que se dan habitualmente nas sedes dos grandes complexos hospitalarios únense esta semana concentracións diarias nos centros de saúde das vilas e outra gran manifestación en Vigo, como a celebrada na noite deste xoves “pola dignidade da sanidade pública”. 

Vigo acolleu outra gran manifestación "contra os recortes de persoal sanitario" mentres os profesionais levan a cabo paros ante os centros de saúde durante toda a semana

Convocada pola xunta de persoal da área sanitaria de Vigo “contra a política de recortes de persoal sanitario”, a marcha dos profesionais sanitarios volveu acoller milleiros de persoas e contou co apoio de sindicatos e oposición, ademais do de colectivos como a plataforma SOS Sanidade Pública, que apunta estes recortes como “parte da estratexia de Feijóo de desmantelar e privatizar para transformar o Sergas nunha oportunidade para o desenvolvemento empresarial”. 

Foi a segunda vez en menos dun mes na que as rúas do centro de Vigo se encheron de xente para pedir solucións ás eivas da sanidade pública e apuntar directamente os responsables. Segundo a Policía Local, máis de 30.000 persoas marcharon desde o antigo Hospital Xeral ata Porta do Sol. "Feijóo atende, a sanidade non se vende", "conselleiro corrupción" ou "a privatización é corrupción" foron algunhas das consignas máis repetidas nunha mobilización que contou coa presenza de numeroso responsables políticos, entre eles o alcalde da cidade, Abel Caballero. 

Coincide esta marcha coas concentracións que profesionais de Atención Primaria están a realizar este xoves tamén na zona de Vigo e Pontevedra convocados pola Agamfec (Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria) nun inicio e seguidos por outros colectivos médicos. Antes, durante esta semana, tocoulle á provincia de Lugo e Ourense, a Ferrolterra ou á área da Coruña e este venres houbo protestas en Vedra, Oroso, A Estrada, Lousame, Ordes, A Pobra do Carmiñal, Serra de Outes, Bertamiráns, Milladoiro, Negreira, A Baña, Rois ou Dodro, entre outras localidades da área sanitaria de Santiago. Son paros de cinco minutos ás portas dos centros de saúde, PAC e consultorios rurais, ás 12 do mediodía e ás 6 da tarde, en demanda “dunha Atención Primaria digna” e en solidariedade coa vintena de xefes de servizo da xerencia viguesa que presentaron a súa dimisión, e que manteñen á espera de que as medidas anunciadas pola Xunta na reunión mantida co Sergas se fagan efectivas.

Milleiros de persoas ateigaron o centro de Vigo por unha "sanidade digna" © En Marea

Pero en cada localidade agroman problemas particulares. En Viveiro denunciáronse esperas de ata dez días para conseguir cita en Primaria ou consultas con máis de 50 pacientes ao día. No rural advírtese das numerosas carencias no servizo e, en xeral, en todos os casos denúnciase “sobrecarga asistencial, falta de médicos substitutos, escaso tempo para a atención, escaseza de material ou precariedade laboral”. “Queremos evitar o desmantelamento do sistema sanitario público ao que estamos asistindo”, asegura o Colectivo de Profesionais Sanitarios de Galicia. 

Centros de saúde, consultorios rurais e PAC únense para denunciar "sobrecarga asistencial, falta de médicos e medios, tempo escaso para a atención ou precariedade laboral"

Ao tempo, os Puntos de Atención Continuada manteñen a folga e as súas reivindicacións. O colectivo PACs en pé de guerra denuncian ser os “grandes esquecidos” por parte do Sergas, ao que acusan de non lles dar a coñecer os plans de choque anunciados, no caso de que tamén afecten a súa área. A Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra emitiu hai só uns días un comunicado en apoio da loita destes profesionais. 

Nalgún caso particular, como no PAC de Curtis, os problemas levaron os profesionais a convocar unha mobilización para o vindeiro 27 de xaneiro. O persoal do centro denuncia a precarización do servizo na comarca, con importantes incrementos das listas de espera, a ausencia de reforzos que deixan o PAC sen asistencia durante algunha saída ou os cupos excesivos. 

Mobilización de profesionais sanitarios do centro de saúde de Bertamiráns © En Marea

Tampouco nas Urxencias acaban os problemas. Ás demandas do persoal deste sector no Hospital Clínico de Santiago, que afronta a súa undécima semana de folga e busca novas medidas de presión, únense tamén as reivindicacións dos profesionais, de Urxencias e doutros ámbitos, do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). O pasado mércores, unha mobilización de persoal volveu reclamar melloras e denunciar unha situación que a Comisión de Centro cualificou de “caótica” e pola que demandan máis persoal.

A Comisión de Centro do CHUAC cualifica de "caótica" a situación e advirte do colapso

Advirte da falta de camas e da “normalización” do feito de introducir unha terceira en cuartos dobres, coa “sobreocupación” e os problemas que iso provoca, ou de “amorear” pacientes nos corredores. Pacientes, en conversa con Praza.gal, denuncian a falta de intimidade, a ausencia de separación entre persoas (mesmo en casos graves) e a desesperación entre os traballadores. 

Estas denuncias coinciden coa do persoal do CHUS, onde a morte de dous doentes nunha xornada de “colapso” acabou sendo investigada pola Fiscalía. Segundo fontes sanitarias, nas Urxencias da Coruña chegaron a xuntarse unhas 200 persoas nunha tarde, mentres que no Clínico este pasado luns atendéronse máis de 460 persoas. 

Concentración de profesionais médicos ás portas do CHUAC CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

Na Coruña, o Consello Local de Saúde, formado por 28 entidades, aprobou tamén esta semana unha declaración institucional na que esixe ao Sergas máis financiamento e melloras na Atención Primaria ante unha situación “cada vez peor” na cidade. O texto foi apoiado por todos os membros da entidade, agás polo PP, que se abstivo. 

Tampouco remata a conflitividade entre os médicos de familia eventuais que, a través do colectivo Precarias pola Atención Primaria, organízanse para insistir no rexeitamento da nova proposta de contrato, crear grupos de traballo para propoñer melloras e apoiar as mobilizacións pola sanidade pública en Galicia. 

O xerente do Sergas cre que é "momento de traballar máis que de manifestacións" que atribúe, "sen dúbida", aos "partidos da oposición"

Mentres, o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, reclama ao Goberno central unha convocatoria extraordinarioa do MIR de médicos de familia e elevar a taxa de reposición para convocar oposicións que poidan superar a cifra de vacantes que se producen por xubilación. En canto ás continuas mobilizacións e protestas, o Sergas segue a ser crítica. O seu xerente, Antonio Fernández-Campa, cre que é “momento de traballar en propostas máis que de manifestacións que teñen un carácter político”. “Son os partidos da oposición os que están a propoñer estes actos, non parece que haxa moita dúbida”, sinalou este xoves. 

Pancarta nas Urxencias do Hospital Clínico de Santiago © Persoal Urxencias CHUS

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.