Odisea no Sergas: 140 quilómetros e tres horas de viaxe á procura de pediatra para un bebé

Centro de saúde de Muros © Google

En plena vaga de conflitos e protestas pola progresiva "deterioración" da sanidade galega, Núñez Feijóo presumiu no discurso de fin de ano de contar "con mellores hospitais e centros de saúde públicos" en Galicia e dun sistema sanitario que só unha semana antes definira como un dos de "referencia de España". Con todo, o presidente da Xunta recoñeceu que a calidade dos servizos públicos no país debíanos "preocupar e ocupar", aínda que adoita advertir de que os problemas no Sergas son "comúns" aos que sofren todas as autonomías. 

Unha familia da Costa da Morte despediu 2018 entre ausencia de pediatras, colapsos en Urxencias, falta de camas e longos desprazamentos pola doenza dun fillo

A escaseza de médicos de familia ou de pediatras é unha desas eivas que atribúe a todas as comunidades. En Galicia, as protestas chegan tamén polo colapso nas Urxencias, a precariedade nos PAC e nas ambulancias ou pola saturación e falta de medios na Atención Primaria

Hai casos, especialmente en períodos estivais ou de Nadal como o actual, no que usuarios parecen sufrir todas as eivas e problemas da sanidade pública galega á vez. É o caso dunha familia da Costa da Morte que despediu 2018 entre ausencia de pediatras, médicos de vacacións sen substitutos, colapsos en Urxencias, falta de camas e desprazamentos a quilómetros do seu centro de referencia pola doenza dun pequeno. Unha crónica paradigmática dunha situación. 

Cetro de saúde de Carnota © Google

O problema iníciase por unha eiva tantas veces denunciada en Galicia: a escaseza de pediatras. Tanta que nos últimos quince anos 78 concellos perderon o único que tiñan. Un 60% dos municipios carecen de pediatra e moitos compárteno cunha localidade veciña. É o caso de Carnota, localidade onde reside a familia que relata a Praza.gal a súa odisea no último día do ano. 

A familia, de Carnota, tivo que acudir co pequeno de dez meses ao centro de saúde de Muros porque no seu non atendía ningún pediatra ese día

Un profesional atende no centro de saúde carnotán en días alternos, algunhas horas pola mañá, compaxinando o seu labor co que fai no ambulatorio de Muros, onde hai outro pediatra máis. O procedemento é confirmado por fontes oficiais da área sanitaria de Santiago, que recoñece que funciona así "desde hai anos" e que é sabido polos usuarios. 

"Cando un ten vacacións ou falta, o outro permanece en Muros e Carnota queda sen servizo", explica a nai dun neno de dez meses afectado por bronquiolite aguda neste 31 de decembro.

Así aconteceu. Os dous pediatras dispoñíbeis alternaban vacacións, polo que só había servizo en Muros, cuxo centro de saúde atende case 6.700 consultas en pediatría ao ano segundo datos do Sergas, que sitúa en máis de 1.000 as que se realizan no de Carnota. 

Obter oco era imposible nos dous ou tres días seguintes, polo que a familia presentouse no centro de saúde muradán sen cita ante o agravamento da saúde de seu fillo. 

A familia acudiu sen cita ao centro de saúde de Muros; no tempo de espera, o bebé empeorou e tivo que ser derivado ás Urxencias en Santiago, a máis dunha hora

Ao chegaren, sobre ás 11:30, tiña unhas 15 persoas diante, moitas delas tamén sen cita, o que "masifica o traballo da único pediatra, xunta nenos enfermos con risco de contaxio e evita que haxa unha selección das auténticas urxencias por mor da cantidade de doentes". 

Segundo o relato, a familia esperou hora e media cun bebé cun "problema respiratorio que se agravou no tempo de espera". A pediatra, segundo relata a nai, recoñeceu que o seu caso debería ser prioritario pero que aquela situación de "caos" fixera imposible "facer triaxe". Durante a agarda, o pequeno empeorou e houbo que colocarlle unha máscara de osíxeno. 

Área de pediatría nun centro sanitario de Galicia © Sergas

O bebé foi derivado ás Urxencias do Hospial Clínico Universitario de Santiago, a máis dunha hora en coche. "Aquí veu outro problema". Malia que está moito máis próximo o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee --que non pertence á área sanitaria compostelá na que se inclúe Carnota--, a profesional considerou que era precisa a atención dun especialista en pediatría, algo que, segundo explican os médicos, non está asegurado nas Urxencias do centro ceense de non ser horario de consulta e ao depender a súa presenza da decisión dos profesionais santiarios, habitualmente saturados.  

O pequeno foi tratado axiña nas Urxencias en Compostela tras serlle colocada unha máscara de osíxeno; ás poucas horas, algo recuperado, tivo que deixar a cama para deixar sitio a outro neno

Nas Urxencias pediátricas de Compostela, xa pasadas as dúas da tarde, o panorama era o que levan denunciando tempo usuarios e profesionais: colapso e masificación. "Había dúas pequenas salas ateigadas de nenos, mesturados e con todo tipo de doenzas, desde lesións varias até problemas infecciosos con risco de contaxio", resumen. 

Pola urxencia da doenza do neno, este foi atendido axiña e asignóuselle unha cama nunha sala con oito prazas máis. Horas despois, en canto o tratamento e a máscara de osíxeno fixeron efecto e a súa respiración foi normalizada, tiveron que marchar de alí. "Fomos desaloxados e derivados de novo á sala de espera masificada para completar o seguimento da efectividade do tratamento e para que outro neno doente dispuxese de cama". "Quedamos nunha esquina, acurrunchados e agardando que o bebé non collese algo máis porque había moita xente enferma e tusindo", explica a nai. 

"Había dúas salas ateigadas de nenos, mesturados e con todo tipo de doenzas"

Desde o Sergas explican que este é o procedemento normal ante un pequeno que ten que estar deitado para recibir o tratamento pero que pode logo pasar á sala de espera para comprobar a súa evolución. Con todo, fontes oficiais recoñecen que a afluencia nestas datas en Urxencias é maior á habitual. 

Rótulo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago CC-BY-SA A Gentalha do Pichel

Outro pequeno máis tivo que ser tamén enviado de novo á sala de espera pola ausencia de camas para máis nenos enfermos. "Non atopo palabras para expresar a miña indignacion por isto. Expoñemos un bebé que ingresou en Urxencias cunha crise respiratoria aos xermes dun espazo ateigado, pequeno, mal ventilado e sen criterios de clasificación e separacion de doentes?", pregúntase a nai. 

"Comprobas con desesperación a falta de medios, o colapso e as eivas graves da atención pediátrica"

Case ás 20 horas, a familia chegou por fin á súa casa de Carnota. 140 quilómetros e tres horas de coche despois. "Non é cuestión do tempo que tardamos, co que xa contabamos, senón de comprobar con desesperación a falta de medios e o colapso que se produce, sobre todo en certas datas, e as eivas graves que sofre a atención pediátrica en moitas localidades", explica a nai. O seu pequeno, superado o susto do último día do ano, volveu empeorar algo dous días despois. Desta vez, acudiron ás Urxencias do Hospital de Cee. Nos corredores, máis de media ducia de doentes. "Xa non sei a onde mandárvolos", queixábase da saturación unha profesional sanitaria encargada da triaxe. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.