O conselleiro de Sanidade responde á ministra que ve "improcedente" remitir a información porque o sistema informático para facelo aínda non está desenvolvido e afirma que "todas as comunidades gobernadas polo PP" teñen bos resultados
O escándalo polos fallos nos cribados de cancro de mama en Andalucía provocou que nas últimas semanas os focos do debate político virasen cara ao xeito de xestionar estas probas en cada servizo de saúde. Tamén por parte do Ministerio de Sanidade, que ao fío da crise andaluza reclamou formalmente a todas autonomías diversos datos dos seus cribados de cancro de mama, colorrectal e cérvix para, indicou a ministra Mónica García, "reforzar a vixilancia".
Como en diversos conflitos co Goberno de España, a Xunta dá en secundar a directriz xeral da dirección do PP e non remitirá eses datos. Así o ratificou este 21 de outubro o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha carta dirixida á ministra e redactada en termos practicamente idénticos ao dos seus homólogos doutros gobernos do partido que dirixe Alberto Núñez Feijóo.
Nesa misiva, Caamaño evidencia que estes programas de cribado poboacional son "competencia exclusiva" de cada autonomía. E, agrega o responsable do Goberno galego, "todas as comunidades gobernadas polo Partido Popular dispoñen dende hai tempo de programas consolidados, baseados na evidencia científica e con resultados equiparables ou superiores aos estándares europeos.
A negativa, confirmada nunha carta redactada en termos case idénticos ás enviadas polas demais autonomías do PP, contrasta con múltiplas exposicións públicas nas que Sanidade evidencia bos resultados dos seus cribados
Mentres, reprocha, o Ministerio "non dispón dunha rede propia de cribados" nin de "sistemas de información" ou "indicadores de calidade" que "vaian alén dos datos de cobertura e participación". Ademais, considera o conselleiro "especialmente significativo" que o departamento estatal "aínda non concluíse o desenvolvemento do sistema informático para a recollida e carga dos datos solicitados" nun contexto no que o documento que a vai rexer "se atopa en proceso de revisión" por mor de "dificultades técnicas manifestadas por varias comunidades autónomas".
Neste contexto, Gómez Caamaño conclúe que é "improcedente esixir neste momento a remisión da información solicitada" por "non estar estabilizado o modelo nin garantida a súa estabilidade". Os fins da petición, acusa, "semellan máis políticos ca técnicos". "Non imos contribuír a unha iniciativa que, lonxe de mellorar os programas, semella responder unicamente a unha estratexia de confrontación política e de distracción a respecto das carencias de xestión do propio Ministerio", conclúe antes de lanzarlle reproches en materias como a "grave falta de médicos" e de afirmar que a Xunta mantén "a máxima transparencia".

Esta negativa a facilitar os datos contrasta con diversas exposicións públicas nas que a propia Consellería de Sanidade se vén gabando dos bos resultados dos seus programas de detección precoz de cancro. Así, por exemplo, a principios deste 2025 a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, resaltaba que "grazas ao cribado somos quen de detectar o 66% dos cancros de mama en estadios iniciais". Datos coma este son divulgados polo propio Goberno galego a través do espazo do sitio web do Sergas dedicado aos diversos cribados poboacionais.
Os Orzamentos do Sergas en 2026
Este tirapuxa entre a Consellería e o Ministerio de Sanidade prodúcese en pleno trámite dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2026. A partida sanitaria medra neles un 4,09% ata chegar aos 5.426 millóns de euros nun contexto no que, non obstante, vén sendo habitual que os fondos orzamentados non sexan dabondo e cumpran inxeccións adicionais ao longo do exercicio para afrontar gastos como salarios ou farmacia, tal e como vén advertindo recorrentemente o Consello de Contas.
O orzamento do Sergas medra en 203 millóns para 2026 aínda que a partida de saúde pública comeza con 3 millóns menos que en 2025
As contas do Servizo Galego de Saúde contarán de inicio con 5.535 millóns -agregan fondos sanitarios e de I+D-, 203 máis que no ano previo. O principal incremento absoluto prodúcese na área de atención hospitalaria, que chega aos 3.478, seguida da Primaria, que disporá de 79 millóns orzamentados máis que hai un ano. Mentres -tras diversos cambios organizativos entre Consellería e Sergas- a dirección e servizos xerais custará 9 millóns menos e a partida de saúde pública, da que dependen os cribados, retrocede en 3 millóns.