0 Gardados para despois

Xunta e PP enfróntanse á protesta contra a reforma sanitaria tentando facer ver que se basea en mentiras

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A plataforma SOS Sanidade Pública convoca para este domingo, 4 de febreiro, unha manifestación que se prevé masiva. A dous días de que o proxecto de reforma da lei de saúde chegue ao pleno do Parlamento os colectivos de defensa da sanidade pública, co apoio dos principais sindicatos, das forzas da oposición parlamentaria e de concellos e deputacións gobernados pola esquerda agardan levar ás rúas de Santiago a milleiros de persoas. A intención é rexeitar un proxecto que, acusan, suprime áreas sanitarias e "baleira de competencias" os hospitais comarcais para propiciar o control do sistema nos grandes hospitais e, dende eles, facilitar o transvasamento de doentes á sanidade privada ao que abriu a porta a lei de garantías do ano 2014.

O previsible éxito da convocatoria cando xa está lanzada a precampaña das eleccións municipais levou o Goberno galego e ao PP a iniciar unha ofensiva política nos últimos días para tentar deslexitimar a mobilización. O argumento esencial que manexan os conservadores é que toda a mobilización está baseada en "mentiras" e parte dunha clara intención da "oposición": que a poboación "non coñeza" a "realidade" de que "a sanidade pública ten máis medios e funciona mellor connosco que cando gobernaban eles", aseguran en referencia a PSdeG e BNG, aínda que tamén En Marea apoia a convocatoria.

Declaracións do conselleiro de Sanidade e do xerente do Servizo Galego de Saúde, así como de diversos cargos do partido, tentaron nos últimos días reforzar un argumentario que parte dunha tese: negar a existencia dos "recortes" que denuncian SOS Sanidade, organizacións de profesionais e doentes e as propias forzas da esquerda. Co PP, manteñen, o Sergas dispón de máis orzamentos e mais persoal e, grazas a iso, a actividade asistencial é maior e as esperas redúcense, todo isto sen maior preponderancia do sector privado.

O orzamento

No que atinxe ao orzamento sanitario, a maior partida cada ano con máis de 3.000 millóns de euros, os populares defenden que a "realidade" é que os recortes non existiron, na liña do xa manifestado por Alberto Núñez Feijóo nos últimos anos. Asegúrano esgrimindo que nas contas públicas da Xunta para 2018 se consignan máis fondos para sanidade que nas de 2008, último ano completo do Goberno da coalición de PSdeG e BNG -aínda que este non foi o derradeiro orzamento elaborado por aquel Executivo, senón o de 2009-.

O recorte acumulado no orzamento sanitario da Xunta roldou os 1.000 millóns nos últimos anos

Se ben é certo que o vixente orzamento galego rexistra máis fondos iniciais para sanidade que o de 2008, non o é menos que isto sucede despois de que, durante máis de media década, esta partida descendese considerablemente. Así, unha ollada ás contas definitivas publicadas cada ano no Diario Oficial de Galicia tras a súa aprobación no Parlamento demostra que dende 2011 e ata 2017 o orzamento sanitario galego estivo por baixo do de 2008.

Isto supón que, tomando a mesma referencia á que alude o PPdeG, a do último ano completo do bipartito, o recorte acumulado en pouco máis de media década superaría os 1.000 millóns de euros. Deste xeito, mesmo tendo en conta os anos do período en que o orzamento foi superior ao de 2008 o saldo negativo para a sanidade pública galega sería de 741,62 millóns de euros dende que os conservadores regresaron á Xunta.

O déficit non sería tan avultado, pero seguiría a existir, se as cifras orzamentarias comparadas non son as publicadas no DOG tras aprobación das contas na Cámara, senón as dos libros dos Orzamentos que o Goberno galego entrega ao Parlamento e cuxa serie histórica dende 2005 pode ser consultada no sitio web da Consellería de Facenda. Neste caso os recortes tamén existiron e son igualmente evidentes, pero o montante total de recursos dedicados á sanidade estaría por baixo do de 2008 entre 2013 e 2017, media década cun recorte acumulado de 923,88 millóns de euros. O balance total sería igualmente negativo, de 425,78 millóns de euros menos para o Sergas tras o retorno da dereita ao Goberno.

