0 Gardados para despois

Feijóo obvia o asasinato de Bóveda ao recibir 'A derradeira leición do mestre' e volve reinterpretar a Castelao

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Non foron poucas as ocasións nos nove anos que Feijóo acumula como presidente da Xunta nas que as súas mencións á traxectoria política e artística de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao acaban en polémica. Nestes anos o xefe do Goberno galego empregou a memoria do principal ideólogo histórico do soberanismo galego e figura clave no impulso do Partido Galeguista para, por exemplo, xustificar os recortes ao uso do galego no ensino, eloxiar o labor de Gerardo Fernández Albor, defender a figura do rei de España ou, máis recentemente, atacar os alcaldes das mareas. A chegada a Galicia d'A derradeira leición do mestre para ser exposto por primeira vez fóra de Bos Aires non foi unha excepción.

O presidente do Executivo galego pronunciou un discurso breve, pero o suficientemente prolongado como para indignar a algúns dos presentes, especialmente os representantes de En Marea e BNG e, sinaladamente, á deputada Ánxeles Cuña Bóveda (En Marea), quen ademais de membro do Parlamento é neta de Alexandre Bóveda, intelectual e político galeguista asasinado polos golpistas en 1936 cuxa memoria é tema clave no propio cadro. Feijóo non mencionou a Bóveda, non falou do seu asasinato e nin sequera concretou o contexto de exilio e represión en Galicia que dá sentido á obra.

Feijóo eloxiou o cadro como un "símbolo" da "defensa da educación fronte ao fanatismo", pero sen mencionar os asasinatos dos golpistas alén de mencións xenéricas sobre "o que xamais debe volver pasar" 

Feijóo eloxiou A derradeira leición do mestre como "un símbolo" pola "man que o pintou", a de Castelao, "pola súa calidade" e tamén "pola lección histórica que representa e a homenaxe que dedica aos mestres". "Recuperámola -sinalou- para homenaxear a educación a través dos ollos e dos trazos de Castelao" e da súa "poderosa carga simbólica" como "defensa da educación fronte ao fanatismo" e "dun ensino en liberdade" como "medio de promoción dos valores democráticos". Agregou, no mesmo discurso, mencións xenéricas á  "advertencia do que xamais debe volver pasar" ou ao alegato contra a "inxustiza" que contén a obra.

Como noutras ocasións o presidente da Xunta tamén interpretou que a Galicia de 2018 é, en boa medida, a desexada por Castelao. "Cando pintou esta obra, nas guerras europeas en 1945, é posterior á guerra civil española", dixo, a Galicia que "quería" Castelao "só se podía soñar". A xuízo de Feijóo, "por fortuna, dende entón o pobo galego logrou alcanzar o autogoberno do que hoxe gozamos" e por iso, coida, "somos, en gran medida, a Galicia" que Castelao "soñaba".

Indignación en En Marea e BNG

Pontón, Leiceaga, Cuña e Villares, contemplando o cadro en presenza de Puy e Feijóo, participantes na comitiva institucional no acto / BNG

Villares: "Este cadro debe lembrar que temos unha conta pendente cos galegos e galegas asasinados e humillados polo franquismo"

As mostras de indignación polo ton do presidente e polos aspectos obviados no seu discurso no se fixeron agardar. A deputada Ánxeles Cuña advertiu de que non ía situarse na foto do cadro coas autoridades tras o que viña de escoitar e o voceiro de En Marea, Luís Villares, dirixiuse aos medios presentes na sala para condenar o esquecemento presidencial. "Este cadro debe lembrar que temos unha conta pendente con todos os galegos e galegas asasinados, humillados, violadas" polos golpistas, advertiu. Non é posible, advirte, expor a obra de Castelao e ao tempo "ocultar o pasado de maneira tan clara", cun "exercicio de escapismo e de negación da realidade que viviu este país". Ignorar o que o cadro representa, agrega, é tanto como "non querer recoñecer a realidade das vítimas do franquismo".

