Non é doado saber, nunha primeira ollada, cantas normas vixentes quedarán modificadas dun golpe cando o Parlamento aprobe definitivamente a sexta lei de acompañamento da era Feijóo. Trátase dunha normativa que o Goberno galego do PP tramita conxuntamente cos Orzamentos Xerais -facíao en tempos de Fraga e volveuno facer con Feijóo agás en 2010, 2013 e 2014 mentres que o bipartito renunciou a esta fórmula- e que muda leis e decretos de toda caste, a maior parte deles sen relación directa ningunha coa cuestión orzamentaria. Desta volta a Xunta aproveita os Orzamentos para reformar ao mesmo tempo cando menos 24 leis, pero tamén para aprobar unha disposición adicional que está a desconcertar e indignar os profesionais da pediatría galega.
A Xunta crea a categoría do "pediatra de área", desprazable entre hospitais e centros de saúde, dentro da lei anexa aos orzamentos que modifica dun golpe máis dunha vintena de normativas dispares
Menos dun ano despois de aprobar só cos votos dos populares a controvertida reforma sanitaria e tras meses de protestas en diversos puntos do país pola escaseza de pediatras, a Xunta aproveita a norma anexa aos orzamentos para crear a figura do "persoal facultativo especialista de pediatría de área", isto é, pediatras que traballen indistintamente en centros de saúde ou hospitais. así, as categorías de pediatra especialista e de pediatra de atención primaria pasan a ser "consideradas a extinguir" e só permanecera nelas se o desexa o persoal estatutario fixo ata esa extinción. Tras saber da reforma, nalgúns casos pola prensa, tanto a Sociedade de Pediatría de Galicia como a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria e profesionais a título individual amosaron as súas queixas tanto pola forma como polo fondo.
No caso das dúas entidades profesionais, cuxa representatividade atinxe á "práctica totalidade dos pediatras" do país, subliñan, a súa posición pública ficou explicitada esta fin de semana nun duro comunicado. Souberon desta relevante mudanza a través das novas dos medios de comunicación sobre a lei de acompañamento, afirman, malia tratarse dun "cambio substancial" que "vai repercutir negativamente na atención dos nosos nenos". Se a Xunta segue adiante coa medida coada na lei anexa aos orzamentos, advirten, vaise "poñer en perigo o modelo asistencial actual, que persegue que cada neno sexa sempre atendido por un pediatra". Ademais, lembran, esta nova categoría "xa foi rexeitada noutras comunidades" e alí "onde se impuxo, fracasou".
A reforma da pediatría inclúese na 'lei de acompañamento' dos Orzamentos de 2019, que o conselleiro de Facenda -na imaxe- vén de entregar ao Parlamento / Xunta
"Vai poñer en perigo o modelo asistencial actual, que persegue que cada neno sexa sempre atendido por un pediatra", afirman a Sociedade de Pediatría e a Asociación de Pediatría de Atención Primaria
A publicación nos medios da decisión do Goberno galego tamén deu lugar á redacción dun comunicado por "máis dun cento de pediatras galegos" que se agrega ao das dúas entidades representativas. "Tras coñecermos pola prensa a noticia desexamos amosar o noso total rexeitamento á creación da figura da pediatra de área", afirman dende o "convencemento" de que se vai poñer en risco "o modelo de pediatría que defendemos", pero tamén dende o "disgusto" pola "forma de xestionar e dar a coñecer a proposta". "A Xunta non creu necesario que nós nin as sociedades que nos representan coñecésemos" a reforma ata o seu envío ao Parlamento, lamentan no medio dunha chamada ao consenso e tras pediren "unha xuntanza urxente" entre sociedades científicas e Sanidade "para debater sobre este tema". Ambas entidades solicitarán ese encontro coa Xunta este mesmo luns.
A inesperada reforma do modelo de asistencia pediátrica chega despois dun verán con numerosas protestas pola falta destes profesionais en varios puntos de Galicia. Neste tempo o Goberno galego subliñou que este déficit se debe, fundamentalmente, á falta dunha cantidade suficiente de pediatras como para cubrir todos os postos precisos. Ese mesmo argumento despregouno o Sergas a través de vídeos proxectados en pantallas de centros de saúde, nos que advertía dun "paro cero" entre este colectivo profesionais e defendía as súas medidas como un xeito de atender mellor a infancia mentres se "evita a itinerancia dos pediatras".
Imaxes emitidas pola Xunta no centro de saúde de Brión o pasado 21 de agosto / CC BY-SA Praza Pública