O presidente promete “humildade, xestión e verdade” como resposta ás mobilizacións cidadás que reclaman melloras no sistema público de saúde
A manifestación que na tarde deste xoves está convocada en Vigo en protesta por diversas eivas do sistema sanitario público galego é para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha mobilización non xustificada que pode ser manipulada pola oposición para “facer política coa sanidade”, algo que rexeita e fronte ao que promete “humildade, xestión e verdade”.
A Feijóo preguntóuselle na rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno polas protestas activas no eido sanitario e en particular pola manifestación de Vigo. O presidente rexeitounas asegurando que “España ten unha das mellores sanidades públicas do mundo e Galicia, xunto co Osakidetza [servizo vasco de saúde], son os dous mellores servizos de España neste momento”. Segundo Feijóo, a sanidade galega “ten un altísimo nivel e é un orgullo para a inmensa maioría dos galegos”, en particular a atención primaria. Por iso, dixo non entender unhas protestas que, salientou, foron convocadas antes de que o seu Goberno anunciase diversas medidas para estudar posibles melloras do sistema sanitario a partir das próximas semanas.
Feijóo lembrou a gran manifestación celebrada en Vigo en setembro de 2015 contra as eivas que presentaba o novo hospital da cidade e asegurou que "moitísima xente" que participou nela "se sentiu manipulada"
Feijóo quixo lembrar a gran manifestación celebrada en setembro de 2015 en contra do mal funcionamento inicial e do modelo do novo hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, construído e xestionado nos seus ámbitos non sanitarios por unha empresa privada a través dunha concesión da Xunta. O presidente dixo que aquela foi unha “manifestación patrocinada por unha gran mentira, que era a privatización do hospital”, que ao seu ver non é tal, e provocou que “moitísima xente se sentiu manipulada”. Fronte a esa situación, dixo Feijóo, a Xunta responderá ás novas protestas “do mesmo xeito que solventamos aquela manifestación, con humildade, con xestión e con verdade”.
Agora, engadiu, nas novas protestas “xa están á fronte os políticos da oposición” que queren, segundo dixo, “facer política coa sanidade”, algo que “a oposición leva facendo desde hai 10 anos” e que non fará o seu Goberno.