Pediatras desprazables, entre os efectos de cambiar de golpe 24 leis dispares cos orzamentos da Xunta

Un centro de saúde en Vigo © Sergas

O Sergas deixará de distinguir entre pediatras de atención primaria e pediatras hospitalarios. A escaseza dese tipo de médicos, que nos últimos meses provocou protestas de pais e nais por toda Galicia, leva á Xunta a crear unha nova categoría de pediatra máis flexible para o Sergas que poida prestar os seus servizos en calquera nivel asistencial dentro dunha mesma área sanitaria. Esa é só unha das moitas modificacións legais que o Goberno galego vai coar en ámbitos sociais e económicos de todo tipo a través da lei de medidas fiscais e administrativas, a coñecida como lei de acompañamento, que quere aprobar conxuntamente coa lei de orzamentos para o próximo ano.

O Goberno galego modifica por terceira vez en tres anos a lei do solo de 2016, demora a obriga de ordenar os montes ou prorroga de oficio as concesións de bateas, entre outras moitas medidas incluídas na lei de acompañamento

Os gobernos de Feijóo veñen recorrendo desde a súa chegada á Xunta ás leis de acompañamento para introducir cambios noutras moitas leis aproveitando unha tramitación máis rápida e con menos debate social e parlamentario. Coa deste ano o Goberno galego admite de xeito expreso que pretende modificar outras 24 leis previas, á marxe de cambios que tamén introduce en leis de orzamentos e de acompañamento de anos anteriores. 18 das leis previas que agora quere modificar a Xunta aproveitando os orzamentos foron normas impulsadas por gobernos do propio Feijóo. Ata o ano pasado, segundo recompilou o PSdeG, Feijóo xa modificara 70 normas previas a través das leis de acompañamento.

Na lei de acompañamento deste ano a Xunta introduce a creación da nova figura do “pediatra de área”, baixo a que se incorporarán todos os novos profesionais desa especialidade e coa que se irán extinguindo as categorías existentes ata o de agora de pediatra de atención primaria e especialista de pediatría. O Goberno galego xustifica que a nova figura posibilitará “a prestación de servizos coordinados nos ámbitos de atención especializada e primaria, sen cinguirse a un único nivel asistencial”. Segundo sinala, eses profesionais prestarán os seus servizos de xeito indistinto “nos ámbitos funcionais de atención primaria e hospitalaria, dentro da demarcación territorial da correspondente área sanitaria”, o que facilita á Xunta o seu desprazamento.

18 das leis previas que agora quere modificar a Xunta aproveitando os orzamentos foron normas impulsadas por gobernos do propio Feijóo

Xunto con esa medida, a lei de acompañamento introduce moitas outras modificacións en leis de todo tipo. Entre outras cuestións, volve modificar a lei de prevención de incendios forestais, introducindo novos matices a distintas cuestións técnicas relacionadas coas faixas de protección. Igualmente, demora os prazos da obriga de elaborar plans de ordenación ou xestión forestal dos montes, nalgúns casos ata dentro dunha década. Pola contra, a Xunta prorrogará de oficio as concesións de bateas sen que o teñan que solicitar os concesionarios.

En diversos ámbitos, a Xunta elimina trámites en materia de xestión de residuos industriais, establece deducións de impostos aos afectados pola explosión da pirotecnia de Tui, aumenta ou crea diversas taxas autonómicas ou establece a obriga de que as empresas de turismo activo conten con seguros especiais.

Só un ano despois da aprobación da lei de fomento de iniciativas empresariais, a Xunta introduce agora nela unha nova figura, a das iniciativas empresariais prioritarias, que verán reducidos os seus prazos de tramitación á metade

Por outra banda, só un ano despois da aprobación da lei de fomento de iniciativas empresariais, a Xunta introduce agora nela unha nova figura, a das iniciativas empresariais prioritarias, que permitirá ao Goberno galego elixir que proxectos poden beneficiarse dunha redución á metade dos seus prazos de tramitación.

Tamén volve modificar o Goberno galego unha das normas máis rectificadas da historia da autonomía, a Lei do Solo. A anterior, de 2002, foi modificada practicamente todos os anos por sucesivos gobernos desde a súa entrada en vigor ata que en 2016 a Xunta decidiu impulsar un novo texto. Pero tampouco esa nova lei tivo mellor sorte e, do mesmo xeito que xa foi modificada dúas veces a través das dúas leis de acompañamento que se tramitaron desde aquela, a Xunta propón agora novas rectificacións por terceira vez.

Leis previas que modifica de xeito expreso a lei de acompañamento dos orzamentos para 2019:

  • Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común
  • Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia
  • Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minería de Galicia
  • Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
  • Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia
  • Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia
  • Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia
  • Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia
  • Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia
  • Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización da Administración xeral de Galicia
  • Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras
  • Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia
  • Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia
  • Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia
  • Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia
  • Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia
  • Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia
  • Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia
  • Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria
  • Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia
  • Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
  • Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía 
  • Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia
  • Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia

Xunto con estas leis previas, a lei de acompañamento tamén modifica moitos outros decretos.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.