'Precarias pola Atención Primaria': a resposta ao novo contrato do Sergas para eventuais organízase

Consulta nun centro de saúde do Sergas CC-BY-SA Xunta

A Consellería de Sanidade e sindicatos (a excepción da CIG e CCOO) asinaron este martes un novo tipo de contrato para o persoal eventual de Atención Primaria no Servizo Galego de Saúde (Sergas). A Xunta presentou o pasado venres na Mesa Sectorial un borrador sobre as vinculacións temporais de médicos de familia e pediatras, que prevé contratos dun mínimo dun ano de duración e tres de máximo e que, para o Goberno galego, suporán "unha maior estabilidade dos profesionais". 

Xunta e sindicatos, agás CIG e CCOO, asinaron o novo modelo de contrato do Servizo Galego de Saúde para profesionais eventuais. Sanidade defende que vai dar "maior estabilidade" pero o persoal organizado rexéitao

O colectivo ao que vai dirixido esta medida é amplo e un dos máis afectados pola precariedade, temporalidade e esaxerada inestabilidade que afecta tamén outros profesionais do sistema sanitario. Son moitos os testemuños de médicos que suman moreas de contratos, centros de saúde e quilómetros percorridos en apenas un ou dous anos de traballo, sen acumular antigüidade ou renunciando a dereitos básicos. A súa situación foi a que os levou a unirse baixo o nome Precarias pola Atención Primaria, entidade que elaborara xa un documento de rexeitamento  ao borrador do chamado "contrato de continuidade asistencial" e que en pouco máis de tres días achégase ás 400 sinaturas de médicos eventuais. 

Coa sinatura final do acordo entre Sergas e sindicatos, e malia as melloras nalgún dos aspectos que criticaban, o seu enfado non só se mantén, senón que se incrementou polo apoio maioritario de case todas as centrais a unha proposta á que lle ven puntos "indignantes". Así, manifestan a súa "máis firme oposición á negociación levada a cabo así como ás conclusións e modificacións realizadas sobre o borrador inicial" e xa preparan mobilizacións.

Preto de 400 profesionais eventuais do Sergas asinaran xa contra o borrador; o resultado final tamén é rexeitado por un colectivo que xa prepara mobilizacións

Pretenden erguer a voz e trasladar as demandas dun grupo de médicos cunhas peculiaridades moi determinadas e unirse, organizados, ás reivindicacións globais de mellora na sanidade galega. O colectivo naceu do "descontento global dun sector moi específico". "Non o creamos por opoñernos ás negociacións dos sindicatos, cos que estamos en contacto, pero si porque o noso caso é moi concreto", explica Miguel López, un dos impulsores. Todo naceu nun grupo de WhatsApp no que profesionais eventuais e precarios compartían e denunciaban a súa situación. Tras a publicación do borrador, ese grupo "vagamente organizado" medrou en apoio e organizouse. 

Miguel López está agora en paro. No ano e medio como médico eventual de Atención Primaria en Galicia asinou preto de 70 contratos e traballou en 30 centros do Sergas diferentes, con considerables distancias entre uns e outros. O seu caso non é "para nada dos máis extremos", pero si exemplifica unha situación habitual. A solución impulsada pola Xunta pode ser unha base, pero para nada están de acordo co resultado final. 

Manifestación "pola dignidade da Atención Primaria" © BNG

O acordo foi asinado por CESM-OMEGA, SATSE, CSIF e UGT pero non por CIG nin CCOO. Segundo a Xunta, a medida, de aplicación inmediata, "mellorará as condicións laborais dos médicos especialistas actualmente dispoñibles e tamén as dos médicos internos residentes que teñan previsto rematar no vindeiro mes de maio".

A Consellería asegura que este contrato de continuidade "permitirá a dispoñibilidade de persoal para a cobertura das necesidades asistenciais que se produzan, posibilitará o cumprimento dos obxectivos de garantía de funcionamento permanente e continuado dos centros sanitarios e permitirá un servizo máis eficaz á poboación, ademais de ofrecer unha maior estabilidade laboral aos profesionais, fidelizando os recursos humanos dispoñibles". 

"Perpetuarase a eventualidade pero en condicións moi precarias, resultando nunha perda da lonxitudinalidade asistencial", denuncia Precarias pola Atención Primaria

Para o colectivo Precarias, o modelo asinado "perpetuará a eventualidade pero en condicións moi precarias, resultando nunha perda da lonxitudinalidade asistencial, eixo fundamental da Atención Primaria". "Os primeiros afectados serán os doentes, cuxo dereito a unha atención digna e de calidade verase claramente crebado", din.

Tal e como explican, este novo contrato obriga os profesionais firmantes a "traballar en períodos inferiores a 15 días en distintos centros asistenciais" (cuxa dispersión xeográfica máxima aínda está por definir), cunha previsión mensual "que chega escasamente á metade da programación mensual". 

Segundo denuncian, o Sergas establecer así unha xornada laboral máxima de 48 horas semanais e obrigará os traballadores a realizar, como mínimo, dúas gardas mensuais nos PACs da área "sen garantir o dereito ao descanso ao que obriga a lei". Posibilitaría que un médico poida ter que atender un paciente con ata 32 horas enriba traballadas. "Iso non pode ser, xa non polo profesional, senón pola persoa que ten que ser atendida. Non é tolerable, é unha liña vermella que non se debería cruzar nunca", di Miguel López.

O colectivo denuncia que o novo contrato obriga a "traballar en períodos inferiores a 15 días en distintos centros asistenciais" e "non garante o descanso ao que obriga a lei"

Ademais, advirten de que as necesidades que se vexan obrigados a cubrir "dependerán das xerencias da área", polo que se atoparán con profesionais "obrigados a traballar o máximo de 192 horas mensuais e que coñecerán os seus destinos cunha antelación mínima, poñendo en risco a seguridade dos doentes polo exceso de horas de traballo". "Estas condicións farán imposible calquera intento de conciliación e organización da vida persoal, supeditándoa ás necesidades das xerencias", insisten. 

Respecto do borrador inicial, Precarias pola Atención Primaria valora como positiva que sexa voluntario. Xa que logo, "a supresión da obrigatoriedade da firma deste contrato e a anulación da intención de que xerasen prazas estruturais vía oferta pública de emprego". "Estes dous puntos eran considerados liñas vermellas que este colectivo non estaba disposto a tolerar, porén hai aspectos como a obrigatoriedade de gardas ou o número de horas máximo que consideramos non asumibles", din. 

"Somos médicos e médicas precarias, pero non seremos escravos"

Ademais, insisten na súa "clara disconformidade" coa negociación levada a cabo polos sindicatos firmantes. "Entendemos que o seu traballo representa e responde a intereses alleos aos do persoal médico eventual. Lamentamos que estean satisfeitos coas conclusións acadadas e só nos queda transmitirlles que agardamos que a nosa opinión sexa tida en conta de cara a futuras negociacións", rematan. 

O colectivo mobilizarase e di que "transmitirá á opinión pública o prexuízo que supón" este modelo de contrato para os usuarios da sanidade pública galega. "Queda en evidencia que a Consellería tenta parchear un problema de calado que desborda  o colectivo médico e que se atopa enraizado na base organizativa da propia Atención Primaria".

"Somos médicos e médicas precarias, pero non seremos escravos", rematan. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.