Curtis, paradigma das eivas da sanidade no rural galego

Mobilización contra a deficiencia na atención sanitaria ante o PAC de Curtis (Teixeiro) CC-BY-SA EM

“É totalmente paradigmático, un modelo do que ocorre coa sanidade pública no rural”. Quen fala é Francisco Martínez, médico do Punto de Atención Continuada (PAC) de Teixeiro, no Concello de Curtis. Ante este centro concentráronse este pasado domingo unhas 300 persoas, entre persoal sanitario, veciñanza, alcaldes –tamén do PP–, concelleiros e outros representantes políticos, para denunciar a deficiente atención sanitaria que sofre esta zona do interior da provincia da Coruña.

O PAC de Curtis abrangue unha poboación de máis de 7.000 persoas, catro concellos e unha área de 400 quilómetros cadrados. Conta só cun médico e un enfermeiro

Chegaron de Curtis, pero tamén de Aranga, Sobrado e Vilasantar, os catro concellos cuxa atención abrangue o PAC situado en Teixeiro, unha extensa área de montaña, duns 400 quilómetros cadrados, con ducias de núcleos dispersos, unha poboación moi envellecida e cuxo centro de urxencias é o máis afastado de calquera hospital, tanto do de referencia, o CHUAC da Coruña, como do Clínico de Santiago, ambos a un mínimo de 35-40 minutos. 

A escaseza de médicos, a demora á hora de conceder citas, a ausencia de profesionais no PAC durante longos períodos ou a sobrecarga asistencial dos dous centros de saúde (o de Curtis e o de Teixeiro) fan deste municipio un paradigma dos graves problemas e eivas que sofre a sanidade galega, especialmente no rural, pero tamén das dificultades que o sistema se atopa en determinadas áreas xeográficas que soportan desde hai anos o abandono e o despoboamento. 

Mobilización contra a deficiencia na atención sanitaria ante o PAC de Curtis (Teixeiro) CC-BY-SA EM

“Non é un problema de hoxe, senón que vén de lonxe; levamos anos advertindo da situación e dos problemas que sofren os usuarios da sanidade pública”, explica Francisco Martínez, que denuncia a “comprometida situación” pola que pasan os pacientes, “e non como unha excepción, senón como algo habitual, cada semana”. “Se eu estou nunha urxencia ou trasladando un paciente tras un accidente e durante ese tempo xorde outra, é obvio que non podo estar nos dous sitios á vez”, exemplifica. 

A demora nas citas, a ausencia de médicos nos centros de saúde e no PAC e a sobrecarga asistencial son habituais na zona

Porque no PAC de Teixeiro presta asistencia un único equipo sanitario, un médico e un enfermeiro, para unha poboación de máis de 7.000 persoas, máis do 30% maior de 65 anos. Atende desde as 15 horas ás 8 horas do día seguinte todos os días e durante as 24 horas os festivos e, malia a súa distancia cos hospitais, é o único da área da Coruña que carece de reforzo de persoal para fins de semana ou xornadas especiais. Alén das consultas no propio centro, son habituais os desprazamentos a domicilios ou asistencias na vía pública, ademais de ter que acompañar doentes ata complexos hospitalarios ou seren requiridos os seus profesionais para casos graves en concellos limítrofes ou en estradas dunha comarca con elevada sinistralidade. 

“Utilízannos como comodín moitas veces”, explica Martínez, que pon de exemplo un recente accidente en Mesía, con varios feridos graves. En calquera dos casos requiridos, o PAC queda baleiro durante moito tempo, máis de dúas horas en moitas ocasións, sen profesional sanitario ningún. “A xente chega ao PAC e ve que non hai ninguén e marcha ás Urxencias do Clínico ou do CHUAC... Ou directamente xa non vén porque sabe que non ten garantida a asistencia e vai directo ás cidades”, explica o doutor. 

A falta de persoal médico no PAC durante horas non é nada anormal. O centro abrangue parroquias de Aranga ou Sobrado que se atopan a unha media hora en coche, onde as asistencias domiciliarias son habituais. No caso de que o paciente teña que ser trasladado ao hospital, o percorrido só de ida superaría a hora de duración. “Podemos chegar a botar entre tres e catro horas fóra”, explica Martínez. 

