0 Gardados para despois

O PP aproba en solitario a reforma sanitaria e pide “tempo” para valorala “aínda que non sempre sexa entendida pola cidadanía”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Cunha protesta ás portas do Parlamento de Galicia e coa tribuna de invitados chea de alcaldes das vilas que forman parte das áreas sanitarias que desaparecerán coa nova norma, o PP aprobou este martes en solitario a contestada reforma da Lei de Saúde de Galicia de 2008. A eses rexedores, entre os que había tamén algún do PP, apelou o portavoz popular, Aurelio Núñez Centeno, ao poñelos como exemplo de autoridades que toman decisións positivas “aínda que non sempre sexan entendidas pola cidadanía”. Así foi como presentou o popular a reforma sanitaria agora aprobada, para a que pediu “tempo” para que sexa valorada.

A oposición critica o debilitamento da sanidade pública en beneficio da privada nunha sesión que se desenvolveu con protestas ás portas do Parlamento de Galicia, ao que asistiron alcaldes das vilas máis afectadas

Fronte á crítica fundamental de que a reforma suprime as áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Salnés e O Barco, os populares argumentaron que os hospitais desas comarcas están a ser ampliados. Porén, fronte ás infraestruturas materiais, os tres grupos da oposición coincidiron en enumerar as numerosas eivas que presenta a atención sanitaria nesas zonas e a sobrecarga de traballo que teñen os profesionais. Nesa liña, a oposición presentou a protesta social como exemplo do desexo da cidadanía de contar con máis sanidade pública fronte á intención do Goberno galego de facilitar a progresiva privatización de servizos.

A reforma da lei de saúde, como lembrou o deputado do PSdeG Julio Torrado, foi impulsada pola Xunta “sen ser anunciada nin no programa electoral do PP nin do discurso de investidura do presidente”, tras ser sometida a exposición pública “en agosto”, cando “ata a consellería estaba de vacacións”, para ser aprobado o seu proxecto polo Goberno galego “na ponte de decembro”. Uns tempos que o socialista vinculou coa “renuncia” da Xunta “a explicar a súa proposta”. “Vostedes defenden esta lei por algo que non queren contar”, dixo, para engadir que “vostedes están en contra da sanidade pública porque dá igualdade de oportunidades”. Fronte a esa postura, e ante o intento dos populares de presentar a protesta social como manipulada ou baseada en premisas falsas, o socialista asegurou que “a cidadanía non se manifesta porque lle paguen bocadillos, maniféstase porque sinte o sistema sanitario como propio”.

Alcaldes de vilas que forman parte das áreas sanitarias que desaparecerán coa reforma, acompañados do secretario xeral do PSdeG [Foto: PSdeG]

Similar crítica de debilitamento da sanidade pública como “elemento igualador” foi lanzada pola deputada de En Marea Eva Solla, para quen “o exceso de carga de traballo é unha humillación para os profesionais sanitarios”. Solla puxo o foco en que a reforma sanitaria facilitará o beneficio privado das investigacións que se realicen na sanidade pública e preguntouse que pasará coas enfermidades que non teñen rendibilidade económica. Sobre a protesta social, Solla salientou que a visión da democracia que ten o PP é “votar cada catro anos e submisión absoluta ás súas imposicións, non se pode protestar, non se poden defender os dereitos”. “Vostedes dinlles que non protesten e que están manipulados”, dixo.

Aurelio Núñez (PP), Eva Solla (En Marea), Julio Torrado (PSdeG) e Montse Prado (BNG)

Ao debate e votación non asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

Pola súa banda, a deputada do BNG Montse Prado criticou o rexeitamento dos populares a incorporar a maioría das propostas formuladas pola oposición, algo que considerou “digno da mellor das ditaduras”. Prado salientou a falta de especialistas nos hospitais máis pequenos e criticou que “o único que fixeron estas áreas é perder servizos e saben que é o que lles agarda”.

A reforma foi finalmente aprobada cos votos favorables do PP e o voto en contra dos tres grupos da oposición. Ao debate e votación non asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que á mesma hora asitía en Arzúa á colocación da primeira pedra dun novo treito da Autovía Santiago-Lugo.

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

Protesta no exterior do Parlamento contra a reforma da Lei de Saúde

Imaxes da CIG Saúde

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.