0 Gardados para despois

A Xunta presume de xestión sanitaria antes de que Feijóo teña que responder pola morte dun paciente no PAC da Estrada

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O reinicio da actividade no Parlamento tras a paréntese de agosto fixo retornar esta semana ao debate político un dos sucesos máis impactantes do verán en Galicia, a morte dun paciente no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada sen atención médica porque a única doutora asignada ao centro nesa quenda tivera que saír para atender outra urxencia. O falecemento do home atragoado no seu propio vómito, como advertira a familia e confirmou a autopsia, debera ser dabondo para unha comparecencia monográfica do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, segundo solicitaron unidos os tres grupos da oposición. O PP vetou a petición, se ben o pleno abordará ata oito iniciativas en materia sanitaria de En Marea, PSdeG e BNG, entre elas preguntas ao presidente da Xunta sobre o sucedido por parte de Luís Villares e Ana Pontón.

Nas vésperas dese primeiro pleno do novo 'curso político' a Xunta está a esforzarse en presumir da súa propia xestión sanitaria. Faino en declaracións e actos públicos, pero tamén nos propios centros do Servizo Galego de Saúde. Así, por exemplo, despois de que se estendesen por diversas comarcas as protestas pola escaseza de pediatras e a non cobertura das vacacións destes profesionais, o Goberno galego deu en eloxiar a súa propia xestión nas pantallas informativas de centros de saúde e ambulatorios.

Sanidade emite nas pantallas informativas dos centros de saúde vídeos eloxiosos coa súa propia xestión nos que retruca ás críticas e protestas pola carencia de pediatras

Nos vídeos emitidos xunto a informacións de servizo público -como consellos fronte a doenzas coma o ictus- a Consellería de Sanidade gábase de ofrecer "mellor seguimento" e "maior calidade da asistencia" á infancia" despois de asegurar que "o número de pediatras en atención primaira medrou no últimos anos" mentres "o número de nenos diminuíu", sinala comparando ambos valores en 1997 e 2017. Así e todo, defende a Xunta nesta proxección nos centros de saúde, "non é posible atopar pediatras que cubran os períodos de vacacións" por mor do "paro cero" neste colectivo profesionais. Así, di na liña dos argumentarios divulgados por Sanidade nos últimos meses, a Xunta deu en "agrupar os pediatras" en determinados centros, un "modelo" que "garante a atención con mínimos desprazamentos" e ademais "evita a itinerancia dos pediatras", mantén.

Imaxes emitidas pola Xunta no centro de saúde de Brión o pasado 21 de agosto / CC BY-SA Praza Pública

Na liña de retrucar implicitamente ás protestas cidadás e ás peticións de explicacións da oposición foi tamén o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun dos seus primeiros actos públicos tras as vacacións. Foi na inauguración oficial do novo centro de saúde de Ares, en funcionamento dende o pasado xullo; alí o presidente reiterou o xa anunciado "compromiso con 24 centros de saúde novos ou renovados nesta lexislatura", repetido en diversas ocasións. 

Feijóo deu en anunciar futuras contratacións do Sergas na semana previa a que Villares e Pontón o cuestionen no Parlamento polo falecemento do paciente no PAC da Estrada sen atención médica

Nesa mesma visita Feijóo deu en augurar a inminente incorporación ao Sergas de 98 profesionais de medicina familiar e 20 pediatras unha vez rematados os seus períodos de formación. Fíxoo tras asegurar que "Galicia conta cun 7% máis de médicos de familia traballando en atención primaria dos que había en 2008" e poucas semanas despois de responder ás críticas pola carencia de pediatras afirmando, en rolda de prensa, que "se alguén é pediatra e quere traballar en Galicia, o único que ten que facer é contactar co Sergas e será inmediatamente contratado".

Mentres Feijóo protagonizaba esta inauguración, no Parlamento os grupos que o cuestionarán a vindeira semana avanzaban os seus argumentos. En Marea, advertiu o seu vicevoceiro, Antón Sánchez, deixará claro que é "intolerable e inxustificable a actitude do PP ante o gravísimo feito acontecido no PAC da Estrada", falecemento que enmarca nas "consecuencias dos recortes do PP". "O PP actuou con desprezo, soberbia e insensibilidade" e, alén da pregunta de Villares e Feijóo, interpelará tamén ao conselleiro tras a súa negativa a comparecer, avanza.

Dende o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, convidou o presidente a "preguntarse que clase de política está facendo cando unha persoa morre no corredor dun centro de saúde sen médico que a atenda". Neste sentido, subliña, alén de interpelar o Goberno o BNG "proporá recuperar as cifras orzamentarias anteriores aos recortes" en materia sanitaria cun "plan de investimentos urxente de 234 millóns destinados, basicamente, á Atención Primaria.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.