“Pido aos profesionais que mentres o Ministerio non habilite máis prazas, buscar solucións para que non volva ocorrer o que ocorreu este verán”. Así deitou este xoves Feijóo nos médicos e no Goberno central a responsabilidade buscar unha solución á falta de pediatras en Galicia unha vez que os primeiros o obrigaron a rectificar este luns a súa proposta crear unha nova categoría de médicos que traballen de xeito indistinto nos centros de saúde e nos hospitais que acabe substituíndo as categorías actuais diferenciadas de pediatras de atención primaria e de atención especializada.
O presidente admite que deu marcha atrás polo “desacordo” dos profesionais pero di seguir confiando na súa “boa fe”
A iniciativa de crear esa nova categoría de “pediatra de área” desprazable entre a atención primaria e a especializada foi incluída pola Xunta na lei de acompañamento dos Orzamentos autonómicos para o ano próximo que fixo pública o pasado venres. As protestas dos profesionais, que alertaron de que a medida dificultaría que os rapaces sexan atendidos de xeito regular polos mesmos pediatras, fixo que este martes a Consellería de Sanidade dese marcha a atrás e anunciase a súa retirada. Este mércores, nun debate sobre Sanidade no Parlamento, Feijóo obviou o tema cando llo reprochou a portavoz do BNG, Ana Pontón. Pero este xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, foi preguntado de xeito expreso por esa cuestión.
"Como cremos na boa fe dos profesionais, queremos seguir sentados na mesa para buscar fórmulas”, di Feijóo
Ao presidente preguntóuselle se se arrepinte de introducir esa modificación nos orzamentos, ao que non contestou, optando por asegurar que “o obxectivo da medida era indiscutible” e que “o que buscaba é mellorar o servizo da atención pediátrica, porque non hai pediatras neste momento en Galicia nin na maioría de España”. Feijóo admitiu que a súa marcha atrás produciuse ante o “desacordo” dos profesionais coa medida e engadiu que “como cremos na boa fe dos profesionais, queremos seguir sentados na mesa para buscar fórmulas”.
Nesa liña, unha vez rexeitada a proposta do Goberno galego, Feijóo pediu de xeito expreso aos profesionais que busquen solucións á escaseza de pediatras. O presidente tamén fai responsable da situación ao Ministerio de Sanidade, ao que a Xunta pide que a autorice a formar un maior número de novos profesionais.