Nos últimos meses a falta de pediatras en moitos concellos e en barrios de grandes cidades provocou numerosas protestas, de Malpica e Coristanco a Pobra de Trives, de Vigo á Coruña. A realidade é que en Galicia faltan pediatras, con ao redor de 160 profesionais traballando nos centros hospitalarios, e pouco máis de 300 en Atención Primaria, menos de un por cada mil nenos e nenas, cifras insuficientes en moitas zonas, que derivan en sobrecarga de traballo para o persoal e que obrigan en ocasións ás familias de desprazarse a outros centros de saúde e outras localidades para recibir a atención médica.
En outubro a Xunta creou a categoría de pediatra desprazable, que retirou catro días despois ante as críticas de profesionais e usuarios/as
O pasado mes de outubro o Goberno galego creou a categoría de pediatra desprazable, que podería prestar os seus servizos en calquera nivel asistencial dentro dunha mesma área sanitaria. De inmediato, a Sociedade de Pediatría de Galicia, a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria e profesionais a título individual amosaron o seu total rexeitamento á medida, alertando de que ía "repercutir negativamente na atención dos nosos nenos", impedindo por exemplo que fosen atendidos de forma continuada polo mesmo médico.
A Xunta tardou apenas catro días en retirar a súa proposta, mais o problema de fondo mantense. A falta de pediatras "impide cubrir xubilacións, baixas e vacacións, obrigando aos médicos a ter que facer prolongacións de xornada e intersubstitucións, asumindo a axenda do compañeiro que falte", alerta a CESM. Ademais, ao redor dun "13% das prazas de pediatra están ocupadas por médicos de familia", sinala a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (AGAPap).
A situación pode empeorar moito nun futuro inmediato, se temos en conta que ao redor do 75% dos pediatras en activo teñen máis de 45 anos, o 40% teñen máis de 55 anos e o 25% superan os 60 anos. Ao redor de 80 pediatras xubilaranse nos vindeiros 5 anos en Galicia.
327 pediatras traballan na Atención Primaria en Galicia, case 60 menos que no ano 2004 (405). Un 60% dos concellos carecen de especialistas
Na actualidade 327 pediatras traballan na Atención Primaria en Galicia, case 60 menos que no ano 2004 (405), un descenso que se produciu en todas as provincias, pasando A Coruña de 175 a 138, Lugo de 50 a 36, Ourense de 42 a 33 e Pontevedra de 138 a 120.
Un 60% dos concellos galegos (un total de 187) carecen de pediatra, unha cifra que no 2004 era tan só de 113. Comarcas enteiras, como Viana, Terra de Trives, Terra de Caldelas ou Baixa Limia, non contan con ningún especialista. E moitas outras (A Mariña Oriental, Meira, Quiroga, A Fonsagrada, Chantada, Ancares, Xallas, Terra de Melide, Ortegal e A Barcala) só dispoñen dun profesional.
Nestes 13 anos, tan só 20 concellos incrementaron o seu número de pediatras. A maioría forman parte desa Galicia que medra en poboación e que conta cunha cifras de natalidade e de poboación nova superiores á media (Narón, Oleiros, Ames, Redondela, Burela, O Porriño, Oroso, Barbadás...). En 199 non houbo cambios.
Dende o 2004 93 concellos viron reducido o seu número de especialistas, 78 deles perdendo o único ou únicos pediatras cos que contaban
E un total de 93 concellos viron reducido o seu número de especialistas, 78 deles perdendo o único ou únicos pediatras cos que contaban. Non só pequenos concellos rurais viron reducido o seu número de profesionais, senón que mesmo cidades como Lugo o Ourense ou vilas moi poboadas como Cambre, Teo, O Barco, Arteixo ou Cangas perderon efectivos.
Chaman a atención casos como o de Mesía, que pasou de 3 a 0. Ou o do concello fusionado Cerdedo-Cotobade, que tamén pasou de 3 (2 en Cotobade e 1 en Cerdedo) a 0. Tamén Oza-Cesuras pasou de 2 (un en cada un dos antigos termos municipais) a 0.