O persoal

O Goberno galego e o partido que o sustenta sitúan igualmente no ámbito das falsidades de sindicatos e forzas parlamentarias da esquerda as acusacións de redución de persoal sanitario, así como o incremento da súa precariedade. Así, aseguran que o Servizo Galego de Saúde rematou o ano 2017 con 38.050 profesionais o que, tomando como referencia novamente o ano 2008, aseguran que supoñen 1.544 máis que na etapa de Goberno de socialistas e nacionalistas.

Cifras oficiais reflicten que a sanidade pública chegou a contar cuns 2.000 profesionais menos durante a crise, aínda que dende 2015 comezou a recuperarse

No entanto, a fonte pública máis frecuentemente utilizada para consultar a evolución dos cadros públicos de profesionais, o boletín de persoal ao servizo das Administracións Públicas que elabora e difunde o Ministerio de Facenda, reflicte que, tamén neste ámbito, Galicia sufriu recortes durante a crise. Este indicador reflicte que cando os populares retornaron ao poder, a comezos de 2009, prestaban servizo no país algo máis de 35.000 profesionais da sanidade pública e o seu número sufriu reducións ata que, a comezos de 2014, eran menos de 33.000.

Daquela, sempre segundo esta fonte oficial, o certo é que Galicia perdeu durante a crise máis de 2.000 profesionais da sanidade pública. Tamén se corresponde coa realidade, non obstante, que este cadro de persoal iniciou unha senda ascendente dende comezos de 2015 e o último dato dispoñible en Facenda, o do segundo semestre de 2017, supera as 34.800 persoas.

As listas de espera 

Outro gran eixo dos argumentos dos populares para descualificar estas mobilizacións apunta á actividade asistencial do Sergas e á redución das listas de espera. As listas de espera, precisamente, foron nestes anos obxecto dunha mudanza na súa divulgación en virtude da lei de garantías do ano 2014, coa que a Xunta se autorizou a si mesma a non divulgar o que adoitaba ser o peor dato de cada ano, o que reflectía o impacto dos peches de camas e menor número de intervencións cirúrxicas no verán.

O Sergas chegou a incrementar en 20 días a espera media entre 2009 e 2013

Mesmo tendo en conta esta distorsión estatística é posible afirmar, como no caso do orzamento e do persoal, que os rexistros oficiais empeoraron dende 2009 e durante boa parte da crise para despois volver iniciar unha senda de mellora. Así, cando o PP volveu á Xunta, no segundo trimestre de 2009, o Sergas rexistraba unha espera media cirúrxica de 67 días e catro anos despois, en 2013, nese mesmo segundo trimestre superáranse os 82 días de demora media.

O último dato coñecido para un segundo trimestre do ano, o de 2017, indicaba que a espera cirúrxica media estaba na contorna dos 62 días. Así e todo, a diferenza fundamental con 2008 ou 2009 é que está en vigor a lei de garantías, que permite a Sanidade traspasar pacientes á sanidade privada se a espera por unha operación supera os 60 días.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"A manifestación vai supor un antes e un despois na sanidade pública galega”

A ofensiva política lanzada nos últimos días polo PP e a Xunta contra a manifestación do vindeiro domingo non foi de todo mal recibida pola convocante, a plataforma SOS Sanidade Pública, O seu portavoz, Manuel Martín, di que están "encantados" con que a Xunta lles "responda". "Están moi nerviosos porque saben que fomos capaces de explicarlle á cidadanía a realidade da sanidade pública a través das múltiples organizacións que forman a plataforma, unha sanidade pública deteriorada polos recortes. Explicarlles tamén os riscos de que a contrarreforma da Lei Galega de Saúde afonde e consolide esta tendencia e esta estratexia”, di. 

"Están moi nerviosos porque saben que fomos capaces de explicarlle á cidadanía a realidade da sanidade pública"

“O PP ten argumentos de mal pagador. Cando non ten argumentos, cando non ten razóns para opoñer as nosas análises, tentan desacreditarnos dicindo que mentimos", engade Martín, que insiste en que o colectivo non mente senón que utiliza "os propios datos que proporciona o Sergas". "Os poucos datos, porque nos últimos anos desapareceron os informes e memorias que antes tiñan os hospitais e algunhas áreas de atención primaria. Todo isto desapareceu porque contiñan datos que non son presentables", asegura. 

