0 Gardados para despois

Feijóo mantén a supresión de áreas sanitarias no proxecto de Lei de Saúde que remite ao Parlamento

Redacción | @prazapublica

O pasado domingo varios milleiros de persoas saíron á rúa en Vilagarcía en protesta contra a intención da Xunta de suprimir a área sanitaria do Salnés e integrala na de Pontevedra. O mesmo fixeran antes outros varios milleiros de persoas en Monforte, ou na Mariña, áreas que se integrarán na de Lugo. Malia esas mobilizacións, este xoves o Consello da Xunta aprobou de xeito definitivo o proxecto de Lei de Saúde que reorganiza a estrutura sanitaria de Galicia e remitiuno ao Parlamento, onde o PP ten maioría absoluta, para a súa aprobación mantendo no seu texto esa supresión de áreas tan contestada.

Ante as protestas sociais, o Goberno galego publicita a súa nova Lei de Saúde asegurando que “blinda por lei a existencia dos hospitais comarcais coa creación de 14 distritos” e salienta que “por primeira vez, unha norma con este rango establece que ten que haber un hospital de referencia en cada distrito”. “Ningún goberno poderá diminuír ou eliminar un hospital comarcal en Galicia se non é por lei e por autorización parlamentaria”, salientou este xoves Feijóo. Isto é, a Xunta garante que non pensa derrubar os hospitais que hai construídos, pero continúa adiante co seu plan para reducir a sete as áreas sanitarias (A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) e establece os distritos, ata un total de 14, “como divisións das áreas”.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou como cambio a respecto da versión inicial do proxecto de lei que as novas áreas sanitarias inclúen nos seus nomes os topónimos das vilas que deixan de ter a súa propia área. Ao tempo, asegurou que o Sergas seguirá a traballar para achegar ao ámbito local todos os servizos sanitarios que poida.

A Almuiña preguntóuselle como explica as protestas, ao que respondeu poñendo como exemplo das bondades da nova norma que os hospitais de Barbanza e Cee aparecen por primeira vez na normativa ou que nos últimos anos se crearon consultas de oncoloxía na Mariña e Monforte que antes non existían. “Hai sete anos xa se dícía que se ían pechar hospitais comarcais e agora din o mesmo”, sentenciou, para engadir que os hospitais comarcais só verán incrementados os seus servizos.

A Xunta tenta contrarrestar a contestación cidadá asegurando que a norma “blinda por lei a existencia dos hospitais comarcais” e introducindo máis topónimos nos nomes das sete áreas que quedarán

A Xunta defende a reorganización como vía para "unha coordinación entre primaria e hospitalaria máis efectiva". No entanto, persoal do Sergas, sindicatos, a oposición parlamentaria e os gobernos locais das zonas non dirixidos polo PP ven nela unha nova vía para reducir e precarizar servizos fóra das cidades. As reivindicacións coinciden nas plataformas, as xuntas de persoal, os sindicatos e a oposición parlamentaria. Todos ven no anteproxecto de reforma da Lei de Saúde unha porta aberta a máis recortes. Ademais, insisten en que con menos medios nos hospitais comarcais a alternativa para milleiros de pesoas é desprazarse a Lugo, Ourense ou Pontevedra ou mesmo optar por medios privados. Ao tempo, advirten do risco de precarización e marxinación dos centros de saúde de futuros distritos, unhas consecuencias das que xa avisan desde hai tempo en concellos máis afastadas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Xunta responsabiliza o Goberno da súa falta de información sobre o laboratorio europeo de bivalvos

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves o presidente Feijóo foi preguntado polo feito de que a Xunta lanzase a candidatura de Galicia a acoller o laboratorio europeo de bivalvos que actualmente está no Reino Unido varios meses despois de que o Goberno central xa soubese que ese centro se vai suprimir tras o Brexit. O presidente trasladou a responsabilidade ao Goberno central e, ao tempo, tentou salientar que algunhas das probas que realiza ese centro xa se lle encargaron a outro con sede en Vigo.

“Non temos a totalidade das probas que se viñan facendo antes, pero as probas máis importantes se encargan ao laboratorio de Vigo, a xunta non está integramente satisfeita pero seguiremos falando”

“Pedimos explicacións ao ministerio de Sanidade e o de Agricultura, loxicamente nos darán a explicación correspondente”, dixo Feijóo, quen engadiu que a decisión de suprimir o laboratorio comunitario tras o Brexit non é definitiva e as autoridades europeas teñen “ata 31 decembro 2018 para tomar unha decisión definitiva”.

“O que decidiron as autoridades é non coller ese laboratorio e pasalo a un país senón coller distintas partes dese laboratorio e introducilas en distintos países, non é como a Axencia Europea do Medicamento [á que aspiraba Barcelona] que se leva íntegra a outro pais”, explicou Feijóo. O presidente salientou que a UE está a encargar a distintos laboratorios de varios países que fagan as analíticas que viña realizando o centro británico, e salientou que “non temos a totalidade das probas que se viñan facendo antes, pero as probas máis importantes se encargan ao laboratorio comunitario de Vigo”. Unha explicación que Feijóo non ofreceu cando o 24 de novembro lanzou en Vilagarcía a candidatura a "acoller o laboratorio europeo de bivalvos", sen matices. “A xunta non está integramente satisfeita pero seguiremos falando”, concluíu Feijóo.