0 Gardados para despois

'A derradeira leición do mestre' trae dende Bos Aires o espello da barbarie franquista en Galicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Pouco despois das doce e media do mediodía deste 3 de outubro de 2018 a embalaxe que contivo A derradeira leición do mestre durante o seu transporte dende Bos Aires foi aberta nas instalacións do museo da Cidade da Cultura. Alí, ante unha comitiva de autoridades e representantes públicos, foron realizadas as primeiras comprobacións técnicas sobre este óleo de 2 metros de alto pintado por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en 1945. O espello da barbarie franquista no país pintado polo político e artista de Rianxo vía por primeira vez a luz en Galicia.

No cadro de Castelao, baseado na estampa número 6 do seu Galicia Mártir, dous meniños choran ante o cadáver do seu mestre, asasinado polos golpistas. A faciana do profesor masacrado non é anónima. É a de Alexandre Bóveda, a quen os sublevados mataran o 17 de agosto de 1936 tras un simulacro de xuízo como vinganza pola súa activa participación política e social. Bóveda fora peza clave no Partido Galeguista e un dos intelectuais de referencia en procesos políticos como a elaboración e plebiscito do primeiro Estatuto galego. No cadro personifica as persoas perseguidas, reprimidas e asasinadas naqueles anos polo seu compromiso político e social. Entre eles, moitos docentes.

A faciana do profesor masacrado non é anónima. É a de Alexandre Bóveda, a quen os golpistas asasinaran e para cuxa homenaxe Castelao pintou o cadro baseado nunha das súas estampas da súa 'Galicia mártir'

A propia elaboración do cadro estivo intimamente ligada á homenaxe a Bóveda e á repulsa cara ao seu assinato. Non en van, foi pintado por Castelao apenas media década antes da súa propia morte especialmente para a conmemoración do noveno aniversario do seu fusilamento. Quen organizaba aquela homenaxe era o Centro Orensano de Buenos Aires, que tras fusionarse coa asociación que agrupaba os centros coruñés e pontevedrés e mais co Centro Lucense deu lugar ao Centro Galicia. Foi así como o cadro quedou baixo a custodia desta institución, que neste 2018 chegou a un acordo coa Xunta para a súa exposición en Galicia dentro da mostra Castelao maxistral, comisariada por Miguel Anxo Seixas, estudoso e biógrafo de Castelao e vicepresidente da fundación que vela polo seu legado.

Desembalaxe d'A derradeira leición do mestre no museo do Gaiás / CC BY-SA Nós TV

Do valor e significado da obra de Castelao da fe o actual presidente do Centro Galicia, José María Vila, quen tamén acredita a importancia que o histórico óleo ten aínda para a emigración galega na Arxentina. "Somos custodios deste símbolo e precisamente por iso queremos que se coñeza na Galicia territorial, tamén porque servirá para que os galegos que viven en Galicia tomen conciencia do valor que ten a emigración, do que ten achegado... Ademais de todos os valores que a propia obra representa", declarou Vila a Praza.gal o pasado xaneiro.

O cadro de Castelao foi cedido polo Centro Galicia de Bos Aires para exposición comisariada por Miguel Anxo Seixas, que estará aberta no Gaiás do 5 de outubro ao 3 de marzo

Para o presidente do Centro Galicia A derradeira leición do mestre "non é un cadro", porque "é moito máis que iso, un símbolo, unha bandeira...". E como tal, vén lembrando nos últimos meses, debe ser exposta en Galicia para despois regresar ao centro ao que Castelao o legou. "É un cadro feito pola emigración e para a emigración", trátase dunha "construción da diáspora galega" dentro da devandita "homenaxe a Alexandre Bóveda". Alí ten que regresar e con esa condición, subliñou, foi cedida para ser exposta no Gaiás.

Tras os actos oficiais deste mércores a exposición Castelao maxistral abrirá as súas portas na Cidade da Cultura do 5 de outubro ao 3 de marzo. Ao chegar ao complexo persoal técnico comprobou o seu "perfecto" estado de conservación, contrastando o seu estado tras a viaxe cos informes técnicos da Arxentina e os detalles da súa restauración, no ano 2008. Ademais, d'A derradeira leición do mestre, centro da mostra, a exposición estará composta por 92 pezas de máis dunha trintena de institucións, entre eles 40 debuxos do propio Castelao, que "contrapoñen a situación do ensino en Galicia de principios do século pasado" e o seu carácter "precario, antipedagóxico e exclusivamente en castelán" coa "reforma e modernización que iniciaron os mestres e mestras da República". Os mestres que, como a persoa representada por Bóveda no cadro, foron asasinados polo seu compromiso político e cidadán.

'A derradeira leición do mestre': Castelao denuncia a barbarie franquista

D.L.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.