Para Martín, os recortes do sistema sanitario público "están aí". "Non os inventamos nós", lembra. "Reduciron o orzamento de Sanidade nun 18%, eliminaron 970 camas hospitalarias, estaba prevista a apertura de 60 centros de saúde e din que van abrir 20, pero nestes anos só abriron 3 ou 4. Ocultan as listas de espera: o 60% da xente que está en espera en Vigo está nas listas ocultas", resume quen cre que Sanidade "comete un erro" porque "os interlocutores, os axentes sociais estamos dispostos a falar".

"Agora a pouca participación que había, a través dos Consellos de Saúde, queda reducida a unha posibilidade de que te informen. Os movementos sociais quedan relegados. A nova lei vai consolidar a estratexia de deterioro do sistema sanitario en Galicia", advirte Martín, que reacciona tamén ás críticas que reducen as mobilizacións a "5 ou 6 detrás dunha pancarta". 

“Saben que á manifestación non imos ir 5 ou 6, senón que imos ir milleiros de persoas", di Manuel Martín

“Saben que á manifestación non imos ir 5 ou 6, senón que imos ir milleiros de persoas. Non somos 'os de sempre', como din. Somos todos os partidos da oposición, todos os sindicatos, todas as organizacións veciñais, asociacións profesionais, tres das catro deputacións, os gobernos de todas as cidades agás o de Ourense... Os que son 5 ou 6 son eles", responde. 

“Estanse fletando moreas de autobuses nas diferentes áreas sanitarias, chámanos moita xente pedindo información, interesándose por apoiar a manifestación... Hai un movemento moi potente. Todos os partidos están colaborando, e hai que agradecer a súa implicación e xenerosidade, que aparcaron as súas diferenzas e protagonismos. É un movemento inédito e vai supor un antes e un despois na sanidade pública galega”, remata optimista. 

PSOE e as plataformas da Mariña e Monforte advirten que a Lei de Saúde "é un problema da provincia, de todos os lucenses"

O PSdeG e plataformas en defensa da sanidade pública da Mariña e Monforte advirten de que o anteproxecto da Lei da Saúde do PP “é un problema de provincia que afecta a todos os lucenses”. A denuncia chegou tras o primeiro encontro, promovido polos socialistas, cos colectivos que lideran as protestas contra a supresión das súas áreas sanitarias e co obxectivo de “visibilizar e concienciar que este anteproxecto que impón o PP é un problema de provincia, que afecta aos máis de 300.000 lucenses, pois recorta máis servizos e desmantela o sistema sanitario público".

Representantes do PSOE provincial mantiveron un encontro coas plataformas da Mariña e de Monforte

Así, representantes de ambas as dúas plataformas contaron as “mentiras do PP”, a “maquillaxe das listas de espera”, o “recorte de especialistas” e subliñaron que “a única forma de paralos é saíndo á rúa, demostrándolles que os lucenses estamos aquí e estamos xuntos”. “Este anteproxecto suprime as tres áreas sanitarias, valentía que o PP ten na nosa provincia pero non na Coruña ou Pontevedra. O PP experimenta cos lucenses co obxectivo de ir implantando pouco a pouco, quitándonos recursos na sanidade pública, o mesmo modelo que levou a Madrid: o da privatización dos servizos sanitarios”, asegurou Tomé Roca, vicesecretario xeral do PSOE provincial e alcalde de Monforte de Lemos.

Nesta reunión de traballo tamén estiveron presentes o secretario xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, o xecretario de Sanidade da Executiva Provincial Socialista, Miguel Fernández Méndez e a coordinadora coa comarca da Mariña e alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García. 

“Este anteproxecto suprime as tres áreas sanitarias, valentía que o PP ten na nosa provincia pero non na Coruña ou Pontevedra",advirten os socialistas

Os socialistas e os representantes das dúas plataformas destacaron a necesidade de “acudir en masa dende todos os puntos de Lugo, veciños de todos os concellos, á manifestación do domingo en Santiago para defender a nosa sanidade pública e esixir a retirada deste anteproxectos". "Cantos máis sexamos, mellor", advertiron. 

En representación da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, Arantxa Incera, explicou que na comarca teñen "un hándicap", que son as obras do hospital. "O que están facendo é simplemente aumentar o tamaño das consultas, ao mesmo tempo que están eliminando os servizos", dixo, tras asegurar, por exemplo, que só hai unha enfermeira para 30 pacientes. Respecto da manifestación, asegurou que xa hai nove autobuses confirmados, superando as 500 persoas, así como aqueles que se despracen nos seus vehículos.