Feijóo considera no seu discurso de fin de ano as protestas sociais como un “síntoma da nosa saúde democrática”

Feijóo, durante o discurso televisado de fin de ano CC-BY-SA Praza Pública

O presidente di que “contamos con mellores hospitais e centros de saúde” pero que “segue habendo galegos con desvelos”, e a nivel estatal pide ao Goberno central que non fale de “conflito” en Catalunya e non descarte novas intervencións

En plena vaga de protestas sociais en diversos ámbitos, especialmente na sanidade pública, con numerosas frontes abertas, o discurso televisado de fin de ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, centrouse en gabar a estabilidade de Galicia fronte a outros lugares do mundo, pero admitindo que tamén aquí, malia as melloras que atribúe ao seu Goberno, hai igualmente problemas. “Contamos con mellores hospitais e centros de saúde públicos; atendemos a máis dependentes; e temos unha educación pública con máis recursos, máis idiomas e máis tecnoloxía. Pero tamén é certo que segue habendo galegos con desvelos para poder resolver problemas, problemas reais”, di.

O discurso de Feijóo, pronunciado na Cidade da Cultura fronte ao cadro A última leición do mestre, de Castelao, empregou esa obra como exemplo da violencia e das disensións das que Galicia quere afastarse. Fronte á súa primeira visión amable do cadro cando este chegou a Galicia, que xa rectificara poucos días despois, Feijóo desta volta si contextualizouno “no tempo terrible no que Galicia, como o resto de España, sufriu a traxedia da Guerra Civil e da posterior ditadura”. E a continuación contrapuxo aquela situación coa “liberdade e a reconciliación logradas na Transición”, da que eloxiou a Constitución.

Un momento do discurso televisado de fin de ano de Feijóo CC-BY-SA Praza Pública

"Hai problemas que se denuncian, debates e reivindicacións. Vexo neles un síntoma da nosa saúde democrática, e avisos que un gobernante non debe nunca menosprezar”, di o presidente

Destas últimas décadas de convivencia, dixo Feijóo, “nese camiño do entendemento que Galicia percorre unida hai problemas que se denuncian, debates e reivindicacións. Vexo neles un síntoma da nosa saúde democrática, e avisos que un gobernante non debe nunca menosprezar”. Nesa liña, ademais de citar as reclamacións sanitarias, educativas ou asistenciais, Feijóo referiuse tamén en xeral á “recuperación, que aínda temos que consolidar” e que “fixo a moitos esquecerse da crise pero sabemos que aínda non a todos e por iso estamos lonxe de conformarnos”.

En clave estatal, Feijóo uniu a súa defensa da Constitución coa situación en Catalunya, que rexeitou que sexa denominada “conflito” como fai, entre outros moitos actores, o Goberno central. O presidente considéraa “unha evidente vulneración da legalidade e busca de situacións de privilexios que non compartimos” e reclamou “que non se descarte ningunha das ferramentas contempladas no texto constitucional para garantir a nosa democracia e o noso autogoberno”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.