A Atención Primaria é a porta de entrada do sistema sanitario. É o máis próximo ao cidadán, o que realiza un seguimento continuo e o que primeiro advirte os problemas, orientándoos para a súa solución noutros niveis asistenciais. Se falla, falla todo. Esta semana o Consello Galego de Colexios Médicos e as tres sociedades científicas de Atención Primaria de Galicia (Agamfec, SEMG e SEMERGEN) debateron, nunha reunión conxunta, a situación actual da Atención Primaria (AP) na nosa comunidade.
Alertan de carencias na política de recursos humanos: contratos precarios de substitución, axendas masificadas
Froito dese encontro foi a elaboración dun documento que concreta, en dez puntos, os principais problemas deste nivel asistencial, "clave para unha asistencia sanitaria pública de calidade, eficiente e próxima ao cidadán", destacan. O documento foille presentado xa a altos directivos da Consellería de Sanidade. Nesta xuntanza, celebrada na sede da Consellaría, decidiuse a creación de varios grupos de traballo -coa participación de colexios, responsables sanitarios e sociedades científicas- para abordar especificamente estes temas, "buscando liñas xerais de mellora e solucións concretas aos problemas da práctica diaria", destacan.
O documento foille presentado xa a altos directivos da Consellería de Sanidade
Estes son os seus principais problemas que na actualidade presenta a Atención Primaria en Galicia, a xuízo dos e das profesionais:
- Carencias na política de recursos humanos: contratos precarios de substitución, axendas masificadas e non adaptadas á complexidade dos pacientes crónicos...
- Diferenzas territoriais na capacidade resolutiva de Atención Primaria: acceso a probas complementarias, a dispositivos como a e-consulta, a determinadas consultas de especialidade hospitalaria...
- Ausencia de incentivos nos labores de formación de novos especialistas e o risco que isto supón para o sistema MIR.
- Crecente sensación de empobrecemento na actividade asistencial que manifestan os médicos de familia, ante a falta dun proxecto estratéxico, coa memoria económica correspondente, que resitúe a AP como eixo do sistema sanitario público.
- A maior distancia cos xestores que supuxo para AP a súa adscrición administrativa en Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIs).
- Falta de autonomía dos centros de saúde e os profesionais de AP na xestión das súas propias axendas de consulta.