Arredor dun cento de traballadores e traballadoras de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago concentráronse na mañá deste pasado luns no centro sanitario. Foi a primeira das mobilizacións que levarán a cabo cada primeiro día de semana logo de convocar unha folga indefinida para reclamar máis persoal, un plan funcional e protocolos que garantan unha mellor atención aos doentes e evitar así os colapsos que acotío se producen neste servizo. No mesmo día cesou no seu posto o coordinador do servizo, Francisco Rascado, que presentou a súa dimisión irrevogable un ano despois de chegar ao posto.
No primeiro día da folga dimitiu o coordinador do servizo, que levaba un ano no posto
O paro do persoal convocado pola comisión de centro do CHUS foi "maioritario" e únese ao convocado tamén polo sindicato médico O'Mega para os facultativos. Ambos lévanse a cabo todas as semanas desde as 8 horas da luns á mesma hora do xoves e ambos son apoiados pola Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que leva anos denunciando a falta de medios, a saturación e os continuos problemas nas Urxencias do Clínico. No entanto, a folga visualizarase unicamente coas protestas e as reivindicacións que --tamén en forma de folletos-- os convocantes fan ante todos aqueles que visitan o centro sanitario.
A Xunta decretou uns servizos mínimos do 100%; a comisión de centro cre que a medida evidencia "que o cadro de persoal é deficitario"
A Xunta decretou uns servizos mínimos do 100% o que "provoca que ninguén poida exercer o seu dereito á folga", tal e como explica Camilo Agulleiro, presidente da comisión de centro. No entanto, para os convocantes esta medida supón tamén "a demostración e o recoñecemento de que o cadro de persoal é deficitario e de que se precisa máis xente".
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS leva moito tempo denunciando unha situación caótica, con colapsos cada pouco en Urxencias, doentes nos corredores, horas de espera e unha "manifesta" falta de medios e persoal para un hospital con importante afluencia.
Desde a comisión do centro coincídese en reclamar solucións, polo que reclaman maior dotación de persoal para unha "mellor asistencia sanitaria" e en beneficio nos doentes. Ao tempo, reclaman un plan funcional que elabore protocolos de actuación que eviten a "saturación" e que os pacientes se amoreen nos corredores en lugar de "subir á planta o máis axiña posible ou marchar para a casa se non é preciso o ingreso".
Mobilización nas Urxencias do Clínico de Santiago / CC-BY-SA CIG-Saúde
A situación, denunciada tantas veces, provocou tamén unha maior concienciación, especialmente entre os usarios. Este luns, varios deles e moitos médicos apoiaron a concentración convocada pola comisión de centro. A mobilización rodeou en manifestación o hospital, para rematar concentrándose no vestíbulo da entrada principal do centro sanitario, nunha acción que se repetirá cada luns de non haber unha solución que satisfaga aos afectados. "Hai ganas porque a xente é consciente da situación precaria que se dá aquí", insiste Agulleiro.
Polo momento, a comisión de centro do CHUS non ten noticias da xerencia desde a xuntanza do pasado xoves, na que malia que a dirección recoñeceu as eivas a oferta non contentou aos convocantes dunha folga que continúa. De cumprirse as expectativas, haberá unha nova reunión a finais desta semana da que aínda non hai novas.
A xerencia do hospital recoñece a necesidade de aumentar o persoal pero a súa oferta é considera "insuficiente" polos traballadores
A comisión segue a esixir dotar de persoal suficiente todos os colectivos do hospital para "desconxestionar o servizo e prestar unha asistencia de calidade”. A necesidade de máis persoal semella xa unha necesidade recoñecida por todas as partes, por suposto polos médicos, que a través de O'Mega esixen máis compañeiros, zona exclusiva de observación de doentes encamados e outra de pacientes con doenzas leves, ademais da priorización das intercosultas que se xeran en Urxencias.