O problema agrávase polo aumento da demanda nos últimos tempos, derivada do incremento da actividade industrial nos polígonos de Teixeiro e Curtis, e mesmo de peregrinos que fan o Camiño no seu percorrido por Vilasantar e Sobrado. Ademais, e áinda que o cárcere situado no municipio ten equipo sanitario propio, os médicos da zona tamén asisten en ocasións a visitantes, empregados e nalgún caso excepcional a internos. No caso das ambulancias, son compartidas coa prisión. 

Os profesionais sanitarios tamén destacan o aumento de pacientes que acoden directamente ao PAC por non obter cita nos seus centros de saúde. E velaí outro problema, derivado, paralelo ou consecuencia doutros. 

O centro de saúde de Curtis ten asignados 1.600 pacientes; o de Teixeiro, 1.800

Os centros de saúde de Curtis e Teixeiro contan cun equipo sanitario cada dun deles, formados por unha médica e unha enfermeira. No primeiro hai uns 1.600 pacientes asignados e no segundo, 1.800, uns cupos “moito máis elevados do que se recomenda”. Ao igual que ocorre no PAC, a avanzada idade de moitos dos usuarios obriga os profesionais a desprazarse en moitas ocasións, provocando a desatención do centro, a diminución da calidade da asistencia e “intolerables demoras” á hora de outorgar citas na Atención Primaria. 

As queixas da veciñanza son constantes e as dos profesionais, tamén. “Nós non pedimos traballar menos nin pedimos máis cartos, pedimos medios, reclamamos máis persoal para dar unha axeitada atención sanitaria á cidadanía”, engade Francisco Martínez. As demandas dos traballadores son claras: o incremento nun equipo asistencial (médica e enfermeira) que “alivie a situación de sobrecarga dos centros de saúde de Teixeiro e Curtis, unha “axeitada cobertura” das ausencias de persoal médico na súa Unidade de Atención Primaria por baixas, permidos ou vacacións, así como o aumento dun equipo asistencial completo (outra médica e outra enfermeira) no PAC de Curtis. 

“É un problema exclusivo de recursos”, insiste Martínez nunha demanda que coincide coa que nos últimos meses expresan tantos colectivos sanitarios en Galicia. El foi o médico encargado de ler o pasado domingo o manifesto que apoian os seus compañeiros no PAC e nos centros de saúde da zona. 

Alí, ademais de representantes políticos e concelleiros da oposición en Galicia e nos concellos estaban tamén os alcaldes de Sobrado, Vilasantar e Curtis, estes dous últimos do Partido Popular. Todos eles, tamén o de Aranga, manteñen xuntanzas e interlocución directa cos profesionais sanitarios. “Sabemos que están facendo xestións co Sergas e a propia Consellería e a xerencia da área sanitaria da Coruña sabe de sobra cal é a nosa situación”, explica Martínez. Pero as solucións non chegan. 

 

O Estado lembra que "non se poden inventar" prazas MIR

Javier Caínzos, rexedor de Curtis, asegura que hai tempo que desde o seu Concello se reclaman melloras nos centros de saúde, máis equipamento e a ampliación na dotación dos profesionais sanitarios na comarca. Malia o alcanzado nos últimos anos, recoñece que falta “que se reforcen os servizos sanitarios con máis médicos e enfermeiros” e advirte das conversas “regulares” que mantén coa Consellería de Sanidade e coa xerencia de Atención Primaria. 

“Espero e confío que na nova reestruturación sanitaria se dea resposta ás necesidades que hai no noso termo municipal e na comarca”, engade o rexedor, que recoñece que o feito de ser “a zona máis afestada do hospital dentro da área sanitaria” e a elevada extensión que abrangue o PAC son “dúas características que non benefician”, ademais da “complicada orografía”. “Hai moitas demandas en moitas zonas e carencia de profesionais, pero confío en que as melloras cheguen á maior brevidade posible”, remata. 

Por outra banda, o Ministerio de Sanidad advertiu este luns á Xunta de que non se poden "inventar" convocatorias de MIR (Médico Interino Residente) ao terse xa "espremido ao máximo" as capacidades docentes e ante a petición da Xunta para unha convocatoria "extraordinaria" destas probas. 

A ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social, María Luísa Carcedo, lembrou ademais durante unha visita a Vigo que a competencia de xestionar os servizos de saúde, a distribución dos médicos e as condicións laborais destes é de cada comunidade autónoma. "O problema está na distribución", insistiu. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.