0 Gardados para despois

A oposición ve a porta aberta a máis recortes na redución de áreas sanitarias que prepara a Xunta

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Sanidade vén de publicar o anteproxecto de lei que muda a actual Lei de Saúde de Galicia. Faino, segundo di, para "simplificar a organización territorial do sistema sanitario e adaptalo ás novas necesidades poboacionais". En definitiva, reduce de once a sete as áreas sanitarias en Galicia e crea 14 distritos asociados a cadanseu hospital público. A noticia foi recibida con fondo rexeitamento por parte de toda a oposición. En Marea cre que o novo mapa sanitario "só vai servir para afondar aínda máis na mala praxe que o Sergas ven practicando e que significa un peor  servizo", mentres que o PSdeG acusa o Goberno galego de "covardía" por iniciar a reforma da lei en pleno agosto "pola porta de atrás" e vai pedir a comparecencia extraordinaria do conselleiro Vázquez Almuíña. O BNG, pola súa banda, pide retirar o anteproxecto e advirte que, de saír adiante, "provocará máis deterioro na sanidade pública". 

O anteproxecto reduce de once a sete as áreas sanitarias en Galicia e crea 14 distritos asociados a cadanseu hospital público

En canto ás áreas sanitarias, o borrador non especifica cantas serán, pero si que se asimilarán ás vixentes sete Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) mentres non se faga un novo mapa sanitario: A Coruña; Santiago de Compostela; Ferrol; Lugo, Cervo e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; e Vigo. Xa que logo, suprimiríanse as do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés, antes independentes. 

Sobre os distritos, de nova creación, serán división das áreas e "toman como referencia a institución hospitalaria no seu ámbito territorial" e mantendo a agrupación de concellos que xa se realiza no decreto das EOXIs. Son, xa que logo, os seguintes: Barbanza, A Coruña, A Mariña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Ourense, O Salnés, Pontevedra, Santiago de Compostela, Verín e Vigo.

A Xunta defende que a nova reorganización "permitirá unha coordinación entre primaria e hospitalaria máis efectiva, cunha cobertura asistencial realizada cos mesmos criterios asistenciais e de derivación entre centros, protocolos únicos de área, e maior interactuación de profesionais de ambos niveis asistenciais". Con todo, queda por ver como afecta o cambio á cidadanía unha vez se delimite o ámbito xeográfico para cada zona cun decreto que determine o novo mapa sanitario. 

A oposición denuncia que a Xunta inicie a modificación da Lei de Saúde en pleno mes de agosto

Para Eva Solla, deputada de En Marea, a redución de áreas sanitarias que propón a Xunta "será totalmente prexudicial para os servizos sanitarios galegos e un atropelo aos dereitos da cidadanía en materia sanitaria". Na súa opinión, esta diminución "ten que ver cos recortes xa feitos nas xerencias comarcais", onde se "incrementou o gasto pero non serviu para nada". "Hai máis burocracia e menos capacidade de xestión para o persoal, que depende cada vez máis dos grandes hospitais sen ter os recursos suficientes", dixo.

Desde o PSdeG, o seu portavoz de Sanidade no Parlamento, Julio Torrado, cre que o anteproxecto supón unha ampliación “moito máis dura” do modelo de áreas sanitarias, cunha redefinición do mapa “encamiñada a reducir á nada o peso das áreas comarcais” e que supón “a perda da xestión directa da atención primaria”.

PSdeG, En Marea e BNG ven na redución de áreas o intento de "reducir á nada" as áreas comarcais e a "perda de xestión directa da atención primaria"

No BNG, a súa deputada Montse Prado cre que o anteproxecto "consolida a liña de recortes, prioriza o criterio económico en detrimento das necesidades dos usuarios e usuarias e afecta negativamente a calidade asistencial”. Ademais, cre que "restará capacidade á atención primaria, porta fundamental para acceder ao sistema sanitario”,  así como ás áreas sanitarias e hospitais comarcais. "O novo mapa afasta sanidade da poboación; as EOXI pasan a ser áreas e estas serán distritos, eliminando as áreas sanitarias vinculadas aos hospitais comarcais", engade. 

Os socialistas tamén inciden avisan da "profundización na redución de servizos nos hospitais comarcais ou impoñer unha obrigada derivación de persoal cara os hospitais das cidades". De feito, Torrado asegurou que o PSdeG xa está en contacto con sindicatos, alcaldes das vilas principais afectadas e deputados locais para posibles mobilizacións. 

CIG-Saúde reaccionou xa advertindo de que a reforma presentada pola Consellería "suporá afastar a atención sanitaria da cidadanía e recortar servizos e persoal", polo que pide a súa retirada. Ao tempo, tanto PSdeG como Bloque son moi críticos polo feito de que o Sergas presentase este anteproxecto con só 15 días para alegacións en pleno mes de agosto. "Non é un bo exemplo de vontade para acadar algún tipo de negociación". 

Feijóo, preguntado polas reaccións da oposición, non ve "mercatilismo" ningún no anteproxecto e nega que a presentación en pleno mes de agosto teña as intencións que lle atribuén as formacións políticas. 

