A Xunta retruca ás protestas de médicos dos ambulatorios subliñando que noutras autonomías están peor

Consulta nun centro de saúde do Sergas CC-BY-SA Xunta

As habituais nubes sobre a sanidade pública galega volveron tornar en treboentas nas últimas semanas. A dimisión en bloque dunha vintena de xefes de centros de saúde de Vigo foi a primeiros de decembro o primeiro avance do que se prevé como un inverno quente entre persoal do Sergas, moi especialmente no ámbito da Atención Primaria. As denuncias e advertencias do persoal non son moi diferentes ás lanzadas anos atrás: sobrecarga nas axendas, contratos precarios, fuxida de profesionais a comunidades autónomas con mellores condicións e impacto de todo isto nos pacientes.

A dimisión en bloque dunha vintena de xefes de centros de saúde de Vigo foi o avance do que se prevé como un inverno quente entre persoal do Sergas, especialmente en Atención Primaria

Como hai algo máis de dous anos, a Consellería de Sanidade procurou facer fronte a esta nova crise xuntando representantes dos profesionais da Atención Primaria e convidándoos a constituíren seis grupos de traballo nos que buscar solucións. Entre 2016 e 2017 xa funcionaran grupos de traballo ao respecto -daquela, catro-, lembran os profesionais, polo que "a análise das necesidades xa está feita" e o que cómpre é "facer algo, xa".

Alén de convocar estes grupos de traballo o Goberno galego vén de botar man dun recurso habitual nos conflitos nestes e noutros ámbitos da súa competencia para retrucar ás protestas. Mentres se prepara unha nova manifestación en Vigo na defensa da sanidade pública para o día 27 deste mes -20:00, dende o PAC da rúa Pizarro- e diferentes plataformas e sindicatos ultiman novas mobilizacións, Sanidade responde advertindo que, no ámbito dos centros de saúde e ambulatorios, o persoal médico está peor que en Galicia.

Nun comunicado remitido á prensa esta fin de semana e non atribuída a ningún cargo en concreto a Xunta insta a lembrar que Galicia "é a sexta comunidade con menor número de tarxetas sanitarias por médico de familia". O Executivo bota man das bases de datos do Ministerio de Sanidade para subliñar que "os facultativos galegos teñen asignadas unha media de 1.275" tarxetas sanitarias, mentres que a media do Estado é de case cen máis.

A Xunta subliña que a media de poboación asignada a cada médico de atención primaria é menor en Galicia que noutras autonomías, o cal é unha constante dende que hai datos e se agudiza pola perda de poboación

Se ben é certo que a ratio de poboación por médico de Atención Primaria é inferior en Galicia que na media estatal non o é menos que esta circunstancia vén sendo unha constante dende que hai datos dispoñibles. A crise demográfica que sofre o país, cunha sostida perda de poboación na última década, contribúe a manter esta diferenza e mesmo a reducir as ratios. Non obstante, esa redución de habitantes vai acompañada dun claro envellecemento da poboación, o que implica máis pacientes de avanzada idade

Así, no conxunto do Estado as autonomías con ratios semellantes ou inferiores á do Sergas son as que, como Galicia, padecen serias crises poboacionais. Mentres, nos territorios máis poboados as ratios son maiores. A maior media de poboación asignada por profesional en 2017 -último ano dispoñible- era a de Baleares, onde á presión poboacional e turística se engade a problemática da vivenda para o persoal médico por mor, precisamente, do incremento dos prezos derivado do turismo.

Sanidade reitera ademais que na actualidade os centros de saúde teñen máis profesionais que co bipartito; a oposición ve na situación dos ambulatorios o resultado dos recortes aplicados durante a crise

A mesma base de datos do Ministerio indica, ademais, que no ano 2017 Galicia contaba con 1.858 profesionais da medicina de familia, uns 40 menos que ao inicio da década. No caso da pediatría a base de datos recolle 327 -tres máis que en 2010- e na enfermaría, 1.792 -en 2010 eran 1.819-. O Sergas, non obstante, resalta no mesmo comunicado que "a día de hoxe a cifra de facultativos é de 2.566, o que implica un crecemento de case un 7%" a respecto do ano 2008, ano que a Xunta emprega como referencia por ser o último completo do mandato do Goberno de coalición de PSdeG e BNG.

O Goberno galego reitera, ao mesmo tempo, que as solucións aos problemas da atención primaria chegarán a través dos devanditos seis grupos de traballo "consensuados cos profesionais". Mentres, os tres grupos da oposición galega reclaman a dimisión do conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, e ven nos problemas dos ambulatorios e a escaseza de profesionais o efecto máis palpable dos recortes sanitarios aplicados durante a crise, os cales Xunta e PP reduciron a "mentiras" nos últimos anos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.