Só catro días despois de coñecerse a súa intención, a Xunta recúa e retira a súa proposta de crear unha nova categoría de pediatras desprazables aos que podería destinar de xeito indistinto a centros de saúde ou hospitais. Tras reunirse este martes con representantes dos profesionais, que lle transmitiron a indignación do sector, o Goberno galego emitiu unha nota de prensa na que informa de que “a Consellería de Sanidade decidiu hoxe retirar a proposta para a creación da nova categoría de pediatra de área”.
A medida coa que o Sergas pretendía destinar de xeito indistinto aos profesionais a centros de saúde ou hospitais indignou o sector
O pasado venres a Xunta deu a coñecer a lei de acompañamento dos Orzamentos autonómicos para 2019, a norma coa que vén aproveitando nos últimos anos para mudar moitas outras leis e decretos de todo tipo. Na deste ano o Goberno galego incluíu a creación dunha nova categoría denominada “pediatra de área” que substituiría aos ata agora pediatras de atención primaria e pediatras especialistas, co que a administración obtería máis flexibilidade ao poder destinar os profesionais de xeito indistinto a un ou outro cometido e paliar así escaseza dese tipo de médicos, que vén provocando protestas en distintos lugares de Galicia. A proposta causou indignación no sector, que alertou de que dificultaría que os nenos sexan atendidos habitualmente polos mesmos pediatras.
A proposta causou indignación no sector, que alertou de que dificultaría que os nenos sexan atendidos habitualmente polos mesmos pediatras
Este martes, catro días despois de propor a mudanza e tras reunirse con representantes dos profesionais, o Goberno galego di que “aposta por seguir avanzando conxuntamente en medidas de consenso para solucionar o déficit de pediatras que afecta ao conxunto dos sistemas de saúde”. Sanidade di agora, tras non informar previamente ao sector do cambio que quería realizar, que “manterá abertas tódalas vías de diálogo cos profesionais e as sociedades científicas para adoptar medidas consensuadas dirixidas a solucionar a falta de pediatras”.