O anteproxecto, ademais, recolle outros cambios na participación social na xestión sanitaria. Ao Consello Galego de Saúde engádeselle un Consello de Saúde de Área por cada unha destas zonas. O obxectivo, seguno o Sergas, é "simplificar as canles de participación" para "acadar unha participación máis realista e máis próxima aos pacientes". Nestes órganos por cada área estarán representados os concellos incluídos no territorio da área, os sindicatos, as organizacións empresariais e as asociacións de pacientes. 

Ademais, créase o Consello Asesor de Pacientes, un órgano de participación das asociacións nas que se agrupan os doentes, que ten como finalidade "a mellora da calidade da asistencia sanitaria" a través da percepción dos propios usuarios. Alén disto, establécese que se poderán establecer outros órganos de participación e consulta para ámbitos concretos de actividade sanitaria.

A esquerda advirte de que a composición do Consello Galego de Saúde queda agora "nas mans da Xunta"

O PSdeG advirte de que a partir de agora “vaise participar na sanidade pública por decreto”. Ata o de agora, segundo explica, nos Consellos de Saúde Galego e de área participaban alcaldes, representantes de entidades locais, federacións de veciños, asociacións de pacientes, etc. "Esta reforma di literalmente que a composición se decidirá 'por decreto do consello da Xunta", di. Así é na modificación prevista para o artigo 23.3 da futura nova lei.

En Marea, pola súa banda, asegura que a Xunta "nunca tivo vontade de desenvolver os Consellos de Saúde" e cre que estes cambios "o que fan é interromper algo que podía ser un elemento máis de participación democrática". O Bloque advirte que a modificación "retira as funcións de asesoramento e consultivas" deste Consello de Saúde, así como a capacidade de avaliación neles. Ao tempo, asegura tamén que a súa configuración que quedará  “en mans  da propia Xunta”. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Folga e protestas na sanidade en outono ante a negativa da Xunta a recuperar dereitos perdidos na crise

Outono prevese movido no sector sanitario. Os sindicatos saíron este mércores decepcionados da reunión extraordinaria da Mesa Sectorial de Sanidade ao negarse a Consellería a abordar a negociación dun calendario de recuperación dos acordos salariais e laborais suspendidos. A CIG cualifica a actitude da Xunta como "unha nova tomadura de pelo" ao persoal e advirte de mobilizacións, CCOO anuncia "conflitividade" a partir de setembro e CESM e Omega convocan xa folga para novembro ante o que consideran un "desprezo aos facultativos galegos". Sexa como for, todas as centrais acordaron iniciar un calendario de protestas. 

Os sindicatos denuncian que a Xunta negouse na Mesa Sectorial a abordar un calendario de recuperación dos acordos salariais e laborais suspendidos 

Así, os representantes dos traballadores censuran que o Sergas rexeite negociar a recuperación dos dereitos "roubados ao persoal durante a crise" e critican que, malia insistir durante anos no "conxuntural" da situación e na recuperación económica dos últimos exercicios, a Xunta négase a que a reversión deses acordos retributivos suspendidos teñan o seu reflexo nos Orzamentos que o Goberno de Feijóo elabora para o vindeiro ano 2018.

A Mesa Sectorial celebrouse despois de varias solicitudes dos sindicatos en xullo, co obxectivo de negociar un calendario para recuperar eses acordos en suspenso. As centrais critican a "incongruencia" de que asegure que nada se poderá avanzar ata que os Orzamentos estean finalizados, "en lugar de solicitar unha partida para esta recuperación e incluíla nas Contas", advirten CESM e Omega. 

“Segundo Feijóo, este é o segundo ano da recuperación económica, pero mentres nos Orzamentos de 2016 o Goberno do PP incluíu un incremento salarial para altos cargos do 7,5% e do 7 %, o persoal da sanidade segue cos soldos conxelados", di María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, que cre que non se pode "consentir" que "sigan a roubarnos os nosos salarios e as nosas condicións laborais". "Esiximos a negociación dun calendario de recuperación salarial e que as contas de 2018 tamén sexan os orzamentos da recuperación do persoal do Sergas", di. 

As centrais lembran que a carreira profesional está "paralizada"

"Temos a carreira profesional paralizada, falta que nos devolvan tres días de asuntos propios e somos os únicos traballadores e traballadoras da Xunta con descontos por baixa laboral, diminuíndo o noso salario un 50 % os tres primeiros días", denuncia Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade, que reclama tamén a recuperación salarial, a xornada laboral de 35 horas e unha oferta pública de emprego "excepcional" que permita cubrir de xeito estable case 7.000 prazas na sanidade pública, seguindo o criterio aprobado hai meses polo Ministerio de Facenda.

As centrais lembran que a carreira profesional está "paralizada" e a CIG asegura que “menos do 40% do persoal do Sergas cobra algún grao de carreira”. "Néganse mesmo a falar do desenvolvemento da carreira profesional ordinaria", insiste CESM, que di que só queda "adoptar unha actitude de presión máis belixerante co fin de que se inclúan nos Orzamentos de 2018 a partida económica necesaria para negociar a carreira profesional e os dereitos perdidos".