O presidente culpa á oposición de obstaculizar a construción de novos edificios sanitarios nos concellos nos que goberna
“Levamos construídos 54 centros de saúde”. Así comezou Feijóo este mércores a súa defensa no Parlamento das críticas que lle lanzou a oposición sobre a precariedade laboral na sanidade pública galega e a súa repercusión na atención insuficiente aos pacientes, que se está a evidenciar en numerosas protestas sociais por toda Galicia. O presidente insistiu na súa oferta de contratar de xeito inmediato por períodos “de un a tres anos” a calquera médico de familia ou pediatra formado en Galicia para paliar a falta de profesionais no Servizo Galego de Saúde (Sergas), pero fixo xirar reiteradamente o seu discurso arredor do investimento en infraestruturas materiais máis que en recursos humanos, ata o punto de que rematou a súa intervención culpando a concellos gobernados polos partidos da oposición de obstaculizar a construción de novos edificios sanitarios.
A nacionalista Pontón reclamou a Feijóo que rectifique “a súa política de recortes que se teñen convertido nun perigo para a saúde dos galegos e as galegas”
A portavoz do BNG, Ana Pontón, foi a primeira en intervir na sesión de control ao Goberno galego deste mércores no Parlamento. Boa parte da súa quenda de palabra empregouna para reproducir diversas críticas que pacientes e profesionais sanitarios están a lanzar no foro de debate sobre a sanidade que En Marea, PSdeG e BNG están a desenvolver no Parlamento en paralelo á comisión oficial sobre a cuestión controlada polo PP e da que marcharon os tres grupos da oposición. Pontón pediu a Feijóo que rectifique “a súa política de recortes que se teñen convertido nun perigo para a saúde dos galegos e as galegas”.
A resposta de Feijóo foi a de enumerar diversos investimentos materiais en hospitais, centros de saúde e recursos tecnolóxicos do Sergas, engadindo que desde que goberna hai case dez anos “incrementamos en máis de 149 os facultativos de atención primaria e en máis de 83 enfermeiras”. Tamén salientou o presidente que hoxe en Galicia hai “un 5% menos de pacientes por médico que en 2008”. A oposición, como tamén faría máis tarde cando Feijóo gabou a redución do paro xuvenil, fixo ver que o problema de fondo é que a caída poboacional de Galicia fai que melloren esas ratios.
O socialista Leiceaga ofreceu un "Pacto de Compostela pola mocidade" que Feijóo obviou
Tras Pontón, o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, enmarcou os problemas laborais no Sergas cos xerais de acceso da mocidade ao mercado laboral, sector para o que pediu o que denominou como “Pacto de Compostela pola mocidade”. A resposta de Feijóo, que obviou ese ofrecemento, foi insistir na aposta do seu Goberno pola sanidade e pola formación en xeral dos mozos.
Villares, portavoz de En Marea, afeou que a Xunta desviase fondos de atención primaria a concertos coa privada
Porén, a continuación o portavoz de En Marea, Luís Villares, puxo en dúbida as cifras de incremento de orzamentos destinados á sanidade pública das que se vén gabando Feijóo. Fronte ás partidas orzamentadas inicialmente pola Xunta, Villares puxo como exemplo do seu incumprimento unha modificación das contas aprobada polo Goberno galego en novembro na que se desviaron diversas contías destinadas a atención primaria, atención de drogodependentes e equipamentos informáticos ao pagamento de concertos con centros sanitarios privados. Feijóo non entrou no caso particular e limitouse a dicir que desde que goberna “os concertos baixaron”.
Feijóo puxo ao alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, como exemplo e colaboración coa Xunta
Na súa última intervención, o presidente optou por contraatacar e criticar os supostos impedimentos que concellos gobernados polos partidos da oposición estarían a poñer para que o Sergas constrúa novos edificios sanitarios. Así, citou os casos dos novos hospitais de Ferrol e Vigo, cidades gobernadas por unha marea local e o PSdeG, respectivamente, así como dos concellos de Cangas e Moaña, gobernados tamén por mareas locais e o BNG. Fronte a esas situacións, Feijóo volveu tirar do exemplo do alcalde de Pontevedra do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, do que eloxiou a súa colaboración coa Xunta para a construción de novos edificios sanitarios. Nesa liña, o presidente pediu a Villares que interceda para que concellos gobernados por mareas locais axilicen os seus trámites, o que o portavoz de En Marea interpretou como unha “incitación” a que os alcaldes salten os procedementos administrativos.