Pontón: "O cadro denuncia o asasinato de Bóveda e o intento de aniquilación do nacionalismo galego por parte do fascismo"

Case ao mesmo tempo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visiblemente incómoda coas palabras de Feijóo, dirixiuse ao presidente para aclararlle o significado completo d'A derradeira leición do mestre. Despois, tamén ante os medios, a líder do Bloque censurou que Feijóo se limitase a identificar a persoa representada no cadro como "un mestre". Castelao, subliñou, foi "un nacionalista galego" e a súa obra ten que ser exposta "sen censuras". "Este cadro denuncia o asasinato de Bóveda e o intento de aniquilación do nacionalismo galego por parte do fascismo; non facer un recoñecemento á realidade e ao protagonista deste cadro resulta ofensivo", toda vez que Castelao, con esta obra e as estampas de Galicia mártir, "foi tamén o primeiro cronista do que hoxe chamamos memoria histórica".

Tamén o voceiro parlamentario do PSdeG, presente no acto, expresou que para a súa formación esta exposición debera reflectir un maior "compromiso" do Goberno galego na recuperación da memoria histórica e na atención ás vítimas da ditadura. O cadro de Castelao, subliñou o socialista, é "unha obra simbólica contra o fascismo e a represión".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Agrupación Alexandre Bóveda lamenta que Feijóo "manipule e oculte o significado" d'A derradeira leición do mestre

O álbum Galicia mártir, o cadro 'A derradeira leición do mestre' e selos da República baseados na estampa, todos eles incluídos na exposición 'Castelao maxistral' / ©Cidade da Cultura

 

As palabras do presidente da Xunta na recepción d'A derradeira leición do mestre, con alusións xenéricas ao carácter "simbólico" da obra de Castelao e ao "que xamais debe volver pasar", pero obviando a figura de Alexandre Bóveda e o seu asasinato e a condena que destes feitos implica o propio lenzo causaron indignación entre representantes da oposición no propio acto, pero continuaron despois. Unha das entidades que amosou publicamente o seu malestar foi a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que dende hai máis de 40 anos divulga a figura do emblemático político e intelectual, alén de organizar multitude de actividades culturais e de defensa da lingua galega.

Para a A.C. Alexandre Bóveda o acontecido no acto do Gaiás foi unha "terxiversación da nosa historia e das figuras de Castelao e Bóveda" por parte do presidente. "Recibir A derradeira leición do mestre sen mencionar a represión fascista e os asasinatos franquistas" é tanto como "ocultar que esta obra de Castelao se inspira directamente na estampa de Galicia Mártir", que o político e artista de Rianxo elaborou en Valencia en 1937 e foi difundida polas autoridades republicanas. Supón tamén obviar, subliñan, que "representa, en primeiro lugar, a homenaxe directa de Castelao a Alexandre Bóveda, asasinado polos golpistas".

"Recibilo sen mencionar a represión fascista é ocultar que a obra se inspira directamente na estampa de Galicia Mártir e que representa, en primeiro lugar, a homenaxe directa a Alexandre Bóveda, asasinado"

Pero é que ademais, agregan, o cadro "non só homenaxea o grande artífice do nacionalismo galego, membro do Partido Galeguista, do que era secretario", senón que "eleva o seu martirio á categoría de máxima representación da memoria histórica feita dende a Galiza e para a Galiza". Neste sentido, cren, "é unha manipulación absoluta e unha ignominia que se oculte o verdadeiro significado desta obra, documentado sobradamente" e que "se oculte coa pretensión de homenaxear a profesión docente".

Neste sentido, a A.C. Alexandre Bóveda explica que este cadro "non ten un sentido fúnebre". Os dous meniños que "acompañan o asasinado" son unha representación "do futuro da nación". Por iso "dicimos que A derradeira leición do mestre é unha obra de arte para nós, para o futuro de Galiza que Bóveda non só soñara, senón que axudara a construír decisivamente". Ocultar todo isto, conclúen, é "un atentado contra a historia de Castelao e Bóveda.

As controvertidas verbas de Feijóo contrastan cos contidos da propia exposición Castelao Maxistral, da que o cadro é o eixo fundamental. Non en van, na mostra que acolle o museo da Cidade da Cultura do 5 de outubro ao 3 de marzo si se inclúen explicacións sobre o álbum Galicia mártir, as escolas da II República e os asasinatos dos golpistas.